20201101

Un caso

Terceira idade. Fiestra viva. Galicia (Spain) Lic CCBYSA 2.0 Edward Morgan, Galipedia.

   Unha persoa maior, muller, unha presunta estafa... está ben da cabeza? Son os elementos do caso. Vaiamos ós pormenores.

   Vaia por diante que escribo a partir dunha conversa cazada ó azar e posterior consulta a un dos contertulios, sen tomar nota de xeito directo.

   O día anterior, a señora, xa a non faltando moito para o toque de queda, recibe unha visita na súa casa. Trátase dun matrimonio duns 55 anos el, algo máis nova ela, e un rapaz, de vintetantos. Non os coñece, pero abriu, e unha vez aberto, o que lle din é que ten hipotecada a casa e que o banco vailla embargar. No aturullamento do momento, preséntanlle uns papeis para asinar. Papeis que asina pensando en que non pode ofrecer resistencia, que a poden zurrar. Querería lelos, pero sácanllos de diante, e vanse. Queda en estado de choque e non reacciona ata o día seguinte. Dillo a unha veciña e a veciña lévaa á cafetería do seu fillo, onde oio a conversa. Tamén chamadas telefónicas. Antes de ir aló, a Guardia Civil teríalle dito que para denunciar ten que trasladarse ó cuartel, a Burela (intúo que vive nalgúna lugar entre Foz e Burela, e estamos en Foz, pero non me cadran totalmente as cousas porque non ten coche, está falando de ir en taxi). Coa intervención da familia do fillo da amiga, volven chamar á Guardia Civil, e a resposta que se percibe a través das verbas da persoa que chama, é que se non sabe que asinou, non lle roubaron nada, non a atacaron, non sabe quenes son... mellor deixe estar así a cousa e evítase as molestias. De calquera xeito -e iso xa o penso eu- non lle van quitar o medo do corpo dunha persoa maior (80+) soa e que se ve indefensa. Mais, antes do consello, preguntas sobre a situación, claro, e sobre a 'situación da señora': está ben da cabeza? A resposta é taxante (e corresponde coa realidade polo que podo observar da escea): da cabeza está perfectamente. Mais a pregunta non deixa de ser un elemento perturbados máis na situación actual, por moito que sexa un dato necesario (innecesario se se considera que está chamando outra terceira persoa, despois de intervir a súa nai, etc).

   Poderá dicirse que coa situación actual aumenta a 'picaresca'. Pero é que 'situación actual' é tanto a pandemia e os seus efectos como a despoboación de xente nova da nosa terra. E a situación tamén é a dela: polo momento non hai máis, pero sábese marcada, no punto de mira de intrusos, e marcada tamén para ela mesma, co medo.

   Os nosos maiores suman a indefensión, non só contra o virus, senón tamén da idade ou dunhas redes sociais máis tenues. Necesitan -necesitamos- un aumento de solidariedade, pero non de sentemento, solidariedade sentimental, ou non só, senón de interacción: solidariedade interactiva. Implicada e imbricada nas nosas relacións, na nosa vida diaria, no que somos como individuos e como sociedade. Algo que implique os nosos maiores -en realidade, todos nós- estén menos sós, máis integrados socialmente de xeito normal. Non tanto unha rede de protección, que tamén, como unha rede de vida. Mentres, ó escoitar case como se dun conto se tratase un episodio así sucedido a outra persoa, un sente a indefensión allea.

Ningún comentario: