20201006

Ai, Galicia!

   "Galicia, la comunidad en la que hay que pagar para acceder a los datos COVID por ayuntamientos". Ese é o título dunha nova publicada onte por eldiario.es que ata recolle un tuit de Fernando Suárez Barcia, actual alcalde de Ribadeo mentres se pregunta entre outras cousas como pode seguir funcionando o fluxo continuado de información estatística desglosada do coronavirus nun xornal mentres a Xunta se nega a facer públicos os datos. Por certo que tamén onte, no Xornal da Mariña, saía un titular en relación ó tema, xunto a unha fotografía do alcalde, que era abondo contraditorio: "Suárez desminte cifras da Covid-19 en Ribadeo e esixe información á Xunta: “desalenta saber pola prensa”". Digo contraditorio porque se 'sabe pola prensa' non pode 'desmentir' ó mesmo tempo, aínda que consiga información relativa, pois non ten por que ser do mesmo día, ou empregando exactamente o mesmo criterio, ou... Polo menos, iso parece, aínda que a falta de información unificada, e sobre todo, transparente e directa, fai posible esa defensa, aínda a costa de posibles contradicións.

   Pero, mentras, a FEGAMP reclama con toda lóxica que o executivo galego cumpra a palabra dada (de facer públicos os datos) con argumentos: os datos son necesarios para artellar unha resposta a eses mesmos datos. Datos que ademáis, non deben ser privatizados (son datos do público sobre un tema público necesarios para tomar medidas públicas... e poderíamos continuar coa súa publicidade -aínda que soe mal-).

   Por certo, falando de publicidade, a nota de prensa do concello que deu lugar a máis dun titular, está aquí, por se alguén quere achegarse a ela e opinar máis de primeiras, coñecendo ao menos unha versión enteira.

   E, para rematar, cómpre disculpar dalgún xeito a desaparición de datos privatizando algúns dos que non se pode verificar de xeito doado a súa bondade?

Ningún comentario: