O observatorio de aves, tal como estaba ata o de agora,nunha imaxe de Google Street View. |
Onte pasei por alí. Ó ir co meu propio motor humano e non co mecánico de explosión, foime doado o parar, ver e aprezar. Chocoume e fíxeno. Non sabía nada, quizais foi iso o que aumentou a miña curiosidade. Hoxe xa vin a nota de prensa do concello e unha pequena nota no xornal: o observatorio de aves á beira da ría foi desmontado, servindo para facer o chan horizontal nunha área un pouco maior do que xa tiña, e as pedras grandes, para limitar o terreo.
Pregúntome como será a protección para evitar que a nova estrutura se convirta de novo nun mexadoiro. Pero, mentres, benvido sexa se logra atraer a atención por un lugar que a merece, como excelente atalaia para observar as aves que pululan pola ría de Ribadeo.
Asemade, en lugar non lonxe deste, tamén observei que a antiga vía do ferrocarril desbrozouse nun pequeno tramo. Aínda que a nota de prensa non diga nada sobre o particular, espero que sexa o comezo dunha acción para recuperar outro tramo para o seu uso para camiñantes e ciclistas.
Por certo, o muro pintado que aparece á esquerda da foto, coido que foi abondo anterior a os 'hai 20 anos' que di o alcalde, pero polo momento non teño información que poda presentar como confirmación.
Deixo en baixo a situación (case no centro da imaxe de OpenStreetMap, xusto no cartel N-642, ó norte de Reme), un par de fotos tomadas onte, e despois, a nota do concello.
--
BARCIA, DÍAZ E MUNDIÑA VISITARON A VELLA INSTALACIÓN
Miradoiro de aves
19/12/2020
O Concello iniciou a recuperación ambiental do miradoiro de aves sobre a ría, que está situado en Reme na parroquia de Ove. O alcalde, Fernando Suárez, indicou que ten case 20 anos e que se foi deteriorando co paso do tempo. O investimento ascende a 24 200 euros.
O rexedor dixo que "nos últimos anos o Concello leva promovido unha serie de actuacións destinadas á recuperación ambiental e posta en valor da Ría de Ribadeo. Actualmente, como socios do proxecto Life Fluvial, onde temos a sorte de traballar con entidades da talla das Universidades de Oviedo, Santiago de Compostela e Lisboa, entre outras, estamos a continuar coa substitución de especies invasoras como o eucalipto por outras autóctonas, propias do noso hábitat, na marxe galega da Ría de Ribadeo".
Suárez Barcia subliñou que "neste compromiso que seguimos coa protección do medio ambiente e dos espazos aturais, onte comezamos as obras dun proxecto un pouco máis modesto, pero non menos necesario. Estes traballos consisten na recuperación ambiental do miradoiro de aves situado sobre a Ría de Ribadeo en Reme, na parroquia de Ove. Esta infraestrutura, que conta con case 20 anos, foise deteriorando co paso do tempo, ademais de presentar evidentes signos de vandalismo".
O alcalde ribadense explicou que "a actuación en si consiste no desmonte do actual observatorio e do monólito situado ao seu carón, para posteriormente situar un novo observatorio, aberto á estrada nacional N-642 co fin de tentar evitar os danos vandálicos que presenta o equipamento actual. Por outra banda, eliminaranse 3 pés de eucalipto co fin de mellorar a observación da Ría dende este miradoiro, ademais de eliminar os lixos e vertidos difusos que se encontran polo entorno. Por último, instalaranse elementos de control tanto para os vehículos como para as persoas, para limitar o espazo que podan chegar a ocupar, ademais dun panel informativo acerca das normas de comportamento que se deben gardar neste espazo".
Fernando Suárez manifestou: "compre destacar que a actual infraestrutura fóra executada pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, pero á hora de querer acometer esta actuación encontrámonos con que o terreo sobre o que se sitúa era de titularidade privada, polo que nun primeiro momento tivemos que levar a cabo unha labor de investigación co fin de dar cos actuais propietarios, os cales, finalmente nos cederon os terreos ao Concello, algo indispensable para poder executar estes traballos".
O rexedor engadiu que "o presuposto dos traballos a realizar é de 24 200 euros, dos que nos subvencionan 20 000, en dúas anualidades A axuda é da Rede Natura, da dirección xeral de Patrimonio Natural da Conselleria de Medio ambiente".
O vello miradoiro no que se está actuar foi visitado nas últimas horas polo alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Medio Ambiente e Medio Rural, Jorge Díaz e Jesús Mundiña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario