20210513

Alcoa e a dioxina

Sede de Alcoa (425 Sixth Avenue, Pittsburgh, Allegheny County, Pennsylvania, EEUU)

   Alcoa quere marchar. Non sei se sería máis exacto dicir que quere fuxir, ou abandoar. A situación non está para moitas disquisicións lingüísticas, pero escoller a verba xusta dá máis e mellor visión da situación. A atención lévaa non só por cuestión do emprego, das persoas e familias afectadas directamente ou non tan directamente, senón por unha cadea de cousas, incluíndo subvencións, condicións particulares ou, o que trae isto aquí, o tratamento do medio ambiente.

   Non, un tema como a vida de Alcoa na Mariña non se soluciona con dúas pinceladas, son consciente diso, nin con expresar sentimentos a favor ou en contra, aínda que sexa o primeiro impulso, nn tampouco cun resume rápido da loita para que Alcoa cumpra. Hai outras veces que tratei o tema no blog, hoxe o texto queda reducido a dar conta dunha nova sobre Alcoa e medio ambiente.

   O caso é que o día 9 de maio ADEGA fallou os premios Osíxeno e Dioxina en recoñecemento a persoas e entidadades destacadas na súa labor medioambiental, en positivo (Osíxeno) ou en negativo (Dioxina, que ten sido sinalda como culpable en diversas ocasións, como no accidente de Seveso, Italia). A nota de prensa de ADEGA pode verse aquí: https://www.adega.gal/novas.php?id=1112&idioma=gl&sec=7. E de aí extraio o referente a Alcoa (o que non quita para que os lectores procuredes a información directa na ligazón de ADEGA, co plus de saber dos outros premios):

-Premio Dioxina colectivo 2020: Para ALCOA por querer abandonar a Mariña lucense sen saldar a súa débeda ecolóxica e social. En 2020, anunciou o despedimento de máis de 500 persoas sen un plan alternativo para o futuro da comarca e sen garantir o pago da súa débeda ambiental. ALCOA leva décadas sometendo a sociedade galega a unha chantaxe continua, poñendo os postos de traballo como escudo para conquerir prebendas, subvencions (máis de 800 millóns de € en 10 anos), rebaixas no prezo da luz, ou concesións da administración na rebaixa de cautelas ambientais e na elevación dos límites de contaminación para evitarlle custos. En 2020 deixou ás claras as súas verdadeiras intencións: abandonar a Mariña deixándoa “á súa sorte” e tratando de esquivar calquera tipo de responsabilidade social ou ambiental. ALCOA segue sen ter vontade de reparación do dano exercido e sen presentar un plan de estabilización da balsa de lamas tóxicas e de descontaminación dos terreos afectados.

   Mentres, a historia segue, parece que á empresa interésalle máis facer unha 'política de terra queimada', pode que para que a fábrica non lle poda facer competencia no futuro, e deixando a zona á espera dun desastre medioambiental...

Ningún comentario: