20210212

MANUEL HUERTA AZA. Un Indiano sen retorno. Pancho Campos Dorado

MANUEL HUERTA AZA. Un Indiano sen retorno.

Pancho Campos Dorado

    Este artigo ten como obxecto atoparmos algún dos descendentes españois de Manuel Huerta Aza, tío de miña avoa materna, polo que me estenderei na árbore xenealóxica. Manuel Mª Huerta Aza nace o 12 de decembro de 1867 en Paredes-Meira e foi asasinado en estrañas circunstancias o 16 de decembro de 1918 en Sonora- México. Era fillo de José Huerta Yañez (1842-1897) de Paredes-Meira e da súa muller Florentina Aza Vigil (1844/45-1933) natural de Pola de Lena, filla de Elias Aza González e de María Vigil Rodríguez ou Álvarez(?). Florentina viñera para Meira acompañando ao seu tío o freire don Benito Aza González (1810-1886) da Orde de San Bernardo que estivo rexentando a igrexa de Sta. María de Meira por máis de vinte anos.

    Manuel era o primoxénito de catro fillos. Súa irmá Amalia Huerta Aza (1869-1946) foi Sor Amalia do Corazón de María, relixiosa franciscana no convento das Descalzas Reales de Valladolid. Faleceu en Valladolid aos 77 años de idade e levaba 62 anos de clausura. Carmen Huerta Aza (n.1873 en Meira/f.1963 en La Habana) casada en primeiras nupcias con Enrique López González (n.1868 en Curras-Bretoña /f.1902 en Bos Aires) avogado “cum laude” tamén asasinado a tiros en plena rúa segundo fontes orais. Deste matrimonio houbo un fillo que morre moi novo, e dúas fillas, Esperanza López Huerta (n.1893-f.?) casada con Fernando González Gómez, de San Miguel de Reinante, coñecido como Fernando das Marcelinas, irmán de Vicenta, Antonia, Francisca e de José (presbítero), e Remedios López Huerta (miña avoa materna) nacida en Pastoriza (Meira), casada con José Ramón Dorado López Polido de San Miguel de Reinante. E a irmá máis nova Inés Huerta Aza (1875-1955) casada cun farmacéutico de Meira, Joaquín Anllo Pérez. Manuel casou en primeiras nupcias con Filomena Blanco-Victorero Baamonde (n.1858) natural de Mondoñedo, filla de Ramón Blanco-Victorero (f.1890) natural da Magdalena de Avilés e de Mª Baamonde Fernández natural de Mondoñedo. Viviron na rúa San Roque Nº23 de Mondoñedo e máis tarde na rúa Constitución. Manuel e Filomena tiveron 5 fillos:

1. María Dolores Huerta Blanco (n.1890 en Mondoñedo // f.1959 en A Coruña). Estivo casada con Antonio Iglesias Calviño e viviron na rúa Marconi 22-Baixo, A Coruña. Tiveron unha filla, Carmen Iglesias Huerta, pero non soubemos nunca deles.

2. Amalia Huerta Blanco (n.1892 en Mondoñedo / f.1913 en Meira de enfermidade)

3. Senen Huerta Blanco, sabemos dun fillo ao que lle chamaban Senen, pero quizais fora o sobrenome que lle daban a Ramón cando era un pícaro, pois non aparece nin a súa fe de bautismo na Igrexa nin a partida de nacemento no Arquivo Civil de Mondoñedo.

4. Ramón Ricardo Huerta Blanco (n.1897). Sabemos que estaba na Habana o 3-Febreiro-1916, por unha fotografía que lle manda a Meira a súa nai Filomena que se trasladara a Meira a vivir na casa de Florentina. En Cuba intentou poñerse en contacto co seu pai que estivera na hospedería de súa irmá Carme, viúva de Enrique, pero Manuel xa se fora para México e parece ser que non contactaron.

5. Jaime Huerta Blanco (n.1-Feb-1899 en Mondoñedo // f.9-Feb-1899). Morreu aos oito días de nacer.

    Manuel Huerta Aza cásase en 2ª nupcias en México con Enriqueta Haskell Almada (1881-1964) matrimonio celebrado en xaneiro de 1910 en México, filla de Nathaniel Haskell (n.1852) e de Carlota Almada Corral, cuxos avós maternos eran Antonio Almada de Quirós e Eduviges Corral.

    Manuel de este matrimonio con Enriqueta tivo un fillo, Manuel Enrique Huerta Haskell (1911/f.1999 Oregón) quen casou con Daisy Peterson (n.1912 /f.2002 en Oregón). Manuel Enrique e Daisy tiveron dous fillos, Doloris e Robert Huerta Peterson. Doloris casada con Glen Lloyd e súa media irmá Sharon Heston estiveron en Ribadeo buscando as súas raíces galegas, o que foi para min un verdadeiro pracer acompañalos por tódolos paraxes onde residiu Manuel ao tempo de ensinarlles os embelesantes paisaxes da nosa Mariña.

    Hai en Oregón (USA) unha grande descendencia, pois Doloris neta de Manuel, tivo catro fillos, oitos netos que a súa vez xa están casados e con fillos. Doloris e Sharon escribiron e publicaron un precioso libro, “Crossing the line” (Cruzando a fronteira), onde describen con todo luxo de detalles a excepcional vida de súa avoa Enriqueta Haskel durante a Revolución Mexicana, onde militaba Manuel no bando de Pancho Villa como alto mando preto do xeneralato, e como foi vilmente asasinado con nocturnidade e aleivosía, así como, cando Henriqueta casou en 2ª nupcias con Robert, un militar estadounidense que estaba destinado tamén no Alamo cando morre Manuel ao borde da fronteira.

    Sabemos da época empresarial de Manuel na Galiza pola correspondencia que mantivo con Ramón Bustelo González que era o presidente e dono da Casa de Banca e Comercio Bengoechea de Ribadeo. En 1894 (GP 263/002-23 ES.GA.15078 AG/2.3.33.24); en 1895 (GP 283/003-40 ES.GA.15078.AG/ 2.3.3.3.24) de fondos privados; en 1896 (GP 285/004-43); 1897 Caixa GP 281/001-57); 1898 (GP 286/002-63) como empresa (arquivo.galiciana@xunta.gal).

    Sería unha gran satisfacción para nós saber dalgún dos descendentes de María Dolores Huerta Blanco, de Ramón Ricardo Huerta Blanco ou de Senén, polo que se alguén tivese algunha información ao respecto estaríamoslle moi agradecidos. Moitas grazas.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Hola soy bisnieta de Manuel Huerta por parte de mi abuela materna

Anónimo dixo...

Este Señor es mi bici abuelo.
Alguien tiene más información?

Leo Villanueva
Leovillanu@hotmail.com

Anónimo dixo...

Este señor es mi bici-abuelo.
Alguien tiene más información?

Leo Villanueva
Leovillanu@hotmail.com

Glenda dixo...

hola
me gustaria contactar al Sr. Pacho Campos
Soy de México y soy bisnieta de Manuel Huerta Aza
Mi abuela es Esperanza Huerta Ramirez (hija de Manuel Huerta Aza)
Mi madre Gloria Ibarra Huerta (Nieta de Manuel Huerta Aza)
y una servidora Glenda Villanueva Ibarra (Bisnieta de Manuel Huerta Aza)