20210524

Leal deslealdade

    Unha vez máis, escóitanse ecos de lealdade. Sexa para enfrontarse a un problema de estado ou para manter a cohesión interna nun partido, entre outras moitas posibilidades. Na boca duns, para reclamala, e doutros, para vendela (din 'ofrecela'), e entre ambos casos, tamén unha ampla gama de variedades.

   A cousa é que ó escoitar falar de lealdades hai tempo que tendo a sorrir de xeito irónico. A lealdade é vista como algo bo, soa ben, sen meterse na súa definición, nin no obxecto da lealdade, nin na forma de levala a cabo ou difundila. E coido que son tres pés fundamentais. Vexamos se non.

   A lealdade é definida domo a 'calidade de leal', sexa como sinónimo de fidelidade ou ben como honestidade e honradez. Non sei se por sorte ou desgraza, cando sae nas novas soe ser co significado do primeiro sinónimo. Honestidade e honradez son pouco consideradas, polo que se deixan aparte. E así, nese sentido, 'leal', defínese como 'que mantén unha firme actitude de apoio a outra persoa, a un ideal etc., e que non os traizoa nin abandona'. Ata aquí as definicións no dicionario da RAG. O caso é que cando alguén ofrece ou reclama lealdade está referíndose en xeral a iso, a manter 'unha firme actitude de apoio a outra persoa' ou grupo de persoas (por exemplo, o goberno), pero dende outra postura ideolóxica (é dicir, dende outras ideas non compartidas con quen ofrece/reclama. É dicir, por outra banda está traizoado (sendo desleal) ou pedindo traizón cun ideal. Iso, en canto á propia definición, sinxelamente aplicando a definición de lealdade.

   En canto ó obxecto da lealdade, coido que habería que ser conscientes dunha clasificación de categorías. Non é o mesmo ser leal a un goberno que selo a un pobo ou á humanidade, podendo tamén entrar en contradición ambas lealdades. E coido que está claro cal tería a preeminencia. Mais nestes tempos, reclámase ou ofértase lealdade ó mando, a quen manda, en plan amiguetes. E claro, isto ven moi a conto de como se pide ou se da a lealdade.

   Porque unha vez inconsciente sobre o que significa lealdade, e ninguneada a categoría do obxecto da lealdade, non importa moito o trato. Nin mesmo o feito de que a lealdade está -debera- fóra de tratos, non é -non debera ser- unha mercadoría que se oferta ou se reclama a cambio de contrapartidas noutros campos. Non é ese un caso de ‘firme actitude de apoio’, senón de ‘firme actitude de ganancia’. Fai falta que poña exemplos? Coido que, nos tempos que corren, hai abondos exemplos como para non ser necesario plasmar aquí un en concreto.

   E, máis aló deses tres pés, queda unha verba baleira e vapuleada. Amoral. Fóra dun sentido e dun contido. Unha deslealdade coa propia noción de lealidade, e non ó contrario, xa que estimo difícil ser leal coa deslealdade... 

   Mentres isto ocorra, revisa as túas lealdades.

Ningún comentario: