20210112

Progresión do coronavirus en Ribadeo (III)

   Cando parecía que as cousas retornaban á súa canle, despois dunha semana da entrada anterior sobre o tema, veu a nova: dous mortos. E é que (ver o gráfico) tal parece que o brote está controlado, así o indica a liña de tendencia, coa ralentización da aparición de novos casos. Segue sen dicirse nada de xeito oficial sobre a orixe do brote ou o seu esparcemento. Deixo as dúas últimas notas de prensa do concello abaixo.

Datos coa liña de tendencia.

 

O RESTO DO ENFERMOS EVOLUCIONAN CON NORMALIDADE

Volta ao Hospital Asilo

09/01/2021

Volven ao Hospital Asilo, despois de superar o covid-19, catro dos usuarios que foran trasladados ao Cegadi en Santiago de Compostela, segundo deu a coñecer este sábado o alcalde, Fernando Suárez.  Estas persoas superaron a doenza, deron negativo nos controis de PCRs e teñen inmunidade xerada contra o coronavirus.

O rexedor dixo que "tal e como se veu indicando nestes últimos días, queremos sinalar con toda a precaución e prudencia necesarias que o tempo está a xogar a favor de ir recuperando a normalidade. Camiño das 3 semanas desde que se detectaron os primeiros casos de positivos en coronavirus a situación é a seguinte: entre antonte e hoxe 4 persoas que estaban desprazadas no Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) volven para o Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, unha vez que superaran a doenza e deran negativo nos controis de PCRs e que nos tests de anticorpos revelasen que teñen inmunidade xerada contra o covid19".

Suárez Barcia comentou que "o resto de persoas usuarias, tanto as que continúan no Cegadi como as que sempre permaneceron no Hospital Asilo, evolucionan con normalidade e manteñen, en termos xerais, uns niveis aceptables de sintomatoloxía, a pesares de que moitas delas teñen unha idade moi avanzada e presentaban xa patoloxías previas. En canto ao persoal e á relixiosa, tamén se atopan en proceso de recuperación".

O alcalde contou que "ademais, segundo nos manifestan responsables do Cegadi, outras persoas están superando tamén esta doenza aínda que seguirán alí uns días máis dado que a súa recuperación física xeral recoméndao. Así temos que: os  4 traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes. En canto aos usuarios, e ao longo deste gromo producido hai días,19 deles foron trasladados ao Cegadi. 4 deles superaron a doenza e xa foron trasladados a Ribadeo polo que o número actual que aínda segue alí é de 15 persoas. Outros 3 usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os protocolos de atención, coidado e protección indicados polos servizos sanitarios e sociais".

Fernando Suárez seguiu a relatar que "tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela, indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada segundo o seu grao de dependencia ben ao Cegadi ou  ben ao Hospital Asilo de Ribadeo". 

O rexedor insistiu en que "se segue valorando como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da  dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de persoas que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente suman 22 entre usuarios y persoal, aos que agora hai que sumar as 4 persoas que retornan por estar curadas facendo un total de 26". 

E engadiu que "como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que ter pasado xa polo pico de madurez deste gromo que se iniciou hai unhas tres semanas. Seguirémolo a facer a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".

ESTE MÉRCORES FARASE UN NOVO CRIBADO XERAL NO CENTRO

Situación no Hospital Asilo

11/01/2021

Dous residentes do Hospital Asilo, que foron trasladados a Santiago hai días, faleceron nas últimas horas. Trátase de persoas de  avanzada idade (99 e 91 anos), que se atopan nun estado moi fráxil e con patoloxías previas ao coronavirus, segundo ven de informar o alcalde, Fernando Suárez. Tres usuarios mais retornan a Ribadeo despois de superar o covid e de ter xerado inmunidade contra este virus.

O rexedor sinalou que "segundo puidemos ir sabendo, temos dous tipos de noticias que fan que esta nota de prensa teña un carácter agridoce. Dúas das persoas que levaban xa días trasladadas ao Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) faleceron nestas últimas horas. En ambos os dous casos trátase de persoas de moi avanzada idade, unha de 99 e outra de 91 anos, que se atopaban nun estado moi fráxil e con patoloxías xa previas ao contaxio por Covid19. Como estaban nun estado de atención delicado, non se lles chegou a facer as PCR para saber se xa chegaran a superar a doenza do coronavirus, (tal e como se lles fixo a outras persoas que ingresaron ao mesmo tempo no Cegadi). Con todo, é de supoñer que nas estatísticas oficiais aparecerán como falecemento por coronavirus".

Fernando Suárez subliñou que "por outra banda, e segundo nos indican os responsables do Cegadi, nas vindeiras horas serán trasladadas ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro 3 persoas máis, unha vez que superaran a doenza e deran negativo nos controis de PCRs e que nos tests de anticorpos revelasen que teñen inmunidade xerada contra o Covid19. Igualmente soubemos que, segundo as autoridades sanitarias do Hospital da Costa, prevese que este mércores se faga un novo cribado xeral no Hospital Asilo para comprobar de novo a progresión ou estabilización deste gromo".

O alcalde dixo que "o resto de persoas usuarias, tanto as que continúan no Cegadi como as que sempre permaneceron no Hospital Asilo, evolucionan con normalidade e manteñen, en termos xerais, uns niveis aceptables de sintomatoloxía, a pesares de que moitas delas teñen unha idade moi avanzada e presentaban xa patoloxías previas.En canto ao persoal e á relixiosa, tamén se atopan en proceso de recuperación. Así temos que: os 4 traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes; en canto aos usuarios, e ao longo deste gromo producido hai días, dos 19 que foron trasladados ao Cegadi, 7 deles superaron a doenza e xa foron ou van ser trasladados a Ribadeo polo que o número de persoas que alí seguirá vese reducido a 10; outros 3 usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os protocolos de atención, coidado e protección indicados polos servizos sanitarios e sociais. A día de hoxe tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela, indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada segundo o seu grao de dependencia ben ao Cegadi ou  ben ao Hospital Asilo de Ribadeo".

Suárez Barcia engadiu que "se segue valorando como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Plans de Continxencia por parte da  dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de persoas que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente sumando os que sempre deron negativo e os que viñeron do Cegadi coa doenza superada ascenden 29 persoas entre usuarios e persoal. Como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que ter pasado xa polo pico de madurez deste gromo que se iniciou hai máis de tres semanas. Seguirémolo a facer a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".

--

 Anteriores sobre Coronavirus e Ribadeo:

Covid 19 no Hospital-Asilo de Ribadeo (1) . Evaristo Lombardero 

Progresión do coronavirus en Ribadeo (II) 

Nota de prensa con ledicia: vacina 

Progresión do coronavirus en Ribadeo

Ningún comentario: