20210307

Demasiadas reivindicacións?

   Onte en Ribadeo tiveron lugar a inauguración dunha estatua na praza oito de marzo e a concentración dos primeiros sábados de mes polas pensións. Non tería nada de raro senón porque houbo unha coincidencia de horas. A concentración polas pensións leva celebrándose varios anos os primeiros sábados de mes á mesma hora, as 12 da mañá. A inauguración da estatua, lóxicamente, é un evento único, que ademais, celébrase fóra do día 8 de marzo, central da celebración arredor da muller e no que hai convocada outra actividade a outra hora diferente das 12. Independentemente de cousas como as medidas anti Covid, que en Ribadeo non soe ser difícil cumprir pola pouca asistencia, o que houbera unha coincidencia horaria é unha falta de coordinación que expresa o que cada un vai polo seu lado, como se fora unha secuela do célebre 'en Ribadeo cada un paga o seu'. E é que está moi ben que se organicen actividades polo concello, pero o que non o está é que non se miren as actividades que fan outros colectivos. Sobre todo porque unha porcentaxe significativa de xente dunha reivindicación tamén podería estar na outra. Non, non son demasiadas reivindicacións. É invisivilidade das reivindicacións.

   Deixo unha foto da estatua na praza do 8M coa nota do concello a continuación, e de Suso da concentración sobre as pensións, e o documento lido nesta.

--

HABERÁ MAIS ACTIVIDADES DURANTE O MES DE MARZO

Homenaxe á muller

06/03/2021

A escultura "Son o poder dentro de min", en homenaxe á muller, foi inaugurada este mediodía na Praza 8 de Marzo. Deseñada pola artista Ana Vidal Suárez foi realizada polos Ferreiros de Mazonovo. Este é un dos actos organizados pola Concellaría de Igualdade para conmemorar o Día Internacional das Mulleres.

Profesores da Escola Municipal de Música e Danza interpretaron tres pezas no acto desta mañá no que Ana Vidal explicou a idea e o significado do deseño desta escultura e os Ferreiros de Mazonovo referíronse ao proceso de creación. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, na súa intervención dixo que "é unha escultura en homenaxe a todas as mulleres do Concello, ás novas, ás adultas e ás maiores. Todas elas son dignas de ter unha figura que as represente. Porque como reza o titulo da escultura Son o poder dentro de min, as mulleres somos poderosas. Facemos sen ser conscientes do que somos capaces, dobre, triplas xornadas laborais, criamos solas ás veces, enfrontámonos a aqueles que nos queren limitar polo simple feito de sermos mulleres. Loitamos no día a día contra o patriarcado que se resiste a que formemos esa sociedade igualitaria".

A edil ribadense sinalou que "temos moito máis poder do que pensamos ou ás veces do que nós cremos, porque o noso poder a maioría das veces está invisibilizado e devaluado. Dende a Concellaría de igualdade levamos anos intentando poñelo en valor e damos un paso máis na feminización de espazos da vila, despois dos rueiros, de darlles nomes de mulleres a aulas dos Centros de Primaria e agora coa visibilización de figuras femininas ou de mulleres".

Álvarez Lastra tamén se referiu ao momento polo que atravesa a cultura e ás relacións entre Asturias e Galicia: "tamén queríamos amosar o noso apoio con este pequeno signo á cultura, un sector moi castigado nestes momentos e moi necesario para sobrevivir tanto como pobo como persoas.Se algo tiña claro desde o principio é que debía ser unha muller a que deseñara ou creara a obra. Non podía ser doutra maneira. Cando Ana me presentou o bocexo da obra e a idea de facela en ferro mesturando así as diferentes artes e poñendo en valor o tradicional non puiden resistirme. E ademais, queríamos rachar esas fronteiras que nunca existiron coas vilas limítrofes de Asturias, agás neste último ano coas que nos obriga a pandemia, porque queremos que en Ribadeo tamén haxa esa irmandade entre culturas como a que existe na realidade desta vila entre Galicia e Asturias".

Por outra banda, a Concellaría de Igualdade desenvolverá ao longo deste mes diferentes iniciativas como talleres nos centros educativos de Secundaria e a creación do Espazo de autocoidados en tempos de pandemia, que ten como obxectivo fomentar o empoderamento e a autoestima das mulleres adultas. Será dinamizado pola psicóloga Marina López de Prado en sesións reducidas de 5 persoas. Levaranse a cabo 10 sesións dunha duración de 1 hora e 30 minutos. O prazo para inscribirse finaliza o vindeiro venres, 12 de marzo, e actividade comezará o 16 deste mes.

--



 A próxima xuntanza, o 3 de abril.

--

   A guinda. Non importa que se estean a aplicar as medidas anti Covid ou outra cousa, sempre haberá comentarios como o que escoitei camiño do Cantón, diante de Casa Arango. Algo así como 'Que será aquel grupo?'. 'Non sei. Pode que os xubilados'. 'Pois ben poucos son'. Sen importar, claro, os tres anos cos altibaixos de asistencia, as reivindicacións en si, que non son 'os xubilados', senón que son xente que tenta defender as condicións de traballo e de xubilación de todos, sen importarlles ós comentaristas (neste caso, ás comentaristas) que era o defendido, ou a outra concentración, a de mulleres, que tampouco ían para alí nin aparentemente, con présa para outro sitio determinado.

Ningún comentario: