20210111

Menos mal que nos queda Portugal

   Teño a idea, dende que lembro, de que a frase 'menos mal que nos queda Portugal' non era desprezativa para os nosos veciños, senón todo o contrario, que significaba para nós o alivio dun socorro seguro se facía falta no último momento, e cos medios limitados que tiñan. Abondo máis adiante na miña vida atopeime coa interpretación do dito coa consideración de Portugal como o vagón de cola de Europa que permitía que España non ocupara ese lugar en tantas e tantas cousas. E ata co disco do mesmo título de Siniestro Total, que aló por 1984, xa a piques de entrar na (daquela) Comunidade Europea, recollían ó seu xeito o dito.

   Mais xa naquel 84 Portugal nos adiantara na chegada á democracia, e cunha entrada que en perspectiva coido que se pode cualificar como máis limpa ca nosa, ao menos no sentido de rachar co anterior. Con iso, para min, a frase cada vez tiña máis sentido en termos de posibilidades de apoio. Que tiveran menos cartos non significaba moito.  Significaba máis, en negativo, que os seus Mercedes foran acaparados por pouca xente. Ou, en positivo, que foran capaces de manter os ubicuos mosaicos.

   Tempo pasou dende aqueles anos, e dende Galicia puidemos ver como o desenvolvemento relativo do norte portugués foi maior que o noso, aínda que en renda per capita podan seguir por baixo. Ou tamén, falar do tirón organizado do aeroporto do Porto, que fai que moitos galegos o usen en detrimento dos 'nosos'. E aínda, do desenvolvemento en investigación, cun tirón que contrasta co que se está a facer en Galicia... Por suposto, nestes anos, en Portugal, non todo son cousas boas. Como botón de mostra, hai dous veráns puidemos contemplar como os incendios no centro de Portugal non tiñan fronte a eles estratexia e medios de loita convintes... polo demais, parello ó que pasa canda nós.

   Tamén puiden atopar entre un e outro tempo portugueses que non tiñan ben considerados ós galegos (ou a Galicia, ou ó galego) e xente en Galicia que tampouco tiñan ben considerados ós portugueses (ou a Portugal, ou ó portugués). Lembro por exemplo hai perto de dez anos unha conversa cunha portuguesa nun autobús na que me dixo algo como que a ela gustáballe falar castelán e non quería falar galego, que non era nada máis que un mal portugués. Para non ter un conflito internacional tentei calmar os ánimos e aí quedou a cousa.

   Mentres parece que Porto estivera abondo máis lonxe que de Valladolid para moitas cousas, coido que dicir que Galicia e Portugal teñen unha irmandade sentida non é algo baleiro de sentido. E que o achegamento entre ambas beiras da liña debe ir máis aló de se apuntarnos á 'hora de Portugal' ou non, ou de loitar por un mercado de pasaxeiros aeroportuarios ou cooperar, é algo a normalizar, non é ilóxico. Mais a realidade non vexo que camiñe nese sentido se non é nalgunha situación forzada. Verei ben ou é que me teño que graduar a vista?

Ningún comentario: