Si, Galicia está a envellecer. Iso din os números das estatísticas. E o envellecemento mesmo parece acelerarse a medida que se mantén a taxa reprodutiva á baixa no longo prazo.
Pode discutirse se o envellecemento poboacional é bo ou malo, pero non ten sentido facelo de xeito absoluto, pois é algo relativo. Si, moita xente, ó ler o comezo deste parágrafo terán levado as mans á cabeza, pero, con todas as circunstancias que se lle podan meter -e poden ser moitas- non é o mesmo elevar a media de idade de 18 a 20 anos, ou sexa, dous anos nunha sociedade constituída por xente nova, que de 48 a 50 anos, é dicir, dous anos nunha sociedade de xente moi maior. No primeiro caso, significa sobre todo unha sociedade dous anos máis madura, mentres que no segundo é máis ben unha falta de renovación social. Dubida alguén que o despegue económico e tecnolóxico de China ten algo que ver co aumento da idade media da súa poboación (19 anos en 1970, 38 anos na actualidade), relacionado cun castigo gobernamental da natalidade? E que o estancamento do Xapón ten unha compoñente no aumento da idade media da súa poboación (37 anos en 1990, 48 anos na actualidade), encamiñada á vellez como idade media?
O envellecemento individual é algo natural. O envellecemento social, non: é só unha simple posibilidade. E é que nunha sociedade, o envellecer social é algo máis que o envellecer en idade a media da súa poboación. É resultado de varios factores, entre o que se atopa o aumento da idade media da poboación como un máis deles, pero dentro de certos límites, pode que nin moito menos o máis importante.
Volvamos a Galicia. Poderiamos ter unha sociedade de vellos, pero non moi envellecida como sociedade. Vellos dinámicos, con capacidade de desenvolver novas ideas... Coido que non é así, aínda que nos últimos anos o ritmo de envellecemento social tense freado ó acceder a idades elevadas unha xeración máis aberta ó mundo, con maior número dos seus compoñentes interactivos máis aló da partida despois de comer ou do mantemento da terra á que levan adicada a súa vida, e cunha certa ansia de seguir activos en labores elixidas de xeito voluntario máis que por costume. Pode que non sexa o movemento de maiores que se observa noutros lugares, pero si se deixa notar a diferencia.
Mais estamos desviados se, variando o rumbo, nos centramos e illamos só o envellecemento social, e nos esquecemos de que a saúde da sociedade enteira pasa tamén pola procura de non amputar partes do seu corpo, sen ir máis lonxe, a xuventude abocada a emigrar. Ou por procurar unha renovación, non só de coñecementos e métodos no desenvolvemento social, senón tamén das persoas que a integran, vía nacementos. Ou pola integración doutras persoas que veñen de fóra.
Na nosa sociedade, vello segue a ser unha verba de connotacións negativas...
Ningún comentario:
Publicar un comentario