20210415

Outro 14 de abril

Entrada '14 de abril' na Galipedia.

    Estamos na primavera. Os días medran, as plantas agroman as flores, e nun abril de chuvias non tan mil, a esperanza volve florecer, mesmo nunha pandemia da que se albisca o control. E chegan datas sinaladas con algunha particularidade, desas que inundan o ano enteiro para lembrar aquelo se sinalan ben por historia e conmemoración, ben por conmemoración por designación. Non importa.

   Entre esas datas está o 25 de abril, data na que cumpre anos a nova República Portuguesa, anos da revolución dos caraveis/cravos, anos da volta ó mundo da Grândola, vila morena.

   E tamén anos -nestas datas, 90- do 14 de abril de 1931, a proclamación da Segunda República Española e marcha de Alfonso XIII. O impacto mediático das dúas datas nos dous países é ben diferente. Pode que porque aquí e agora teñamos un Borbón por cabeza do estado e non un Presidente da República. Pode que porque a sublevación dunha parte do exército e a imposición dunha ditadura puxera o foco exclusivamente nas zonas de mal goberno republicano, pode que porque se borrara todo vestixio de adianto e potenciación do pobo na ditadura, pode... que por todo iso e algo máis, a imposición dunha estrutura de casta herdada para dar acubillo a un sistema de poder que ven de lonxe e que leva tempo dando mostra de desgaste e corrupción.

   Así pois, outro ano máis pasou o 14 de abril coa súa conmemoración ocultada pola estrutura de goberno. Outro 14 de abril foi posible, e, nese sentido, outro 14 de abril pode ser, será posible. Un 14 de abril no que a realeza desaparecerá como cabeza do estado. Calquera 14 de abril no futuro. Esperemos que para mellor.

Ningún comentario: