Hai xa tempo, propuxen aquí mesmo a formación en Ribadeo dun 'IESRiR' ou algo semellante para potenciar o coñecemento deste lar noso, o entorno de Ribadeo e a ría. Daquela (2007), a AVV O Tesón estaba en pleno funcionamento, o mesmo que a Paco Lanza, e deixábanse notar outras iniciativas máis illadas, pero ningunha delas tiña o perfil que observaba no IESCHA, asociación que foi a que me suxeriu a proposta, e o nome.
O IESCHA, Instituto de Estudos Chairegos, seguiu dende aquela o seu camiño máis ou menos na mesma liña. Un encontro hai uns días levoume a lembrar a proposta, pasarme pola súa web, https://estudoschairegos.wixsite.com/iescha, e pensar na súa última actividade, deseñada para tempos de pandemia: a celebración virtual homenaxeando a MANUEL MARÍA. En que consiste? Na publicación diaria durante mes e medio dun vídeo con diferentes visións de persoas varias sobre Manuel María. Unha celebración que solapa con outras actividades do IESCHA, como o autocine coa proxección de María Solinha, e que manifesta unha vitalidade xuvenil desta asociación con sede en Vilalba e con 20 anos ás costas.
Deixo abaixo o vídeo de presentación da campaña de homenaxe a Manuel María.
Ningún comentario:
Publicar un comentario