20210225

SOBRE A OBRIGATORIEDADE DAS VACINAS. Evaristo Lombardero

   O día 11 de febreiro de 2021 o Sr. Alcalde de Ribadeo colgaba unhas declaración na páxina web do concello (ver a parte final deste post) onde pedía á Xunta de Galicia que acelerase os trámites para facer obrigatoria a vacina anticovid e acusaba de “negacionistas e egoístas” aos familiares de unha usuaria da nova residencia da terceira idade de Ribadeo que rexeitaron a vacina exercendo a sua opción legal de vacinarse ou non dacordo ca normativa vixente en todo o estado español.

    No día de onte, o Parlamento Galego, cos votos exclusivos do PP aprobou a reforma da Lei de Saúde que esixia o Sr. Alcalde de Ribadeo e a partir de agora a obligatoriedade das vacinas anticovid poderase implantar en Galicia deixando tranquilo e satisfeito a este alcalde do BNG dende 2007.

    Namentras, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública emitía un comunicado o día 22 de febrero rexeitando a devandita obligatoriedade, o día 20 faciao a Plataforma Sanitaria de A Mariña e o día 18 pronunciábase en contra a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia. Asemade a deputada nacionaista María Albert pronunciábase en contra do proxecto do PP por “restrinxir dereitos fundamentais creando un estado de alarma permanente”.

    En realidade a rexeita da obligatoriedade é prácticamente unánime no estado español, en Europa, entre as autoridades sanitarias, nomeadamente na OMS e mesmo entre os profisionais do ramo.

    Ao marxen do debate sobre a restricción de deritos individuais que ten abondas referencias nos medios e nas redes imos suliñar brevemente os aspectos mais salientables para rexeitar a vacina obrigatoria.

1º Non se coñece ainda con certeza cal vai ser a eficacia das vacinas que se están aplicando hoxendía. Non se coñece o grado de inmunidade que van conferir en distintas edades, en diferentes estados da situación inmunolóxica de cadaquén, non se sabe canto tempo pode durar a inmunidade, nen se será necesario seguir vacinándose periódicamente.

2º Non se coñece o posible efecto rabaño. Se vai ser pequeno ou grande ou nengún. Seguramente dentro de poucos meses xa haberá mais evidencias sobre esta cuestión nas distintas vacinas, pero ate agora é un asunto descoñecido aínnda que sexa moi desexable que se confirmen as expectativas mais optimistas.

3º Non hai abonda experiencia para saber as posibeis complicacións ou efectos secundarios nos diferentes grupos de idade, sobre todo a medio e longo prazo por razóns obvias.

4º Calquer medida coercitiva suscita un efecto bumerán que pode ser moi perxudicial para os obxectivos inicias. Particularmente nun país onde as vacinas tradicionais teñen unha aceptación voluntaria superior ao 98 % e a vacina do Covid está tendo unha aceptación superior ao 95 % nos colectivos prioritarios carece de sentido prantexarse a obligatoriedade.

    Con estes condicionantes non hai que esmagarse a cabeza para entender que a vacinación obrigatoria non é necesaria, pode ser perxudicial e non é esaxerado cualificarla de medida publicitaria, demagóxica e dictatorial.

    Finalmente convén lembrar que sobre o dia 22 de decembro de 2020 iniciouse un brote de coronavirus no Hospital Asilo de Ribadeo (a antiga residencia da terceira idade) no que resultaron afectadas unhas 30 persoas entre persoal e usuarias, das cales catro resultaron falecidas e moitas delas foron trasladadas a outros centros de Galicia. E debe suliñarse que o primeiro caso dese brote foi unha persoa que entraba e saía acotío nas instalacións do Hospital Asilo e a súa actividade ou profesión (que tiña numerosos contactos sociais e amplos desprazamentos) non estaba incluída nas que prevee o regulamento aprobado pola Xunta de Galicia o día 17 de setembro de 2020 para o control e prevención da infección por coronavirus nos centros da terceira idade. Folga crarexar que o concello de Ribadeo é o único responable da xestión do Hospital Asilo de Ribadeo e que neste caso concreto non se aplicaron as medidas de control de acceso de persoas e profesionais que establece a norma devandita de 17 de setembro de 2020. Pola súa banda o concello de Ribadeo non recoñeceu estes datos amplamente contrastados e negou a existencia do primeiro caso, perfectamente referenciado por numerosas testemuñas. Asemade compre suliñar que dende o comezo deste brote as actividades do profieional que puido ser o causante do brote no Hospital Asilo foron suspendidas e agora fanse polo televexo.

Evaristo Lombardero Rico

Ningún comentario: