A noite dos cristais rotos significou en Alemaña o recoñecemento da ascensión nazi. Anoite, hora galega, viviuse un episodio nos EEUU que mo lembrou. O asalto ó capitolio por unha turba instigada de forma non tan indirecta polo presidente saínte fai pensar en primeiro termo nun golpe de estado nun país do terceiro mundo. O retardo dunha hora en enviar a Garda Nacional en auxilio dunha policía desbordada non indica que a situación esté controlada no fundamental, senón máis ben unha satisfacción de ter o poder cando queira, de perdoavidas, por parte de Trump. É dicir, de ter a posibilidade dunha ditadura unipersoal á volta da esquina.
Faiseme difícil, na distancia tanto espacial con Washington como social coa sociedade estadounidense e sobre todo, de poder, co que representa ter o máximo poder na nación considerada máis poderosa da Terra, xunto cun considerable poder económico e da súa rede socioeconómica, o captar todo o que representan os disturbios e o seu trasfondo. Aínda así, teño claro que nun lugar onde quen ten o mando polo momento pode apretar un botón e levar o mundo ó abismo, que esa mesma persoa indulte dunha tacada a máis de cen amigos ou persoas amigas de amigos, e, ó día seguinte, despois de estar máis dun mes acusando ó contrario de fraude e presionando para que non se recoñeza a vitoria allea, permita que os seus partidarios asalten a sé da institución que garante a democracia no seu país, non é un demócrata. E pon á democracia á beira do precipicio, forzando ó seu sucesor, mesmo antes de tomar o mando, a posturas autoritaria, facendo na práctica que se acheguen os actos do contrario ás propias ideas.
Algo diso pasa, xa, aquí. As arengas de políticos ó incumprimento democrático saltándose as propias normas democráticas que din defender é unha hipoteca para o futuro. E, se na capital dos EEUU, só pasaron horas entre un senado arrasado e a convocatoria de novo do pleno que se pretendía que non se celebrara, o que manifesta unha estrutura de raíces democráticas sólidas, aquí, onde o rei de entón, antes de selo, actuou a modo de conexión cos intereses norteamericanos, e despois de selo, ten amosado unha conduta ilegal, os feitos poden convertirse en breve tempo en algo peor, aínda que non afecte tanto ó resto do mundo cmo no caso dos EEUU.
Ningún comentario:
Publicar un comentario