20210512

A RIA DE RIBADEO vs Ría del Eo nas políticas do Principado de Asturias (II). Evaristo Lombardero Rico

 

A RIA DE RIBADEO vs Ría del Eo nas políticas do Principado de Asturias (II) 

 

   Na entrega anterior rematamos suliñando o acordo da Comisión Especializada de Nombres Geográficos do día 12 de marzo de 2008, no que se tomaba como referencia o informe da Real Sociedad Geográfica para concluir que a denominación “Ría de Ribadeo” estaba en toda a cartografía mundial e a “Ria del Eo” era un topónimo erróneo e de recente creación. 

    Así as cousas o día 11 de Abril de mesmo ano o grupo parlamentar de Izquierda Unida presentou unha proposta non de lei ao Parlamento asturiano que foi debatida no pleno do 31 do mesmo mes e aprobada por unanimidade. A proposta de IU argumentaba unha serie de consideracións de carácter histórico e cultural nas que non imos entrar porque carecían e carecen calquer rigor documental. Dito de outro xeito, unha cousa é discursear sobre antecedentes históricos e outra moi distinta avaliar eses discursos ca documentación acaída. Agora ben, o que non dixeron os medios, pero está nas actas da sesión é que o noventa por cento do discurso do IU limitábase a darlle cana ao goberno do PSOE pola sua “neglixencia” ao defender con pouco énfase a -suposta- tradición topográfica da Ría del Eo. Comentado o tema con unha persoa do mesmo grupo parlamentar deixoume claro que se trataba de “meterle el dedo en el  ojo al PSOE”. Resulta obvio que a cuestión, aparentemente central, das tradicións culturais ou topográficas eran subsidiarias dunha prioridade táctica conxuntural, ademais do minuto de groria do deputado propoñente. O que me interesa suliñar aquí é que centos ou cecais miles de persoas simpatizantes de IU ou de outros grupos políticos, sentiron palpitar o seu corazón na defensa da “política correcta” do grupo propoñente, sen poñer en dúbida que estaban sendo manipulados con mitos historicistas pouco concordantes ca documentación dispoñible. A cuestión, xa que logo, é o doado que resulta construir mitos identitarios a favor de vento e marea. Quen ía a pensar que once anos máis tarde (Pleno da mesma cámara do día 27 de novembro de 2019) sería o Partido Popular o que se apoiase no mesmo argumentario –e ideario- para sacar adiante outra proposta semellante tamén con unanimidade e minuto de gloria incluído.  

    Nos meses seguintes a teima por institucionalizar a “Ría del Eo” seguiu a su roda e, como xa comentamos nunha entrega anterior, a “Asociación Puente de los Santos” e o CEDER OSCOS-EO publicaron o libro “Ría del Eo. Naturaleza entre dos aguas” en lingua castelá e a versión galega “Ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas”, que saíu do prelo en maio de 2009 para ser difundido nos colexios de Ribadeo, Castropol, Vegadeo, etc. En ámbalas duas edicións déixaselle moi craro aos escolantes qua a ría ten duas denominacións equiparabeis. Asemade seguiuse traballando na documentación da Reserva da Biosfera Rio Eo, Oscos e terras de Burón, aprobada definitivamente en 2013, onde aparece 18 veces a denominación “Ría del Eo” e unha vez “Ría del Eo o de Ribadeo”. Lembraremos aquí que este novo chanzo non se houbera dado sen a colaboura imprescindible do BNG e do Sr. Alcalde de Ribadeo que de aquela calaron como afogados. E refrescar a memoria de que a resolución da Comisión Especializada de Nombres Geográficos, era de obrigado cumprimento por todas as administracións públicas do estado español de acordo co “Real Decreto 1545/2007, de 23 de noviembre, por el que se regula el Sistema Cartográfico Nacional” e non foi recurrida nin respostada técnicamente polo goberno do Principado de Asturias, nin por ningún grupo da oposición, nin por ningún concello, nin por ningunha asociación cultural. Ou sexa que pasou o día e pasou a romería.

                     

    E despois de varios anos de certo esquecemento do tema, chegamos ao Pleno do 27 de novembro de 2019 da Xunta General del Principado de Asturias, onde hai un cambio de prantexamento: agora xa non pretenden que se suprima a denominación “Ría de Ribadeo” da cartografía mundial, agora admiten que a “Ría del Eo” sexa equiparable a “Ría de Ribadeo”. A xustificación é que, según eles, o uso destas fórmulas é o cotián nas duas bandas da ría. Resulta obvio que esta é unha afirmación gratuita e motivada por intereses partidistas, porque non hai ningún estudo sociolóxico que a xustifique. A miña opinión persoal, e polo tanto absolutamente discutible, é que a gran maioría da xente pasa amplamente desta chilindraina e que so se fala dela a nivel de mostradores e agora nas redes sociais, mais por entretenemento que por outra cousa. E a cada punto son mais os comentarios do tipo “que se deixen de caralladas e que miren de resolver os problemas reais da xente, o emprego, os servizos, etc.” Pero tamén hai que comentar outros dous pontos: o PP ven agora de apagalumes dun incendio que estaba morto e só eles azuzaron para sacar dous titulares e finalmente a pérola do seu discurso: “A Ria del Eo é unha reivindicación identitaria para Asturias”. Pero desto é das actas da sesión parlamentar do 27 de Novembro de 2019 falaremos na próxima entrega. 

 

Evaristo Lombardero Rico 12 de Maio de 2021

Ningún comentario: