Por Nuestro Faro
Nota de Prensa
SENTENZA TRIBUNAL CONSTITUCIONAL
O día 20 de xaneiro tivemos coñecemento a través das redes sociais da sentenza do Tribunal Constitucional 134/2019, na que se declara inconstitucional o proxecto de urbanización da illa de Valdecañas, nun encoro da provincia de Cáceres. O proxecto, promovido pola Xunta de Estremadura e unha empresa privada, ven a trancas e barrancas dende 2005 polas reiteradas irregularidades e sentencias en contra. Pese ao cal a empresa e a Xunta de Estremadura seguiron adiante.
O colectivo Por Nuestro Faro ven de notificarlle a sentenza ao alcalde de Ribadeo, polas consecuencias que poda ter para os proxectos que se levan desenvolvido na Illa Pancha e os que se están a realizar na actualidade, coa anuencia e licenza do concello sen ter en conta as condicións legais que esixe a normativa sobre a rede Natura 2000.
O substancial desta sentencia -e onde garda paralelismo co caso da Illa Pancha- é que se trata dun proxecto de privatización de un espazo declarado Zona de Especial Protección de Aves, e acollido as normas da Rede Natura 2000, onde non se tiveron en conta as disposicións legais europeas asumidas e aprobadas polo estado español. Mesmo chegouse a unha modificación da lexislación autonómica, sobrepasando as competencias lexislativas como deixa moi claro o documento emitido polo Tribunal Constitucional. Dentro da mesma sentencia é moi destacado que as zonas afectadas pola Rede Natura 2000 non poden ser urbanizadas e que a “utilización dos terreos con valores ambientais que sexan obxecto da protección pola lexislación aplicable será sempre sometida á preservación de ditos valores e comprenderá de xeito único os actos de alteración do estado natural dos terreos que aquela lexislación expresamente autorice. Protección que acada aínda maior intensidade, se cabe, no caso dos espazos naturais especialmente protexidos e os incluídos na Rede Natura 2000”.
O parágrafo citado é moi interesante por coincidir plenamente cos informes do Defensor del Pueblo, emitido o primeiro o 17 de febreiro de 2017 e ratificado posteriormente en cinco informes máis ate o 10 de outubro de 2018. Informes que, como é sabido, foron obviados pola Autoridade Portuaria e polo concello de Ribadeo, tanto no proxecto inicial de apartamentos, como no da cafetería que se está executando actualmente.
Hai outro punto no que coinciden ambos proxectos e que non queremos deixar de suliñar. O mesmo que o proxecto estremeño ven de atrás, dende 2005, o de Ribadeo ten o seu comezo xa no 2013, e o mesmo que as autoridades estremeñas veñen apostando pola privatización da illa, o concello de Ribadeo ven dende o comezo renunciando a facer un uso público, cultural ou promocional e turístico do Faro e da Illa Pancha en beneficio de un uso privativo. Uso que mesmo impide a entrada da veciñanza e dos visitantes en contra das condicións esixidas polo propio concello no intre da concesión da licenza de actividade dos apartamentos o día 1 de decembro de 2017. Por se houbese algunha dúbida sobre esta intención privatizadora do concello, aí están as hemerotecas cas célebres declaracións do Sr. Alcalde -ao diario El Pais do día 25 de abril de 2014- cando afirmou que se trataba de “un premio para Ribadeo”.
No Colectivo por Nuestro Faro seguimos adiante procurando o ben do pobo e da illa. Entre as accións da última tempada, entramos en contacto coa organización Ecoloxistas en Acción, coa que estamos a estudar o emprender as acción legais que consideremos acaídas tras a revisión de todos os factores implicados.
Antes diso, resulta evidente que o concello de Ribadeo está desenvolvendo unha dinámica que o ten levado a un calello sen saída, con resultados moi negativos ata o momento. Nos próximos tempos verase forzado a un cambio de rumbo que levará a recuperación do equipamento público do faro da Illa Pancha para o servizo comunitario. Como debeu ser dende que a Autoridade Portuaria anunciou a sua intención de abrir os faros a outros usos distintos dos tradicionais.
Por último, compre suliñar que hai xa semanas preguntamos ao Sr. Alcalde para que se necesitaban dúas palas mecánicas non pequenas na Illa Pancha se a obra que agora se executa era a simple reforma do antigo garaxe para instalar unha cafetería. Preguntamos pero non temos resposta. Parece que só preguntar non sirve de nada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario