Medo
"A xente ten medo". Unha afirmación xenérica que collo dun artigo no que un representante partidario ataca a que el di que é a postura dun goberno municipal. Naturalmente, unha postura que interpreta a través dos seus propios filtros, da súa propia postura.
Chámanme a atención varias cousas en relación a unha frase tan curta.
Chámama pola indefinición de 'xente'. Inatacable porque evidentemente hai xente que ten medo. A calquera cousa. E calquera temos os nosos medos. Coido que ata a hai temerosa de que lle toque a lotería, impulsándoa a non xogar. Pero iso non precisa que a case toda a xente, que lle toque a lotería non é algo que lle produza medo. De feito, eu mesmo non soo xogar á lotería, pero non por esa causa. Ou sexa, unha xente que pode ser calquera ou ninguén.
Medo. A que? Eu teño medo, si. De feito, non un só, senón que podería falar en plural, 'medos'. Pero non por iso pido protección para os meus medos, traducida no artigo de referencia na petición de máis cámaras de seguridade desas que vixían a todos. Desas que os malfeitores estudan como esquivar, e rematan afectando ás persoas que cren que non deben temer nada ás cámaras. Desas que producen á longa máis medo.
Unha tradución a feitos que tamén pide que se faga más presente a policía. O que me lembra que reclamei no seu momento, -hai máis dunha década, e por certo, sen éxito- o cumprimento da promesa dun alcalde da ampliación de horario policial. Como medida complementaria, non suplementaria. É dicir, algo a engadir de xeito conxuntural a outras medidas reclamadas, e non unha cousa permanente que viñera a suplir accións para eliminar as causas que facían conveniente a ampliación horaria.
Pero o que máis me chamou a atención foi, unha vez máis, a instigación ó medo, a súa potenciación. Un comportamento equivalente a quen ceba un sistema retroalimentándoo, para que aumente a saída. Algo que se empregaba ata o de agora para que aumente o bo, non o malo, non para producir unha enfermidade social facendo medrar un sentimento negativo.
E é que nunha sociedade como a actual, onde o individuo está limitado no exercicio da súa maioría de idade polas institucións que a sociedade acepta, levamos tamén xa tempo sometidos a estruturas non elixidas que tentan levarnos a un curro que nos deixe presos de quen as manexan, sexan políticos, empresas ou o que sexa... mesmo ofrecéndonos un mundo peor (a lembrar que a relixión tenta levarnos a un curro, pero ofrecéndonos un mundo mellor...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario