20210103

Progresión do coronavirus en Ribadeo (II)

   Despois de ter esperado varios días dende o artigo 'Progresión do coronavirus en Ribadeo', por fin aparece na web do concello unha nova nota de prensa que copio abaixo.

A data de 30/12 como data de cribado é indicativa, ó non terse difundido información sobre o tema máis que as notas do concello, coas deficiencias á vista.   

   Segue sen falarse da orixe do brote ou de como, seguindo os protocolos, xurdiu a expansión. Asemade, tamén se deixa sen cubrir a expansión fóra do asilo: a día de hoxe non se fixo cribado nin seguemento, que se saiba. E na páxina do SERGAS leva varios días a indicación de que Ribadeo ten 28 casos.

Nota do concello:


Foto Hospital Asilo

A VINDEIRA SEMANA REALIZARASE OUTRO MAIS

Cribado no Hospital Asilo

02/01/2021

O último cribado realizado no Hospital Asilo de Ribadeo deixa 10 novos positivos por covid, 7 de usuarios e 3 de traballadores do centro, segundo ven de confirmar o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor relatou que "este pasado xoves as autoridades sanitarias do Hospital da Costa fixeron un novo cribado xeral para comprobar a progresión do gromo detectado hai uns días no Hospital Asilo. Os resultados das probas indican que hai 7 novos casos de usuarios e 3 casos de traballadores do centro residencial".

Fernando Suárez dixo que "tal e como foi pasando nas situacións similares anteriores, iniciáronse de inmediato as actuacións coordinadas entre as autoridades Sanitarias, as autoridades de Política Social e máis as do Hospital Asilo. Así os traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes. En canto aos usuarios, 5 deles xa foron trasladados ao Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral), que é unha Residencia con funcionalidades hospitalarias que a Xunta de Galicia ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Este Centro está preparado para a atención de persoas consideradas válidas ou con nivel de dependencia baixa. Agora neste momento xa se atopaban alí as persoas usuarias do Hospital Asilo que deran positivo nos días anteriores, facendo así un total de 18 persoas de Ribadeo nese Centro".

O alcalde sinalou que "outros 3 usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de Covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os protocolos de atención, coidado e protección indicados polos Servizos Sanitarios e Sociais. No momento de ser emitida esta nota de prensa, tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela, indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada segundo o seu grao de dependencia ben ao Cegadi ou  ben ao Hospital Asilo de Ribadeo".

Suárez Barcia manifestou que "segundo nos indican os responsables sanitarios do Hospital da Costa, de cara a principios de semana farase un novo cribado xeral para comprobar se o gromo se estabiliza ou se pola contra hai novos contaxiados, sen prexuízo de que se poidan realizar novos test de antíxenos de xeito inmediato se algún outro residente mostra síntomas de contaxio antes dese cribado. Tamén nos informan nas últimas horas os responsables sanitarios e sociais que as persoas afectadas polo coronavirus manteñen, en termos xerais, uns niveis leves ou aceptables de sintomatoloxía. Estas mesmas autoridades, tanto as Sanitarias do Hospital da Costa como as de Política Social do Cegadi, indican que esta situación actual deriva dunha previa que vai desencadeando un gromo, por canto unha boa parte dos afectados son compañeiros de cuarto de persoas previamente contaxiadas".

O rexedor ribadense engadiu: "séguese valorando como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da  Dirección do Centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de usuarios, que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente suman 16 persoas".

çFernando Suárez indicou que "como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que en moi poucos días estaremos no pico de madurez deste gromo que se iniciou a principios da semana pasada. Farémolo a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".


1 comentario:

jorgej10 dixo...

Hola buenos días, esperemos que remita la curva de contagios gracias a las vacunaciones, para que se recuperen los sectores de la construcción y la obra pública.

Un saludo del equipo de clayges.