Esta mañá, convocadas por diversos medios, como o cartel que deixo en baixo, corenta persoas xuntámonos o mediodía na explanada do Cantón. A concentración, da que a foto da unha idea de que se gardaba a distancia (quen quera ver a concentración enteira, tenas fotos de Suso Fernández no Facebook), tivo como punto central a lectura por parte de Amelia do comunicado que vai a continuación. Un ano máis, o 1 de maio como representación dunha loita diaria polos dereitos das persoas; en Ribadeo, os concentrados fomos sobre todo, pensionistas, pero non só. E tendo claro que os pensionistas somos -máis que 'fumos'- traballadores, mentres que parece haber moitos traballadores que non se sinten como tais.
"Os problemas aos que nos enfrontamos agora mesmo os pensionistas, non son só se as pensións se manteñen ou non, tamén pesa sobre as nosas cabezas o gran problema da sanidade en xeral, aínda que nalgúns casos particulares é sumamente grave, como é o caso dos dependentes, ou o caso de familias con pensións ridículas e que teñen un gasto mensual de medicamentos, etc.
Temos tamén o problema dos bancos, que por unha banda nos esixen pasar por caixa obrigatoriamente para cobrar as nosas pensións, mentres os bancos machácannos a comisións. E sobre todo isto sobrevoa a privatización da maior parte dos servizos públicos, que paso a paso e sen levantar a voz van dando para adiante os nosos gobernantes co silencio da oposición.
Esta semana pasada houbo unha concentración pola Sanidade en Burela, hai unha chea de xente traballando neste Hospital da Mariña, hai unha chea de xente traballando nos distintos centros de Insalud da Mariña, e alí non estabamos todos os que tiñamos que estar. Aquí facemos concentracións todos os primeiros sábados de cada mes, e aquí non están todos os que tiñan que estar.
É certo que moita xente non é consciente de todos estes problemas porque están noutras cousas, pero o grave é que cando ti tentas dicirlles o pouco que sabes respecto diso, dinche ¿que saberás ti diso?, agora vas saber mais ti que os que están aí mandando.
Ben, pois os que están aí, teoricamente mandando, son simplemente marionetas do capital, e actúan segundo dita o capital, por iso é bo que vaiamos pensando en que partidos políticos están mais a favor de render pleitesía aos diñeiros ou ao pobo, porque por máis que moitos nos queiran enganar, todos non son iguais, é como o anuncio da cervexa.
É moi triste ver como a xente se enfada cando ten problemas coa sanidade, os cristos que se montan cando non soben as pensións, o caro que custa mandar aos fillos estudar, (E aquí inclúense todos os votantes de todos os partidos, non hai distincións, fódennos a todos, non libra nin deus), pero todos eses cabreos quedan en nada cando imos votar, sae por maioría o que mais nos fode. E non hai que facer milagres para saír disto, só temos que ser coherentes, o que non me interesa apártoo, ninguén lle debe nada a ninguén, os favores do político de turno faio co noso diñeiro ou sexa que cada un de nós ten parte nese favor, non llo pagues só a el.Ata o de agora non se facía moita referencia aos partidos, referiámonos sobre todos aos gobernantes. Pois agora vai sendo hora de que nos dediquemos a dicir claramente quen está en contra nosa defendendo este capitalismo neoliberal que é a nosa economía de mercado e que tanto incrementa a desigualdade e resta prestacións sociais, facendo que cada vez a crise se acentúe máis para uns moitos e beneficie máis a uns poucos. Eses partidos son PP, Cidadáns e Vox, que gobernan para as élites, para os Conselleiros das grandes empresas do Ibex-35 que cobran cantidades astronómicas que esnaquizan as nosas relacións laborais, económicas e sociais.
E ao mesmo tempo, esixir aos grupos da esquerda, que se deixen de mamonadas e se poñan a traballar en conxunto, porque teñen moito, pero moito que facer, e cando acaben de facelo van estar tan ata as orellas de traballar que se van a esquecer do que os separa. Que non fagan como estas últimas veces, que ata que lle ven as orellas ao lobo non se poñen de acordo.
Tamén deberíamos preguntarnos se a xustiza non tería que entrar a saco para dar a volta a todas estas inxustizas, que atentan contra as regras máis básicas do mercado e da simple convivencia: as comisión bancarias, os deshauciados, os privados de prestacións sociais de todo tipo, os dependentes sen axuda, os que teñen enfermos ao seu cargo e cobran miseras nóminas a final de mes. Toda esta xente non pode esperar máis que se faga xustiza contra quen concentra tanta riqueza e provocan tanta pobreza. E está claro, contra todos aqueles políticos que están postos polo pobo e ven desde a súa tribuna o que está a pasar sen mover un dedo.
Por certo tampouco se nos pode esquecer algo que é moi curioso, por unha banda pretenden subir a idade de xubilación e por outro somos líderes destacados en toda Europa de paro xuvenil. Hai un informe de marzo de 2021, é dicir de hai uns días da Secretaría de Estado de Emprego e Economía Social, sobre “Jóvenes y Estado de Trabajo” onde nos fala dun 40,4 % de paro xuvenil e dános moitos máis datos sobre este asunto, aínda que é algo tostón, recomendo lelo.
O outro día xa fixemos referencia a que os nosos compañeiros da Coruña, Ferrol e Vigo, están a se concentrar diante dos bancos, como protesta pola cantidade de comisións coas que nos criban e o trato cara ás persoas, deixando o rural sen oficinas e nos pobos e cidades pechando unhas e baleirando de persoal outras. É dicir vannos pechando portas para levarnos exactamente onde queren, sangrarnos economicamente e á hora que queiran. Nesta guerra ten que quedar moi claro que non entran os empregados do banco, senón os donos deses bancos.
Ben pois estamos plantexandonos facer o mesmo en Ribadeo, temos que madurar a idea e comunicarémolo, xa que é algo que tamén nos afecta a todos.
Tamén sería moi importante que a xente se entere de que no banco pódese abrir unha conta de pago básica, habería que ver as características da conta nos distintos bancos, sobre todo con relación as comisións que nos cobran.
Unha conta de pago básica é unha conta que permite facer operacións correntes de todos os días, tales como:
Depósitos, retiradas de efectivo, recibir e efectuar pagos (por exemplo, domiciliacións e compras con tarxeta).
Tamén debe incluír unha tarxeta de pago que poidas utilizar para retirar diñeiro e facer compras, tanto en liña como en tendas.
Se é posible, o banco debe incluír na conta o acceso a servizos bancarios en liña. En cambio, non sempre ten obrigación de autorizar descubertos ou ofrecer liñas de crédito.
Nalgúns países da UE, pola conta de pago básica o banco pode cobrarche unha comisión anual, que debe ser dun importe razoable.
Información sobre as comisións.
Antes de abrir unha conta, o banco debe darche un documento no que expoña os servizos máis importantes que ofrece a conta e todas as comisións correspondentes que teñas que pagar. É o que se coñece como un "documento de información sobre as comisións". Podes utilizalo para comparar o custo das contas en distintos bancos. O banco debe darche tamén, polo menos unha vez ao ano, un documento no que se recollan as comisións cobradas na túa conta bancaria. Este "estado de comisións" debe proporcionar tamén información sobre os tipos de interese aplicados na túa conta. Intentaremos informarnos mais acerca de este asunto para todas e todos os que lles poida interesar.
Quédanos pendente outro tema que é tremendamente importante, como son as residencias dos nosos maiores. Dedicaremoslle mais tempo o próximo día.Que facemos aquí?, preguntan algúns. Aquí cos tempos que corren deberíamos estar todas e todos, porque motivos sobran.
GOBERNE QUEN GOBERNE OS SERVIZOS PÚBLICOS DEFÉNDENSE"
O cartel de convocatoria:
Ningún comentario:
Publicar un comentario