20210427

Emilio

   Sorprendeume outro amigo esta mañá cunha mensaxe sinxela: morreu Emilio. Non fixo falta que enunciara o nome completo, Emilio Piñeiroa Lozano, nin un cualificativo usado ás veces con outra xente, 'o de historia'. Sabíamos que sufrira no outono e dende o outono agora. Mais, tamén críamos que ía superando unha serie de tropezos na súa recuperación. Ó final, houbo algún co que que non deu feito e marchou. 

   Xubilado non hai tantos anos, os seus 68 eran xoviais, tal como representaba a súa vida ós nosos ollos. Pacífica vida de familia e adicación ó mundo da historia próxima, da nosa historia por terras de Barreiros e Ribadeo. Unha historia que contribuiu a facer máis próxima e máis nosa. Todos os que o coñecimos lembramos a súa intervención en favor e difusión do conxunto da capela da Virxen das Virtudes da Ponte de Arante, entre outras de menos difusión, dende o círculo lítico da Roda á capelas do camiño de Santiago na zona, pasando polas pegadas á beira do río Grande nas Anzas ou os muíños de vento de Ribadeo. Pero máis lembramos a súa charla -ás veces imparable- sorrinte e vital, arrastrando non, senón levando da man e animado ó interlocutor polos camiños da historia ou outros que viñeran ó caso. Con mente aberta e elevándose ó vóo dun xeito que tamén levaba ós máis a elevarse e observar a amplitude contemplada a través da súa ampla visión.

   Como non fun alumno seu, deixo esta faceta para o final. Non porque sexa menos importante -mentres estivo en activo como mestre máis ben era a que destacaba- senón porque foi a que quizáis prolongue máis adiante a súa vida no devir dos demáis. Desas persoas que aprenderon a querelo ó tempo que aprendían co seu querer. 

   Un amigo bó e xeneroso que se foi.

  

1 comentario:

Unknown dixo...

Acabo de enterarme. Vanse os bos. Síntoo moitísimo. Era tan agradable, tan fácil estar con el, nunca aburría. Podería dicir máis, pero agora mesmo teño tantas imaxes del na mente... Miraranos dende as estrelas con esa súa gracia acolledora.