20210429

A RIA DEL EO NO CONCELLO DE RIBADEO. Evaristo Lombardero

A RIA DEL EO NO CONCELLO DE RIBADEO

    Anque xa temos tratado este tema anteriormente, ímolo poñer ao día polas circunstancias que todos coñecemos. Trátase de citar algún exemplo sobre a colaboura do concello de Ribadeo para extender a denominación “Ría del Eo” dende 2008.

    Véxamos en primeiro lugar o libriño “Ría del Eo. Naturaleza entre dos aguas” en versión castelá e “Ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas” en versión galega. Este libro foi editado en maio de 2009, ou sexa un ano e dous meses despois de que a Comisión Especializada de Nomes Xeográficos acordase que o nome Ría de Ribadeo era o único oficial e Ría del Eo era un topónimo erróneo de recente creación. Suliñar que este acordo non foi recurrido polo Principado de Asturias e pasou a ser de obrigado cumplimento polas administracións públicas do estado español.

    O devandito libriño foi promovido pola Asociación Puente de los Santos e o CEDER Oscos-Eo, polo tanto financiado con fondos públicos, sendo os principais dirixentes os alcaldes de Ribadeo, D. Fernando Suárez e o de Castropol D. José Angel Pérez.

    O principal obxectivo do traballo era a sua difusión entre os colexios da bisbarra, mesmo da banda de Asturias que na de Galicia e como dixemos ao comezo, unha edición fíxose na lengua castelá e outra na lengua galega. Como se pode comprender na lengua castelá aparece sempre a denominación “Ría del Eo” pero na edición galega aparecen as duas denominacións, xa dende a cuarta liña da Introducción (pax. 11) onde se deixa moi claro que as duas denominacións son igualmente válidas.

    Pediremos disculpas ao lector por relembrar que este libriño saeu do prelo 14 meses despois do devandito acordo da Cominión de Nomes Xeográficos, de onde se desprende que incumpliu flagrantemente aquela disposición.

    Prosigamos: O día 18 de Maio do 2009, a media mañán, nas escaleiras do concello de Ribadeo, o Sr. Alcalde presentaba este libriño aos medios de comunicación e informaba da entrega de 900 exemplares nos colexios. No Pleno Municipal da mesma tarde o concelleiro do PSOE D. Balbino Pérez Vacas preguntaba ao Sr. Alcalde se había duas edicións de este libro, unha na que poñía “Ría del Eo” e outra “Ría de Ribadeo”. Nas páxinas 34 e 35 da correspondente acta están as reviravoltas que deu o Sr. Suárez antes de recoñecer que había duas edicións (castelá é galega) despois de que o Sr. Pérez Vacas llo preguntase cinco veces. Ainda ben o Sr. Alcalde puxo a disculpa de que el non podía decidir o que se facía no concello de Castropol cos seus cartos, tratando de dar a impresión de que el non tivera nada que ver con aquela decisión conxunta dos organisnmos devanditos.

    O que ainda non podía saber o Sr. Pérez Vacas a aquelas horas da tardiña era que na edición galega tamén figuraba, como díxemos, na cuarta liña da introducción a declaración rotunda de que a ría tiña dous nomes, en aberta contradicción ca norma toponímica preceptiva nos documentos oficiais en todo o estado español.

    Pero a cousa non remata aquí. Como antes dixemos, e así consta nas suas páxinas, aqueles libriños estaban destinados ao colexios. Eso significa que nos 12 anos trancurridos ate hoxe e nos que veñan detrás, centos de nenos e nenas e tamén centos de profesores e profesoras, tanto nos concellos galegos como nos asturianos, terán ao seu dispor un libro de unha calidade editorial insuperable, con centos de fotografías de tódolos elementos naturais da ría e onde aprenderán “para sempre e dende a escola” que esta ría ten dous nomes equivalentes e ademais que foi promovido polos concellos de Castropol e Ribadeo, de mutuo acordo e consenso, sen problemas de ningunha clase. E o mesmo que nos colexios, estará nas bibliotecas públicas ao dispor de veciños, vistantes, estudosos, turistas etc. etc. Discúlpeme de novo o lector por suliñar a inestimable colaboura do Sr. Alcalde de Ribadeo para o mantemento da campaña política, mediatíca e colonizadora que agora se volve a poñer de actualidade.

    Por non extendernos excesivamente comentaremos brevemente os documentos da Reserva da Biosfera Rio Eo, Oscos e Terras de Burón, onde aparece 18 veces a denominación Ría del Eo e unha vez a fórmula Ría del Eo o de Ribadeo. Lembraremos que foi aprobada definitivamente en 2013, cando o Sr. Fernando Suárez xa levaba seis anos como alcalde de Ribadeo e polo tanto formando parte dos órganos directivos da devandita Reserva.

    En fin, para rematar suliñar que no medio e medio da escollera, leva varios anos un cartel que anuncia o “Rio Eo”, pero so ten metro e medio de alto por un metro de ancho. Como o feito que se repite anos tras ano, das exposicións de cadros, fotografías, carteis etc. en locais do concello de Ribadeo, promovidas e financiadas con fondos públicos onde aparece unha e outra vez a denominación ilegal “Ría del Eo” (para uso polas administracións públicas do estado español).

    Evaristo Lombardero Rico

Ribadeo, 28 de abril de 2021 

A serie: 

PLENO DO PARLAMENTO DE ASTURIAS DO 27 DE NOVEMBRO DE 2019. RIA DEL EO VS RIA DE RIBADEO.

A RIA DE RIBADEO vs Ría del Eo nas políticas do Principado de Asturias (II)

A RÍA DEL EO NA POLÍTICA DO PRINCIPADO DE ASTURIAS (I).

A RIA DEL EO NO CONCELLO DE RIBADEO.

 

Ningún comentario: