20201111

Un iceberg dúas veces o tamaño da Mariña

Hai máis de tres anos deixaba esta entrada: Un billón de toneladas de xeo. daquela, a nova era que estaba recén desprendido da Plataforma Larsen C da Antártida un xigantesco iceberg de máis de 100 km de longo. Tardou tempo, uns dous anos e medio, en afastarse da Península Antártica, deixando atrás o punmto máis ó norte do continente xeado. Pero este ano, xa no océano aberto, arrastrado pola corrente, está a moverse moito máis rápido, e posiblemente chegue a colisionar contra unha illa colonia británica, Xeorxia do Sur (si, a base máis próxima que usaron os británicos cando atacaron as Malvinas).

O caso é que tan xigantesco anaco de xeo (A-68A por nome) pode tardar dez anos en derreterse substancialmente. E iso aínda despois de partirse en anacos máis pequenos, pois o orixinal chamábase A-68, do que o A-68A é o maior.

E o choque é un problema medioambiental para as illas. Mirando o tamaño relativo na imaxe da ESA que relata o seu movemento  ata a actualidade coido que pode comprenderse de xeito doado:

E é que a distancia actual de separación coa illa, uns 300 km, é só unhas tres veces a súa lonxitude, e o tamaño da illa, 3756 km2, é semellante ó de A-68A. Se pode deixar a costa sur da illa cuberta dunha grosa capa de xeo durante dez anos, o ecosistema dunha zona superior á Mariña resentirase... Cousas do cambio climático? Máis ben, cousas que acelera o cambio climático, pois desprendemento de icebergas xigantes habíaos de antes, pero non na cantidade que hai agora. Así, sen ir máis lonxe hai pouco máis dun ano desprendeuse outro que podería dar de beber a Ribadeo durante... 300 000 anos, o D28.

Ningún comentario: