E onde debera de habelo?
A nova residencia de Ribadeo está no aleiro a conto dun positivo nun testeo. Hai dúas notas de prensa -actualización, 3-, da Deputación e do Concello - + outra do concello-. Antes de deixar as dúas -3-, nesa mesma secuencia, dicir que ata o de agora a residencia ribadense mantívose limpa da enfermidade, mentres o hospital asilo, a vella residencia, sufriu un episodio que a decimou. Co comezo das vacinas, esperemos que non sexa equivalente.
Lugo, 10 de febreiro de 2021. O cribado periódico realizado polo SERGAS no Centro de Atención a Maiores (CAM) de Ribadeo arroxou este mércores un positivo entre as persoas usuarias, momento no que a Deputación de Lugo procedeu a illar a esta persoa e á súa acompañante de habitación.
Así mesmo, a Deputación de Lugo decidiu realizar, hoxe mesmo, probas de diagnose con recursos propios, tanto a esta persoa, como á súa acompañante de habitación e aos usuarios e traballadores que tiveron un contacto estreito con ela, co obxectivo de corroborar o resultado, dada a elevada posibilidade de tratarse dun falso positivo, tendo en conta que todos os demais residentes deran negativo no cribado periódico do SERGAS, e que o centro está pechado, polo que non se reciben visitas, nin os usuarios saen o exterior, como medida de prevención da Covid-19.
Realizadas as probas nun centro de diagnóstico lucense autorizado pola Xunta de Galicia, que consta inscrito no Rexistro de Centros Sanitarios, TODAS DERON NEGATIVO. Polo tanto, tratouse dun falso positivo.
Á vista destes resultados, a Deputación de Lugo solicitaralle ao SERGAS a realización dunha segunda proba PCR a esta persoa usuaria. Ata obter o resultado, esta persoa e a súa acompañante de habitación continuarán illadas como medida de precaución.
Así mesmo, a Deputación de Lugo informa de que toda comunidade do Centro de Atención a Maiores de Ribadeo completou a pauta de vacinación da Covid-19, excepto esta persoa usuaria que resultou ser un falto positivo, quen non puido ser vacinada por desexo expreso dun familiar, que é o titor legal, un feito que a institución provincial xa puxo en coñecemento da Fiscalía. Sendo a vontade da institución protexer á totalidade dos residentes e persoal do centro, reiterará de novo a comunicación ao Ministerio Fiscal para que a autoridade xudicial decida o que corresponda con respecto á súa vacinación.
DEPUTACIÓN E CONCELLO PIDEN UNHA NOVA PROBA AO SERGAS
Cribado na nova residencia
O alcalde, Fernando Suárez, agarda que o Centro de Atención a Persoas Maiores siga libre do covid19 e que a única usuaria que non foi vacinada, por expreso desexo do seu titor legal, reciba as doses canto antes.
O rexedor subliñou que "non administrarlle a vacina a esta persoa supón un risco moi importante para ela e un perigo para os demais usuarios e usuarias da residencia ribadense, que ata o de agora estivo libre de covid19 e agardamos que así continúe".
O alcalde de Ribadeo agarda que o Sergas realice un novo cribado neste centro, que confirme que se trata dun falso positivo o caso detectado este mércores. Ata que esa nova proba sexa realizada tanto esta usuaria como a súa compañeira de habitación permanecen illadas, "segundo acabamos de saber por parte dos responsables da Deputación. Quedamos á espera de poder confirmar a boa nova de que ese posible positivo se quede nun susto sen mais", engadiu.
A Deputación de Lugo comunicou esta tarde que tras o cribado periódico realizado polo Sergas no CAM de Ribadeo arroxouse un caso positivo entre as persoas usuarias. A institución provincial decidiu encargar, hoxe mesmo, probas de diagnose a esta persoa, á súa acompañante de habitación, así como aos residentes e traballadores que tiveron contacto con ela. Todos os resultados deron negativo.
BARCIA CUALIFICOU DE DESESPERANZADORA A SITUACIÓN
Petición á Xunta
11/02/2021O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que "o negacionismo non casa coa nosa sociedade". Así se referiu ao caso da usuaria da residencia de maiores, que non recibiu a vacina contra ao covid19 por expreso desexo dun familiar. O rexedor pregúntase ¿qué primamos os dereitos fundamentais individuais ou a saúde pública colectiva?. Suárez Barcia demándalle á Xunta que promova, á maior celeridade posible, a adaptación lexislativa necesaria para que a saúde pública impere sobre os posicionamentos individuais, egoístas e negacionistas.
O alcalde ribadense dixo que "é moi desesperanzadora esta situación. Á vista de que na nova residencia de maiores xa se puxeron as dúas doses da vacina, só unha usuaria non a recibiu por expreso desexo dun familiar. Onte esta usuaria deu positivo en coronavirus, logo revisado cunha nova PCR semella que foi un falso positivo, o cal valorámolo como unha moi boa noticia, pero é certo que a actitude do familiar entendemos que é intolerable".
Suárez Barcia considera que "o egoísmo e o negacionismo non casan coa nosa sociedade. Debo dicir que, ademais do comportamento impecable nesta actuación por parte da Deputación de Lugo, desde o Concello de Ribadeo consideramos que non é axeitado que as persoas que convivan nunha residencia municipal non apliquen a vacina, ben por desexo propio no caso de que teñan a vontade intacta ou ben por desexo dos seus familiares no caso de que estes teñan a tutela".
O
rexedor sinalou que "o certo é que vivimos nuns momentos moi complexos e
desde os Concellos, como é o caso do noso, abondo temos con xestionar o
día da día das residencias públicas, e aquí dáse unha pregunta que hai
que resolver inmediatamente, ¿qué prima primeiro se os dereitos
fundamentais individuais ou a saúde pública colectiva?. Polo tanto,
sendo competencias galegas como son o caso da saúde pública e máis dos
servizos sociais, eu vexo necesario que a Xunta de Galicia promova, á
maior celeridade, a adaptación lexislativa necesaria para garantir que a
saúde pública impere sobre os posicionamentos individuais egoístas e
negacionistas. E polo tanto, poida ser de obrigado cumprimento, para ter
acceso a un servizo asistencial como é unha residencia de maiores, a
aceptación da vacina contra o covid19".
Ningún comentario:
Publicar un comentario