Servizo
CC BY SA |
Coido que o servizo é quizais o mellor xeito de definir unha sociedade. De feito, seguino a pensar despois de ver que no dicionario da RAG, a verba 'servizo' ten ate nove acepcións. E lembreime do tema ó virme á cabeza uns espléndidos servizos nun museo dunha pequena cidade europea. Algo que me xurdiu ó preguntarme que servizos públicos tiña Ribadeo. Ó que á súa vez foi desencadeado ó ver tendidos nun entrante dunha tenda a dous vultos de indixentes no anoitecer dun día frío e húmido. Unha cadea de pensamentos na que cada elo pode dar lugar non a un artigo, senón a un amplo estudo. Se nos contentamos coa definición da RAG, nunha ollada rápida...
Servizo. substantivo masculino.
1 Acción e efecto de servir. Prestar un servizo. Neste restaurante o servizo é rápido. A sociedade ten que prestar un servizo. O servizo de acubillo das persoas que a constituímos.
2 Traballo ou actividade de utilidade pública e organismo que asegura a súa realización. Está de servizo no hospital esta fin de semana. Morreu en acto de servizo. Servizo de correo. Os organismos de que nos dotamos son iso, os órganos da sociedade para o seu funcionamento. Teñen utilidade, non hai órgano que poda estar ocioso ou ser malfuncional sen sufrir unha enfermidade social.
3 Conxunto de obxectos utilizados para servir a mesa. Un servizo de porcelana de Sargadelos. Si, mesmo para dar de comer hai que estar organizado, ter servizos...
4 Conxunto de utensilios que se lle pon a cada comensal na mesa. Hai que pór un servizo máis, que chegou un novo convidado. SINÓNIMO cuberto. Tamén para comer dun xeito decente -civilizado- hai que ter servizos...
5 Peza dunha casa ou dun local onde está o inodoro. Por favor, onde está o servizo? SINÓNIMOS latrina, retrete, váter CONFRÓNTESE urinario. E para desfacerse do lixo, tamén, servizos. Este foi un traballo máis que a sociedade viu necesario incorporar ó medrar, perfeccionarse, facerse maior.
6 Conxunto de criados que traballan nunha casa. O servizo está de vacacións. SINÓNIMO servidume. Toda sociedade ten unha servidume para o seu mantemento. Mais, ó fin, todos debemos ser servizo para os demais, niso consiste a humanidade.
As tres últimas acepcións teñen un significado máis alegórico en relación á sociedade:
7 Paso de pé ou de carro polo que se accede a unha leira. O prado ten o servizo pola cima. Si, temos necesidade dun servizo, dunha servidume, para chegar onde queiramos. Ese sería o sinónimo neste caso: servidume.
8 Deporte Saque, en deportes como o tenis, voleibol etc. Errou o servizo. Hai veces que alguén ten que comezar. Ser o pioneiro, facer un servizo como tal, cun esforzo extra, ou cunha visión coa que arrastra á sociedade a novas metas, ou para seguir sendo sociedade en novos tempos.
9 Celebración litúrxica. O servizo relixioso tivo lugar na catedral. Que dicir das celebracións relixiosas? En principio, pretenden facer honra ó significado, prestar un servizo... Ou non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario