Foron o apoio á nosa identidade
Resultado: Moito, moito, moito....antes de a factoría aluminera que ocupou lugares tan fermosos como Paraños ou Bidueiros, existía un porto cargado de historia, con canteiras hoxe sinaladas nas rocas graníticas da rivera, para levantar fogares de patróns e mareantes. E moi en especial para unha raza de mulleres irrepetibles. Tanto que, contar a historia do porto que foi das Reais Fábricas de Sargadelos, implica lembrar desde a fototeca do Museo Provincial do Mar, a todas aquelas mulleres que foron o soporte para nosa orgullosa identidade como galegos e mariñáns.
Non necesito manifestarme o 8-M. Lévoas na miña lembranza e no espazo da miña alma onde gardo a gratitude. Foron testemuñas e resistentes de moitas pandemias. Guerras, Tifus, Tuberculose, Gripe, Virola, e calamidades coas que se afixeron a loitar cada día, nunha Galicia illada por terra e que miraban entre a esperanza e o temor ó mar, esa nai da natureza que facía as veces de autopista e fronteira cun mundo máis adiantado ao que se ían os brazos masculinos deixando viúvas de vivos, xubilados e "cativería" que soñaba con ser como aqueles homes rudos, de mans anchas e pel morena curtida por salseiros e nordés frío.
Elas fixeron o milagre de multiplicar o tempo. Desde moi novas aprendían na escola e na "universidade" do fogar. Nada se resistía a súa fortaleza. Cada unha delas é digna dun poema por Rosalía ou un relato por Pardo Bazán. Só que estas dúas grandes da literatura, pertencían a outra clase. As nosas, as do Porto de Arriba, Coto, Lugar, Fontiña e desde logo Santa María de Lieiro, tiñan os seus méritos escritos no vento, entre as areas da Caosa e os aparellos que arranxaban, con tempo para acudir á ponte Medieval para facer "a colada", mentres se contaban, a modo de semanario, as novidades da comunidade.
Artesanas para as súas propias pezas e enxoval. Hábiles coa "Romana" para pesar en troque o contido de carabelos e paxes. Reposteiras para aquelas mesas ledas en torno ás festas patronais. Granxeiras obrigadas por unha economía de autoxestión que requiría coidar o curral e a esterqueira. Sen esquecer que a auga doce era un ben escaso que requiría transporte desde o pozo á cociña económica, usando como apoio, as súas mans e a súa cabeza, con aquela imaxe que hoxe nos impacta cando vemos unha foto na que a estatura da dama de negro, vén dada pola súa propia figura á que debemos sumar o caldeiro asentado en equilibrio.
Fai uns días, María Pillado cumpría 100 anos. Representa a unha estirpe de fillos e fillas da mar e o vento. É unha das heroínas da miña historia. Por elas, o próximo 8-M, brindarei nunha desas cantinas portuarias, galegas e mariñáns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario