- Non importa a idade que teñamos, envellecemos. Todos. O de 'envelleceremos', xa depende.
Unha residencia non é a única opción para seguir envellecendo máis aló de certo punto. Mesmo, segundo que tramos de idade e lugares, é unha opción abondo minoritaria. Mais o falar de residencias e COVID19 é algo que manifesta o trato que a sociedade da a unha certa franxa de idade, exposto en carne viva nunha frase como "'granxas de vellos' atacables pola enfermidade de xeito doado" -si, xa sei, o de ‘granxas de vellos úsase tamén noutros contextos-. Mais hai outros aspectos, contando coas residencias ou non contando, que xa antes do coronavirus incidían na calidade de vida dos nosos maiores. Un dos máis punzantes é a soidade. Que pensa o maior da súa vida ós 80, 70, 90 anos? Que cambios espera? Que forma de vida? Esta última pregunta coido que é boa para facérnola a nós mesmos, a xente que non estamos en residencias de maiores porque, pensamos, 'aínda non somos maiores abondo para poñernos a pensar niso', ou sinxelamente porque a vellez aínda non forzou o noso decorrer diario. As residencias son só unha manifestación de que o trato a algúns maiores, convertido en acto de lucro, convértese á súa vez nunha lacra que contamina as relacións con todos os maiores. E non só con xente 'maior', senón que por extensión, 'coa xente'. Converter ós maiores en mercadoría contribúe a converternos ós non tan maiores tamén en simples suxeitos de trata. Só contribúe, que aí están outras manifestacións para facer real esa nosa conversión en obxectos.
- Que esperanzas de vida, en anos, pero sobre todo en faceres, lle queda a unha persoa maior? A pregunta vai a máis agora, cando se confirma que o COVID19 xa rebaixou un ano as expectativas de vida das persoas en España. COVID que tamén as illou máis desas necesarias relacións persoais que todos necesitamos.
Está de moda dicir -e poñer atención a- cousas como 'somos o que comemos', 'somos o que lemos', etc. O queiramos ou non, moito máis representativa que frases como as anteriores, é esta: somos os nosos maiores. Porque aspiramos a ser os maiores doutros, estamos aprendendo dos nosos, imos detrás deles... e, en parte tamén porque non somos conscientes de que o somos, polo que seguiremos a nosa herdanza sen ter visión para desviármonos dela, de optar a mellorala.
Ningún comentario:
Publicar un comentario