Artigo publicado por José Mª Rodríguez Díaz no seu blog O Cargadoiro (xa non funcional) o 18 de xullo de 2006.
Martes, 18 de xullo de 2006DESGOBERNO NA XESTIÓN
TRES anos IMPROVISANDO. Van xa máis de tres anos que Ribadeo está soportando esta desatinada xestión de goberno. Tres longos anos perdidos para este concello. Máis de tres anos improvisando, sen abordar ningún dos grandes retos pendentes. Tres longos anos entretidos en trivialidades, esperando que pasen os días e caian os euros.
O paraíso que este alcalde nos prometía no seu discurso de investidura e no seu programa electoral, resultou ser, como o de Milton: un paraiso perdido. Unha serie de manobras para enganar aos incautos que creron nel. Incapaz de sacar o seu programa adiante, e cumprir así a súa promesa e o seu contrato cos electores, dedicou o seu tempo a improvisar e a viaxar. Pasouse o tempo do seu mandato viaxando constantemente para traernos aos franceses da Bretaña e un ascensor, que nunca chega, para a Atalaia, xunto con outras actuacións menores, como foron as bicicletas para alugar, os contenedores de excrementos caninos, a reforma do auditorio de Cabanela, ou a fonte de xogos de auga. Unha constante improvisación na súa forma de gobernar e poñendo sempre o acento no seu respaldo ao capital, como o testemuña o seu apoio a Acuinor ou a aquelas urbanizacións famosas, no canto de facer vivendas para os necesitados ou protexer o medio ambiente, como tiña prometido no seu programa. Para asegurarse o apoio á súa xestión baleir de contidos, non dudou en asegurarse a colaboración dalgúns dos funcionarios, mediante unha subida escandalosa do soldo, no canto de defender os intereses económicos do concello, como era a súa obriga, que son os intereses dos contribuíntes. Con pólvora allea calquera dispara.
Esta foi a súa resposta ao apoio que o pobo lle concedeu, atraído polo seu lema "outra forma de ser, outra forma de gobernar". Todo acabou nun estrepitoso fracaso. Nin houbo honestidade na xestión, nin austeridade no gasto, como o demostran os orzamentos deste ano, nin participación cidadá, tal como nos tiña prometido no seu programa. Este alcalde non funciona nese rexistro. Máis ben fixo todo o contrario do prometido aos ribadenses. Os impostos medraron de xeito alarmante e outros novos establecéronse, o gasto público non se contivo e a participación cidadá na xestión brilou pola súa ausencia. E así van pasando os días. E mentres, o pobo permanece calado ou se entretén mirando para outro lado. O antigo costume dos faladoiros, que tanto ocupaba antes o tempo libre dos veciños e nas que se falaba de todo, incluída a xestión municipal, non está xa de moda. Novos hábitos de vida téñena suplantado. En todo caso, son outras cousas as que acaparan a atención da xente nos seus tempos de lecer. De política non queren falar. Séntense alleos a ela, ignorando que viven nunha 'polis'. Como dixo Aristóteles, só os deuses e as bestas do campo, que viven fóra da cidade, son alleos á política. Ignoran que a política concierne a todos os que viven nunha comunidade. A nosa resposta, pois, á acción do goberno local non pode ser o silencio. Se exercen o goberno no noso nome temos a responsabilidade de opinar e de intervir nos problemas que afectan ao goberno da comunidade, como fixeron os de Nigrán. Permanecer durmidos e ignorar a política municipal, é darlle a razón a Cervantes cando, por boca de D. Quixote, afirmaba que 'o sono é alivio das miserias dos que as teñen espertos'.-
Outros Artigos de José María.
Ningún comentario:
Publicar un comentario