Datos do exercicio 2017 |
É difícil saber dos orzamentos, máis aló das notas de prensa do concello (isto, no caso de Ribadeo). En Ribadeando procuro non perder de vista o tema, aínda que ás veces vaian cifras aproximadas. As fontes de datos, máis aló das notas de prensa, son a través de entidades pro transparencia, asociacións como okfn ou empresas como o caso da web https://presupuestos.gobierto.es ('a medio
camiño entre activismo e consultoría'). e procuro non despistarme e separar as novas de orzamentos das de corrupción (sen deixar de entrecruzalas como cando manifestei que o fraude fiscal a nivel España, prorateado a Ribadeo, daría para cubrir dúas veces o orzamento do concello)
Volvendo ó tema, o concello emitiu unha nota onte que reproduzo ó final, sobre os orzamentos 2021, onde se poden anotar algúns detalles a máis do monto total. E, antes, deixo dúas gráficas sobre a evolución dos orzamentos de Ribadeo na maior parte do século. Falta algún dato e outros son aproximados, mais na escala na que se presentan, eses detalles carecen de importancia. Si a ten que non se presentan desglosados, é dicir, inciando onde se gastan, cousa que pode chegar a ser máis interesante que a cifra de gasto total. Tampouco se teñen conta as variacións de poboación, para considerar o gasto per cápita, que no século leva baixado lixeiramente.
... pequeno aumento aparente |
pequena diminución real... |
A nota de prensa:
"
O CAPÍTULO DE INVERSIÓNS SUPERA O MILLÓN E MEDIO DE EUROS
Orzamento municipal para 2021
19/01/2021O orzamento municipal do Concello de Ribadeo para 2021 ascende a máis de 9.800.000 euros, o que supón un incremento do 8,25% con respecto ao de 2020. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, destacou que no presuposto, que se someterá a aprobación no vindeiro pleno, establécese a exención das taxas pola ocupación de terrazas como unha das medidas de apoio á hostalería, auméntase o fondo para familias con necesidades e créase unha axuda específica para a xestión do Hospital Asilo.
O edil ribadense dixo que "imos levar ao próximo pleno os orzamentos para o exercicio 2021, que se incrementan ata os 9.849.823 euros, é dicir máis de 750.000 euros con respecto ao ano anterior, o que supón un 8,25 % máis, e sen que se vexan incrementados os impostos e taxas que son competencia do Concello".
Vizoso Galdo subliñou que "estes orzamentos caracterízanse por manter o nivel elevado de actuacións e servizos nas diferentes áreas que ven realizando o Concello de Ribadeo. Recollen o incremento salarial do 0,9% establecido polo Estado para o persoal, aínda que non se aplicará aos órganos de goberno que se conxelarán. Establecen a exención das taxas pola ocupación de terrazas para todo o exercicio, como unha das medidas de apoio á hostalaría. E mantéñense as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios anteriores, para destinar a asociacións deportivas, culturais, clubs, etc".
O concelleiro de Economía explicou que "se incrementa notablemente o capitulo de inversión que supera o 1.500.000 euros, un 87% máis, e que é financiado na gran maioría fondos propios do Concello e procedentes da Deputación de Lugo.Así recollen partidas para actuacións que consideramos de vital importancia para Ribadeo como é o caso da estrada da Estación de Feve e diversas actuacións noutras rúas. Tamén se contemplan partidas importantes para o plan de camiños de titularidade municipal, saneamentos, adquisición de terreos, a reposición de tramos da rede de abastecemento de auga, de instalacións deportivas, de locais socias para as parroquias,o arranxo da praza de abastos e para melloras de eficiencia enerxética en alumeados públicos. Este forte incremento da inversión enmárcase no proceso de reactivación económica tocando diferentes áreas".
Pablo Vizoso indicou que "no ámbito social auméntase o fondo para familias con necesidades e crease unha axuda específica para a xestión do Hospital Asilo. E séguese mantendo a débeda do Concello nun niveis baixos na procura dunha xestión eficiente e do equilibrio orzamentario".
O edil nacionalista engadiu que "ademais de todas estas medidas e accións contempladas, os orzamentos vanse ver reforzados sobre todo no apoio ao comercio e a hostalaría e tamén no ámbito social coas achegas de plan único provincial da Deputación de Lugo, que xa está en marcha, e coas achegas que poidan proceder das xestións do Concello con outras administracións".
"
Ningún comentario:
Publicar un comentario