20201116

Da historia da agricultura a Amazon, pasando por riba de nós

Da historia da agricultura a Amazon, pasando por riba de nós

    Mirando cara atrás, a historia apunta a que os abonos pasaron a ser necesarios cando se intensificaron os cultivos, pero sobre todo cando os cultivos foron destinados a consumir lonxe de onde se producían. Nese momento, os refugallos xerados, incluído esterco e defecacións humanas, non ían a parar ó mesmo lugar de onde saían os recursos. É dicir, comezouse a desviar un recurso vivificador da terra a outro lugar onde se converteu nun inconveniente cheirento e foco de enfermidades. Ese proceso de exportación produciu un desequilibrio, unha 'descapitalización' dos recursos da terra no lugar de cultivo, que pola contra, producían unha acumulación, 'capitalización' insana arredor do lugar de consumo. Ou, dito doutro xeito, o despoxo de recursos duns lugares co traslado e acumulación noutros -transformación para dar como resultado outros produtos incluída ou non- creou dúas necesidades: unha, a de aportación 'artificial' de abonos (ó fin, 'recursos externos') e outra, a procura de formas e lugares de acumulación do que pasou a ser refugallos, uns recursos cos non se sabía que facer e que pasaron por contra, a ser molestos pola súa sobreacumulación. Ou sexa, os humanos tivemos que reequilibrar o que antes desequilibramos para poder subsistir. adaptamos o noso sistema ó mundo no que vivimos , pois cambiar o mundo a grande escala non podíamos.

   Traslademos agora esa xa vella historia á actualidade. Mentres os comercios foron locais, cun circuíto comercial local e pouca interacción / dependencia de empresas externas, de fóra do lugar, o ecosistema económico mantívose máis ou menos en equilibrio, mesmo sen grandes diferenzas entre lugares. Mais iso pouco a pouco foi cambiando ata chegar á actualidade, cando o pequeno comercio local vese con moitas dificultades para poder competir en variedade de oferta ou prezos con grandes empresas multinacionais. Isto implica unha drenaxe de cartos -ese símbolo que ven a equivaler a riqueza material- de pequenas comunidades que ven secar os seus recursos, a grandes vilas onde están as sedes das grandes empresas e os seus directivos e propietarios, que acumulan eses cartos -recursos- en cantidades nas que resulta difícil manexalos, ao menos s eo miramos dende a escala á que estamos afeitos a case totalidade da xente. Un exemplo. Collamos a Amancio Ortega, uns 57 000 000 000 € de capital este ano. A un ritmo de gasto de 25 € por segundo, tardaríanse uns 80 anos, a vida media dunha persoa en España na actualidade, en evaporarse. Iso, se non temos en conta que os intereses dunha cantidade así dan para que segan medrando, aínda con ese nivel de gasto, equivalente nun segundo ó de moitas familias nun día enteiro, ou sexa, 86 000 veces superior. Por certo, un ritmo que é equivalente ó de xeracion de recursos propios de Amancio Ortega ó longo da súa vida.

   Ou sexa, para reequilibrar / revitalizar a economía local das pequenas e non tan pequenas poboacións e comercios, necesítase un 'abono' continuado, un capital externo subministrado de xeito continuo, unha dependencia. É dicir, a economía na que estamos inmersos neste sistema pasa a ser dependente. En principio, das institucións administrativas, do estado, como primeiro reequilibrador. Mais, cun estado debilitado polo sistema e os intereses privados, dependentes das concesións e doazóns privadas. Unha gaiola autoconstruída da que non sabemos moi ben como saír, pero da que cada vez necesitamos máis o facelo.

Ningún comentario: