Esta tempada Francisco Moreda está de moda. De moda matemática, pola cantidade de veces que é citado. Sen ir máis lonxe, aquí no blo a última entrada que o cita é de 11 de maio, e hoxe volvo á carga copiando a nota do concello pola que se comunica que 'sufrirá' unha homenaxe, despois de tr cedido a herdanza o ano pasado:
ESTANSE A ULTIMAR OS DETALLES DA AMBICIOSA REFORMA
Recoñecemento público
11/05/2021O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que o Concello faralle un recoñecemento público a Francisco Moreda Pérez, quen quixo que os aforros e bens conseguidos na súa vida servisen para mellorar e facer un entorno máis agradable na vida doutros moitos veciños e veciñas, que un día foron del, a través da mellora do Hospital Asilo. O investimento a realizar nas obras de mellora nesas instalacións ascenderán a 1,5 millóns de euros.
O rexedor ribadense contou que "na comisión informativa, celebrada onte, para dar contido da herdanza aceptada do señor Francisco Moreda Pérez, coa fin de destinala ao Hospital Asilo Municipal, estivemos xunto cos corporativos, tamén os técnicos municipais actuais, os que anteriormente desempeñaron os cargos de interventor e tesoureiro nos meses anteriores, así como o avogado que estivo ao tanto das tramitacións da aceptación e da adxudicación da herdanza. Demos conta, polo miúdo, de todos os pasos dados para identificar os bens que esta persoa dispoñía, pois no testamento deixou dito que todos os seus bens foran para o Hospital Asilo, polo que o Concello de Ribadeo como titular do Hospital Asilo é quen debe velar para cumprir este seu desexo".
Bens mobles e inmobles
Suárez
Barcia explicou que "en canto aos bens inmobles legou o cen por cen dun
céntrico piso na rúa Reinante, en Ribadeo, así como o cincuenta por
cento indiviso do fallado deste edificio. Desde o Concello encargamos
tres taxacións diferentes. Unha á Deputación Provincial, outra aos
propios técnicos do Concello e unha terceira externa. A partir de hoxe,
todos os interesados poderán ver os detalles na páxina web do Concello,
concretamente no perfil do contratante ou tamén na plataforma de
contratos do estado. Para isto poderán presentar ofertas en sobre
pechado que será dun mes, a partir de mañá. O prezo de saída son 210 000
euros para o continente e 30 600 euros para o contido. Tamén esta
persoa tiña como bens mobles un vehículo Ford EcoSport que foi
entregado, xa o pasado 7 de novembro, á congregación relixiosa que
xestiona o Hospital Asilo".
Diñeiro e produtos financieiros
O
alcalde seguiu a relatar que "no tocante ao diñeiro e aos produtos
financeiros que tiña, como accións, fondos de inversión, plans de
pensións, etc…, actualmente a cifra non está pechada a día de hoxe
porque mantemos unha discrepancia coa entidade financeira onde estaban
estes instrumentos financeiros, que ven motivada na diferenza de valor
de varios destes produtos entre o momento en que o Concello aceptou a
herdanza, que foi en xullo de 2019, e o momento en que o banco
efectivamente os puxo a disposición do Concello, que foi entre xuño e
xullo de 2020. Desde o Concello de Ribadeo e confiando, unha vez máis,
nos servizos xurídicos e económicos desta entidade, presentamos un
preito xudicial contra o banco por esa diferenza e esta situación vaise
dirimir nos próximos días no tocante a saber quen debe asumir esta
posible depreciación dalgúns dos seus valores".
Fernando Suárez indicou que "con todo, debemos dicir que, unha vez que o Concello tivo acceso efectivo ás contas e aos fondos, atendendo tamén ás indicacións, como sempre, da intervención municipal, decidiu liquidar todos os produtos financeiros de xeito inmediato, dado que as administracións públicas non podemos ter ao noso cargo produtos de renda variable que estean suxeitos ás flutuacións do mercado senón que só podemos traballar con investimentos en condicións de liquidez e de seguridade. Pois, unha vez liquidado os produtos correspondentes a estas accións, fondos de inversión e plans de pensións, a cifra efectiva foi de 591 195 euros, e este é o importe que hai seguro e o que se coñece a día de hoxe á espera do que ocorra no xulgado".
Custes asumidos que deben ir contra a herdanza
O
rexedor manifestou que "tamén debemos dicir que, segundo os técnicos
municipais, todos os gastos que a aceptación dunha herdanza xeren
deberán ir a beneficio de inventario, isto é deberán detraerse da
cantidade final efectiva. Neste caso, os diversos custos que obran tamén
no expediente, como o pagamento de rendas pendentes desta persoa no
apartamento no que vivía en Cataluña, o transporte dos enseres que alí
tiña para Ribadeo, os honorarios dos avogados, a notaría, o rexistro, as
taxacións dos inmobles, etc…, ascenden a unha cantidade de 22 972
euros".
Destino da herdanza: arranxo e adaptación do edificio do Hospital Asilo
Fernando
Suárez sinalou: "en canto ao destino da herdanza, dado que estamos
obrigados a cumprir a vontade desta persoa, vai ser o investimento de
todo este patrimonio na mellora, no arranxo e na adaptación do Hospital
Asilo, e por todo iso quixemos simultaneamente, en todo este tempo,
elaborar o proxecto técnico para adaptar ás normativas actuais o
edificio. Para iso, o técnico municipal cifra o conxunto das obras
necesarias en 1 500 000 euros, sen ter en conta o valor do mobiliario,
dado que será necesario instalalo novo despois da importante actuación
de modernización do edificio que se vai facer. Para iso, lévase varios
meses traballando e coordinando coa Consellería de Política Social para
que dea o visto e prace a este proxecto. Precisamente, no día de onte,
mantívose unha nova xuntanza técnica para ultimar os detalles deste
ambicioso proxecto".
O alcalde de Ribadeo declarou que "se fai evidente que as importantes cifras desta herdanza non son abondas para cubrir o custo das obras máis, a partir de agora, será cando outras administracións deberemos poñer enriba da mesa canto financiamento se poderá achegar para completar o necesario".
E engadiu: "finalmente, e non menos importante, tamén queremos recoñecer a vontade desta persoa que quixo que os aforros e os bens conseguidos na súa vida servisen para mellorar e para facer un entorno máis agradable na vida doutros moitos veciños e veciñas que un día foron del, a través da mellora do Hospital Asilo. Para iso, o Concello de Ribadeo faralle o recoñecemento público que merece o señor Francisco Moreda Pérez".
A esquela de F. Moreda, para saber (un pouco) máis:
Ningún comentario:
Publicar un comentario