20210515

Escribir sobre o 15 M

Asemblea en Ribadeo o 20110619

   Hoxe estamos de celebración. Celebramos o 15M, ese de hai dez anos, esa data que quedou marcada como a eclosión dun cambio de mentalidade sociopolítica na xuventude española. Entendiches? Ou sexa, o 'noso' 68, que tamén, dende Francia, tivo diversas antecedentes, réplicas e variacións (seguro que nas antigas checoslovaquias lembran máis ben a versión da primavera de Praga que a versión parisina do maio francés, e en California poñen máis énfase no seu propio movemento, máis extenso no tempo e non menos intenso en moitos aspectos).

   Que tempos, eh? Coido que as lembranzas son boas porque axudan a debuxar a nosa necesidade de ter historia para facernos a nós mesmos e ó noso futuro. Mais, coñecedores disto, estamos a facer das lembranzas celebracións, o que significa en certo xeito, deixalas no pasado cando son as actividades que nos trouxeron a onde estamos agora, e polo tanto, son constitutivas de nós mesmos. E puxen 'actividades' porque chamémoslles actividades, feitos ou como queiramos, implican movemento, o noso propio aporte de actividade, e sen ese movemento (noso) non teñen sentido. E as celebracións tenden a iso: a lembrar unha foto, estática, que nos sube as endorfinas máis que a adrenalina, que nos leva á satisfacción e pracer como se de misión cumprida se tratase, máis que á acción do 'faise camiño ó andar' que tan ben soubo interpretar Antonio Machado.

   Por iso, para non deixar as lembranzas durmir como lembranzas, senón sentilas como parte do que hoxe somos, sentir a necesidade de actuación acorde cos sentimentos por esas lembranzas, non está de máis integrar na memoria aquelo de que os dereitos recoñecidos nas leis aplícanse, defenden e amplían na medida na que se exercen, como lin nun artigo e me fixo lembrar onte mesmo Rosa María Artal.

   Hai multitude de formulacións, de moita xente que escribe sobre o 15M, lembrando historia. E non está mal facelo, necesitámolo, é un coñecemento que non se debe perder, que debemos aumentar, algo a estudar. Pero pararnos aí significa perdernos o noso 15M, a nosa revolución, sexa como individuo, sexa como sociedade. Decaer a un estado de inconsciencia. Participáramos a favor da corrente ou estivéramos horrorizados polo que sucedía, que iso tamén, nalgunha xente, foi un froito do 15M.

   Unha última apreciación: darlle ó pedal nunha bicicleta estática mantén os músculos en forma, e chámaselle deporte. Pero, aínda que o movemento muscular sexa comparable, pouco ten que ver co facer deporte nunha bicicleta de estrada ou de montaña, graduar o esforzo ó que ven, e non ó que queremos que veña, ver pasar a paisaxe e sentir o aire no rostro en troques de escoitar o mp3 ou ver un vídeo. A experiencia, e o resultado para todo aquelo que non sexa músculo, é diferente. Leva esa idea á túa vida e á da sociedade: é equivalente á bicicleta estática ou a unha ou outra versión da bici de toda a vida? A paisaxe cambia, a vida tamén. E nós temos que adaptarnos, ser conscientes e sobrevivir ó tempo que podemos tentar adaptar a vida.

Ningún comentario: