20200929

Demografía

Demografía

    Esta tempada pasada teñen xurdido comentarios na bisbarra da Mariña de Lugo sobre a incidencia da pandemia no asentamento da poboación, con movementos que virían afectar a un aumento de residentes censados en Barreiros, Foz ou Ribadeo. A falta de confirmación das cifras, os argumentos son claros: onde se vive mellor e máis seguro? A resposta argumentativa, por parte dos locais, é clara: aquí. Natureza, pureza de aire, auga e terra, tranquilidade, falta de distancias... ou é que non se está a converter nun destino turístico por excelencia? Así, a atracción de xente á zona estaría cantada unha vez que foxen da aglomeración contaxiativa das cidades.
    Coido que no parágrafo anterior habería ao menos tres cousas a obxectar. Serían os números, as bondades e a contradición. Explícome.
    En canto ós números, botando man dos datos dispoñibles de xeito público, os máis actualizados son os co censo de electores, liberados con datos de comezos de cada mes, e dos que os últimos dispoñibles agora mesmo son os de agosto. Certo que non é o de residentes, que sería o propio, pero si unha indicación abondo fiable pola súa relación. Pois entre abril e agosto, nos concellos supostamente afectados, as variacións son comparables ás doutros anos. Hai tan só un par de días algún medio citou de xeito textual a algún alcalde falando de novas inscricións que suporían o 2,5 % da poboación, pero con aumentos de residentes de só o 0,3 %. As contas non casan moi ben sen moito esforzo, e ó final, o que conta, vóltase ó aumento do 0,3 %, normal nestes anos en época de verán. Polo momento, unha cousa é que se teña notado que chegou xente mesmo cando non estaba permitido, e outra que se afinque de xeito permanente.
    En canto ás bondades, cando se expoñen pola nosa parte, polos que queremos á nosa terra, tendemos a sobreponderalas, esquecendo de xeito correlativo as maldades, que tamén contan. Entre elas, o paulatino illamento da zona en transporte público ou a calidade mellorable de internet, que habería que contrapoñer na balanza ós pequenos recorridos necesarios para a vida diaria, considerados avantaxe se vives nun pobo e non nunha aldea, e non tes necesidade de usar os servizos asociados a unha poboación grande. Sen ir máis lonxe, estes días está en marcha unha campaña de sinaturas para tentar que se restableza o servizo de ferrocarril, na actualidade só un tren de ida e outro de volta no que é máis ben unha falta de servizo. E ben, aínda que no resto dos temas tamén se poderían contrapoñer pegas, coido que todos -locais e forasteiros- estamos de acordo en que a calidade de vida tende a ser mellor por estes lares. Pero en calquera caso, hai que lembrar que se a xente non se ten vido para aquí en masa xa antes da pandemia é por algo, sexa o sitio onde están os empregos (aínda coa posibilidade de teletraballo en aumento), a diferencia de soldo, ou mesmo en máis dun caso, non verse afogado por unha vida considerada demasiado tranquila.
    En canto ó último punto, a contradición, é máis difícil de acoller, pois é moito máis difuso que os anteriores. Resúmese en algo así como querer nada e gardar a roupa. En xeral, estamos encantados de ser lugar de acollida, de que aumente a poboación, esquecendo que iso significa... que a poboación aumenta! É dicir, que aumenta o número de xente e con iso, tenden a diminuír as bondades ás que se alude precisamente por ter baixa poboación.
    E un aparte. Que significa demográficamente? Coido que está por ver a influenza posible dun movemento así na pirámide demográfica dunha comarca (tres comarcas, segundo a Xunta) que leva perdido o 10 % da súa poboación nos últimos corenta anos, aínda sen a crise provocada pola evolución de Alcoa, motor industrial da zona.

2 comentarios:

Ángel de Olavide dixo...

Un lujo tenerte pensando. Mientras algunos se dedican a las alharacas alguien tiene que depurar las cifras y pensar en el sentido de las mismas.

agremon dixo...

Gracias, Ángel!