20201015

Grazas a ti, que das para todos

 

   A anterior é unha versión propia dunha imaxe que se pode ver no sitio XKCD, (ben feitiña e con licenza Creative Commons Attribution-NonCommercial 2.5 License, ou sexa, que podería usala en troques desta) que me deu que pensar despois de prestarlle o meu recoñecemento automático. Recoñecemento á idea, como usuario dunha tecnoloxía e infraestutura que depende, dependeu e dependerá de xente anónima, e recoñecemento a esa mesma xente que existe aínda que non o pareza.

   Á idea que recollín engadinlle un pouco de creatividade: a miña imaxe ten unha base irregular, as pezas que se van incrementando na estrutura non son perfectas, varían de forma, tamaño, presenza... e o 'sistema actual', esa última capa que vemos e que reloce cando a usamos, que parece 'case' perfecta, na imaxe iso, reloce, destaca como se fose a única, obviando todo o que hai debaixo e que fai posible que esté onde está e como está. Mais ese mesmo estado 'actual' é imperfecto, está en cambio, en evolución contínua.,Ademais de ter unhas bases que, coa mirada de hoxe, non parecen tan perfectas, senón diversas, bizarras, case incomprensibles no seu significado ou incomprensible que podan estar aí como soporte da sofistificación actual. Mais están, E, ás veces, algunha desas pezas mínimas segue a depender dunha única persoa, que coida dela de xeito anónimo, sen recoñecemento, Unha peza que como outras moitas comezou así, pero ó contrario doutras, que lograron un equipo, unha entidade, unha empresa que as continuara, que foron financiadas... segue así. Pode remprazarse, mellorarse...? Si, seguro, pero non o fai ninguén, e desenvolve unha labor que só destacaría se nalgún momento fallara.

   Hoxe por hoxe pode verse que a grande construción da sociedade humana foi complicándose pouco a pouco e ten nós cruciais en número insospeitado e en 'lugares' máis insospeitados aínda. Nós ás veces moi pequenos, ou case ocultos, que non parecen cruciais, pero que o son, porque todo na complexa estrutura da nosa sociedade tecnolóxica o é. Mantidos por xente anónima, que pon o seu traballo, o seu tempo, o seu facer, ó servizo de todos. Grazas.

Ningún comentario: