20210517

Hernán Naval, referente de tanto, de tant@s. Suso López

 

Hernán Naval, referente de tanto, de tant@s.

    Hai toda unha xeración de ribadenses nados entre finais dos 70 e comezos dos 80 que nos criamos orfos e orfas de referentes do ámbito público e de carácter local que complementasen o noso proceso de desenvolvemento persoal máis aló do entorno familiar. Atrévome a dicir, incluso, que Ribadeo é, cando menos no remate do século XX e comezos do XXI, unha vila onde sempre escasearon os espellos do eido social ou político capaces de marcar o devir dun grupo amplo de mozas e mozos. Coma moito atopabamos na escola ou no instituto unha figura-guía que nos acompañaba no complexo e sempre arriscado tránsito da infancia á adolescencia e desta atè a idade adulta. Permítame, quen le, que aproveite estas liñas para agradecer, por tanto, a Mercedes de Esteiro, a Amparito, Encarnita Machado, Carlos Cid, Flor Núñez, Dolores ou Manolo (profe de Lingua e Literatura Castelà) que dende os primeiros anos da primaria e atè o bacharelato foron piares que axudaron a dar forma a quen hoxe escribe no persoal mais tamén no político se é que, como nos ensina a cotío o feminismo, hai diferenza entre un e outro espazo.

    É neste contexto onde a figura de Hernán Naval Parapar (Viveiro, 1962 – Ribadeo, 17 de maio de 2001) cobra plenitude pois foi quen de erixirse en mestre e referente persoal (o que ben sendo amigo), musical e político dunha ampla e diversa xeración de mozas e mozos (e outros que xa non o eran tanto) de Ribadeo e da contorna. Poucas batutas marcaron un compás vital tan determinante coma o que Hernán foi quen de marcar, nos pouco máis de dez anos que desenvoleu a súa actividade en Ribadeo, dende os atrís da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) que reviviu, á fronte da Escola de Música que pariu e consolidou ou dende os foros e espazos diversos (tamén as páxinas deste diario-[El Progreso, onde foi iniciamente publicado este artigo]) dende os que predicou, no sentido laico do vocablo, sobre cultura, lingua e país, as máis das veces, contra vento do nordés e mareas vivas.

    Militante da “música entendida coma un ben social”, como o definiu o xornalista Félix Soria, Hernán anticipábase ao que a pedagoga Ester Bonal sinala como obxetivo central da educación a través das artes: “reconstruír unha cidadanía capaz de traballar na deconstrucción de moitas das estructuras que contribúen á miseria deste mundo global, ao tempo que coida e fai medrar as súas grandezas”. Un repaso a esa década ampla na que Hernán estivo á fronte da Escola Municipal de Música e máis da Banda en Ribadeo evidencian o seu carácter de persoa avanzada ao seu tempo tanto no fondo (a ousadía, daquela, de impulsar unha banda de música de marcado carácter contemporáneo ou a posta en marcha dunha centro educativo musical pioneiro no país son exemplos) coma na forma (os programas de man dos concertos da Banda constitúen unha lección de historia, cultura musical ou coñecemento da realidade social do país de primeiro nivel).

    No mencer do dia das Letras Galegas de 2001, ao saber do seu pasamento, un sentimento de tristura e orfandade asolou a toda esa familia extensa que Hernán foi acubillando ao seu carón. “Resulta difícil enfiar unhas verbas neste día amargo, pór-lle palabras á tristura de todos cando un non é quen de atopá-las para se confortar a si mesmo”, expresaba Eduardo Gutiérrez (Lalo), exalcalde de Ribadeo e amigo de Hernán, poñendo palabras ao que tantas e tantos sentiamos.

    Vinte anos despois do seu pasamento, e coa dor da ausencia que non marcha, dá gusto ver como a Banda segue actuando ou como a Escola bate récords de matrícula ano tras ano exercendo un papel de institución educativa clave na vila. A este seu legado cómpre engadir o sentimento de orgullo, atrévome a dicir que unánime, de todas e todos cantos estivemos nalgún momento baixo a batuta de Hernán. Orgullo de ter formado parte da Banda ou da Escola, de ter coñecido a Hernán pero, por riba de todo, de aprender e medrar canda el. E aí, nesa lembranza aparece sempre o seu admirado Mario Benedetti quen, despedíndose do poeta salvadoreño Roque Dalton, escribiu: "Ahora recorro tramo a tramo nuestros muchos acuerdos y también nuestros pocos desacuerdos y siento que nos quedan diálogos inconclusos, recíprocas preguntas nunca dichas, malentendidos y bienentendidos que no podremos barajar de nuevo. Pero todo vuelve a adquirir su sentido si recuerdo tus ojos de muchacho que eran casi un abrazo, casi un dogma”.

Suso López Fernández foi membro da Banda e alumno da Escola entre 1993 e 2009

 

Ligazóns ó listado de entradas sobre Hernán (ata o momento):  

Hernán Naval, escritos e prensa VII

Hernán Naval, escritos e prensa VI  

Hernán Naval, escritos e prensa V  

Hernán Naval, escritos e prensa IV  

Hernán Naval, escritos e prensa III  

Hernán Naval, escritos e prensa II  

Hernán Naval, escritos e prensa I

Breve guía de referencia cronolóxica nos anos ribadenses

 

Ningún comentario: