20210115

Un wiki cumpre (re)coñecido con Ribadeo

 

CC BY SA 4.0 por BFlores en https://commons.wikimedia.org

   Din que wiki ven de wiki-wiki, en hawaiano algo así como 'rápido, rápido'. E rápido chegou o 20 cumpreanos dunha ferramenta que xa leva ao menos unha década sendo faro de coñecemento enciclopédico recoñecido a nivel mundial. Máis de 300 edicións, trescentas linguas, forman o entramado básico da wikienciclopedia grande que é Wikipedia, acompañada das súas irmáns menos coñecidas, dende wikimedia Commons, adicada de preferencia a arquivos gráficos, a Wikidata, unha grande base de datos que se pretende sexa pedra angular para Wikipedia no futuro, pasando por Wikibooks, cos seus libros colaborativos, ou Wikisource, poñendo a disposición documentos históricos escritos, entre outras wikis máis da familia Wikimedia. E, no que a nós respecta, a Galipedia, o nome coloquial da edición galega de Wikipedia, cos Galilibros, Galifontes, etc.

   A Galipedia, un par de anos máis nova, fai fincapé no coñecemento sobre Galicia, sen esquecer o espazo ou a física de partículas. Pero os medios son os que son, os e as participantes como editores non somos máis que persoas que colaboramos, e máis ben poucas, e iso fai que haxa que elixir e que haxa aínda hoxe numerosas lagoas.

   Mais Ribadeo non sae mal parada. Máis de dez mil palabras (a máis doutros documentos) no artigo principal, que contén varios centos de ligazóns, en particular a outros artigos sobre o concello. Así o amosa. Iso non quere dicir que xa estea o traballo feito. Nin moito menos. Sempre falta máis que o que se fixo, e só o actualizar é un traballo que leva o seu tempo.

   Mentres, a Galipedia, e toda a constelación Wikimedia, seguen a cumprir a súa labor de facilitar o coñecemento dunhas persoas, de xeito voluntario, a todas (incluídas elas mesmas), e cada vez máis e mellor. Si, tamén en galego.

--O vídeo da mesa de celebración convocada por Wikimedia España, coa miña intervención (20210115 18:30 en diante) [en móbiles, pasar á 'version web']:





Ningún comentario: