Do pleno do martes día 26 de xaneiro, xa teño comentado algunha cousa. Por unha beira, o monto do orzamento de 2021, e por outra o comentario sobre a nota de prensa da convocatoria do pleno. Sen a convocatoria e sen acta, deixo unha nova nota de prensa do concello, que trata do pleno sen que te enteres moito de que é así polos titulares e comezo. De novo, insisto, non é acta, senón nota de prensa, con todas as diferencias que leva consigo. O que si fixen esta vez foi variar a puntuación numérica para adaptala ás normas de uso legal en España.
Como apunte posterior, engado a nota de prensa do PP.
A INVESTIMENTOS DESTÍNASE 1 500 000 DE EUROS
Axuda para o asilo
27/01/2021
Aprobado no Concello de Ribadeo o orzamento municipal para 2021 que se aproxima aos 10 millóns de euros. O presuposto increméntase nun 8,25% con respecto ao do pasado ano e inclúe, por primeira vez, unha axuda directa de 25 000 euros destinada ao Hospital Asilo para seguir mellorando o servizo integral dese centro. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliña que se trata dun orzamento serio e solvente e agarda que dea a mellor resposta posible aos retos marcados para este ano.
O rexedor explicou que "neste pleno do día de onte, aprobamos os orzamentos para este ano 2021, que chegan case aos 10 millóns de euros e que soben un 8,25% con respecto ao ano anterior, sen que se vexan incrementados os impostos e as taxas que son de competencia municipal. Como xa dixemos nos días anteriores prevemos manter o nivel elevado de actuacións e servizos nas diferentes áreas nas que vimos traballando. Tamén se eximen as taxas pola ocupación de terrazas, como unha medida de apoio á hostalería, e mantemos as axudas para o tecido asociativo, tanto comercial como educativo, deportivo ou social. Consignamos, por primeira vez, unha partida de 25 000 euros de axuda directa ao Hospital Asilo, máis aló dos servizos e subministros dos que o Concello xa se viña facendo cargo ao longo da historia. Todo isto facémolo con ánimo de seguir mellorando o servizo integral nesa residencia tan importante para Ribadeo e que, xunto coa nova, dan un servizo indispensable a moitas persoas".
Suárez Barcia indicou que "incrementamos tamén notablemente o capítulo de inversión, que supera o millón e medio de euros, e que é financiado na gran maioría ben con fondos propios ou ben con fondos da Deputación de Lugo. Aquí desde logo, outro ano máis, botamos moito de menos os fondos da Xunta, e como isto é precisamente un presuposto confiemos que ao longo do ano se lle vaia vendo o envés das maos da Xunta. En todo caso, recollemos partidas para actuacións que consideramos moi importantes como é este vieiro paralelo á estación de Feve, diversas actuacións en espazos públicos e en rúas, tamén un plan de camiños de titularidade municipal nas diferentes parroquias, así como reposición de tramos da rede de abasto de auga, instalacións deportivas e sociais nas parroquias, mellora en eficiencia enerxética de alumeados e mellora na praza de abastos. Todo este forte incremento de inversións tamén se enmarca no proceso de reactivación económica que toca diferentes áreas".
O alcalde dixo: "en canto ás críticas que recibimos, especialmente do PP, que se os presupostos son tan malos non sei porqué non votaron en contra, lles explicamos os datos, por voz do meu compañeiro o concelleiro de Economía e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, que durante o ano 2020 o Concello viu incrementados os custos en medidas de prevención contra o covid en máis de 200 000 euros para atender a limpezas, a desinfeccións e outras accións semellantes, nun contexto ademais de redución de ingresos que cuantificamos en máis de 300 000 euros, dos que a Xunta gobernada polo PP, e recibindo fondos estatais e fondos europeos, tan só aportou ao Concello a pírrica cantidade de 9500 euros. Iso esqueceuse de dicilo o concelleiro Vega como tamén esqueceu as importantísimas achegas que o Concello fai ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cando é unha competencia autonómica e que no SAF básico, o de primeira atención, ademais de custealo nós e máis a Deputación, resulta que en numerosas ocasións tamén nos temos que acabar ocupando da atención ás persoas que requirirían o SAF da dependencia, que é autonómico, pero que como non os dan valorado, logo de meses e meses de espera pola falta de acción da Xunta, tense que acabar ocupando o Concello de Ribadeo, como outros Concellos".
Suárez Barcia engadiu que "no contexto social e económico no que vivimos, e dentro do ámbito das nosas competencias, tentamos facer un presuposto serio e solvente, coa intención de que dea a mellor resposta posible aos retos que temos por diante neste ano. E se logo outras administracións tan linguateiras pero logo tan parcas economicamente, como a Xunta, van aportando algo máis do escasamente previsto benvido será desde logo".
-- Nota de prensa do PP:
ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2021
❌ Os orzamentos municipais de Ribadeo para o ano 2021 aprobados polo goberno local do BNG non están pensados para combater a crise derivada da covid-19. Non teñen en conta a realidade actual: non pensan nas familias máis vulnerables nin recollen partida orzamentaria concreta para a reactivación económica de Ribadeo.
👉🏼 Tamén puxemos de manifesto no pleno deste martes que estes orzamentos son malos para Ribadeo. E sinalamos que dos 9,8 millóns de euros de orzamento municipal destinaranse 1,5 a inversión; pero que destes o Concello aporta única e exclusivamente 60.000 euros porque o resto son achegas doutras administracións.
👉🏼 O goberno local elevará a débeda do Concello no 2022 a 1,6 millóns de euros porque, despois de pedir un crédito de 550.000 euros o ano pasado e deixar sen investir 335.000 euros, volve pedir un novo crédito de 610.000 euros que tampouco aclara onde o vai investir.
👉🏼 Dende o Grupo Municipal Popular defendemos que nestes momentos de gran crise, os orzamentos deberían ser consensuados cos distintos grupos da Corporación municipal e co tecido económico do municipio e, polo tanto, lamentamos que non fora así. Con todo, comprometémonos a seguir traballando por Ribadeo e os ribadenses.
Outros asuntos do pleno 👇🏼
🔹 Tamén preguntamos ao goberno local polo número de xuízos perdidos e o diñeiro que nos costarán a tódolos ribadenses.
🔹 Elena Sierra preguntou polo horario e a periodicidade dos traballos de limpeza e desinfección dos parques, rúas e puntos concorridos, pero como resposta só recibiu divagacións e continuamos sen saber se existe unha planificación para estes traballos.
🔹 Elisa Rodríguez interesouse por coñecer cal é a empresa que xestiona actualmente a residencia de maiores de Ribadeo.
🔹 En relación á ordenanza reguladora das axudas para a conciliación da vida laboral e familiar en Ribadeo, Begoña Sanjurjo Santar lembrou que presentamos dúas veces alegacións para mellorar a súa redacción para beneficiar a tódolas familias que precisen empregar as ludotecas ou os programas de calquera dos centros educativos do municipio.
🔹 Tamén apoiamos a solicitude dunha axuda ao IDAE para a renovación das instalacións de iluminación, pero lembramos ao alcalde que as deficiencias no alumeado público da vila e das parroquias deben ser subsanadas con subvención ou sen ela.
🔹 O Grupo Municipal Popular apoiou tamén un proxecto de mellora medioambiental para a costa do noso concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario