Os nosos datos eran nosos. Antes. E agora. Mais hoxe o mundo funciona como se non nos pertenceran. A rede está pragada de casos que así o amosan.
Non debera ser. Se os xeramos nós, teremos algún dereito. Non nos confundamos, non me refiro ós monetarios, que neles se baseou o sistema de patentes, propiedade intelectual, copyright... que nos veu levando á situación actual de apropiación. Non, non a iso, senón a cousas como o recoñecemento de uso, a ter que dicir e poder decidir sobre o seu emprego, a non ser expropiados de nós mesmos. Mais en internet, a principal batalla sobre a propiedade, a da propiedade dos datos que xeramos sinxelamente por vivir, a partir das nosas actividades, xa non é 'entre nós' ou 'entre nós e os gobernos'. Nin tampouco entre gobernos e compañías mercantís. Non, o futuro dos nosos dereitos está no aire e mantense así pola discusión entre empresas con diferente modelo de negocio. Basicamente, entre as que teñen un modelo de venda e uso dos nosos datos e as que fan cartos doutro xeito, podendo deixar soltos sen preocupación os datos que extraen ou poden extraer de nós. Na práctica, somos reféns que podemos saír prexudicados ou beneficiados segundo as nosas actividades, posibilidades e potencial económico, pero reféns cun futuro que dependerá desa batalla entre empresas, que só dun xeito moi suave reciben recomendacións máis que normas das institucións que nos encadran como cidadáns.
Así, Apple, o 'paladín da privacidade', ten un modelo de negocio con produtos máis chic, máis caros e exclusivos, de deseño e calidade, e con programas propietarios. No outro extremo do campo de batalla, Facebook, defende o seu 'mercado libre' (cos nosos datos), a partir dun acceso gratuíto en teoría. Google, navegando entre dúas augas, tenta aproximarse ós cartos coa intelixencia artificial e coquetea co software libre, mentres depende dos anuncios subministrados coa axuda desa mesma intelixencia artificial para facer negocio con servizos 'gratuítos', ou fai movementos para desfacerse das cookies invasivas sinxelamente porque xa non lle van facer falta para os seus propósitos.
E, como campo de batalla, os nosos datos. Mentres, os nosos sentidos están movéndose no xardín da desinformación e o engano, constrinxidos por cláusulas que non podemos ler e, se cadra, ameazas xudiciais coa única intención de que achantemos fronte ó que sentimos como infinitos medios das empresas en relación ós nosos limitados recursos de cartos, tempo ou relacións. E, mentres, seguen a negociar co que é noso e aproveitan o que extraen de nós para dirixirnos, e poder sacar aínda máis.
Aínda así, o recoñecemento da privacidade como ben a coidar e como dereito para todos, non só para quen pode inverter nela, vai abríndose camiño. De xeito tímido, aumentando pouco a pouco a capacidade de loita, como unha elección feita a conciencia mentres teñamos a mínima posibilidade de defendernos. É dicir, mentres contemos para algo en termos de economía de mercado, no sistema capitalista actual. Polo momento, é 'o sistema'. O mesmo que leva tentando afianzarse dende antes de que Margaret Thatcher tentara inculcarnos aquelo de 'non hai alternativa'.
Ningún comentario:
Publicar un comentario