O edificio da Xunta do Principado de Asturias (Denis Soria, es.wikipedia.org, CC BY SA 3.0) e a ría de Ribadeo no OpenStreetMap |
PLENO DO PARLAMENTO DE ASTURIAS DO 27 DE NOVEMBRO DE 2019
RIA DEL EO VS RIA DE RIBADEO
Neste pleno o Grupo Parlamentario Popular presenta unha “Proposición No de Ley” (PNL) na que pide ao Goberno de Asturias “que recopile toda la documentación histórica acreditativa de la utilización inmemorial de la denominación Ría del Eo” para presentar ao Instituto Geográfico Nacional a proposta de que se equiparen ambas denominacións. A PNL foi aprobada por unanimidade.
Comentario: Suliñemos o termo “inmemorial”. Dicir “inmemorial” é recoñecer que non se coñecen –ou non existen- os documentos históricos que poderían acreditar a proposta. Pode usarse nos medios ou na literatura romántica, pero carece de rigor para unha PNL parlamentar.
Comeza o deputado do PP facendo unha introdución en galego-asturiano pero interrúmpeo un deputado do grupo VOX para declarar que non entende o galego e o propoñente segue falando en castelán. Esta parte é moi substanciosa, pero non podemos dedicarlle mais espazo (ver actas en “Junta General del Principado e Asturias. Publicaciones y Biblioteca”).
E mais adiante di: “El primer argumento, manido y convenientemente manipulado, es aquel que dice que la rías deben llevar el nombre de las poblaciones más importantes en sus orillas…”
Comentario: O substancial neste punto é a expresión “deben llevar”, como se este dato fose opinable ou subxectivo. Temos revisado a sección “Mapas antiguos Digitalizados” da Biblioteca Nacional. En total son 11 511 mapas, cartas e documentos dende 1574 ata 1970. En 62 aparece a denominación Ría de Rivadeo ou Ribadeo. A denominación “Ría del Eo” aparece en cero documentos. Mesmo revisamos os nomes de outras rías do Cantábrico e do Atlántico galego, atopando 275 documentos nos que se recolle a denominación de 1197 rías (moitas de elas repetidas). En 1192 casos presentan a denominación “Ría de … unha vila ou cidade”, por exemplo “Ría de Navia”. As poucas excepción xa son dabondo coñecidas: A Ría de Muros e Noia e a de Corme e Laxe (dúas vilas), a Ría de Arousa (unha bisbarra), a Ría de Tina Mayor e a de Tina menor (un monte). En ningún caso aparece unha denominación do tipo “Ría de … un rio”. Por non estendernos citaremos só outra fonte universitaria, o libro “Cartografía Histórica de Asturias” (Ed. Saltadora, Oviedo, 2008) do profesor da Universidade de Oviedo Juan Sevilla Alvarez. Este autor presenta 102 mapas de Asturias, ben sexa da totalidade da rexión ou de algunhas zonas. Destes 102 mapas hai 50 que abarcan ao occidente de Asturias ou zonas da costa galega. Destes 50 mapas (moitos deles moi antigos onde non aparece ningunha ría con esta denominación) en 19 aparece a “Ría de Ribadeo”, en un “R. de Ribadeo” e en outro “R.Eo”. En ningún caso aparece a fórmula “Ría del Eo”. Tampouco figura en ningún caso de “Ría de … un rio” como puidese ser “Ría del Nalón”.
Pero volvamos ao comezo deste comentario. A cuestión non é se as rías “deben levar” senon cal é o nome que levan. Como vemos nesta sinxela aportación documental todas as rías do Cantábrico e do Atlántico galego levan os nomes que xa coñecemos e dende finais do século XIX esténdese o uso de fórmulas alternativas, mesmo na fotografía, prensa, publicidade, etc. onde é doado atopar a “Ría del Eo”, “Ría de Castropol”, “Ría de As Figueiras” e mesmo en actas do parlamento asturiano temos atopado a expresión “Ría de Vegadeo”.
Deseguido, para reforzar a opinión anterior, o Sr. Deputado aporta a seguinte declaración: “Para muestra, las siguientes, aunque hay muchas más: en Cantabria, por ejemplo, la ría del Agüera no es la ría de Oriñón, en el País Vasco, la ría del Oria no es ría de Orio, la ría del Ea no es ría de Lekeitio, la ría del Urola no es la ría de Zumaya” .
Comentario: O Sr. Deputado non cita as fontes onde atopou esas denominacións, pero podemos dicir que coinciden, ao pe da letra, con algunhas das que aparecen na paxina 46 do folleto editado pola Consellería de Cultura do Principado de Asturias baixo o título “Ría del Eo. Informe y conclusiois” no mes de maio de 2007. Deste folleto xa comentamos algúns aspectos nunha entrega anterior. Aquí so imos suliñar dúas cuestións: Primeiro: Os autores deste informe non aportaron ningunha fonte referencial dos nomes de esas rías, polo tanto non hai ningún material obxectivo para contrastar ou debater. Segundo: Na nosa revisión dos 11 511 documentos citados da Biblioteca Nacional aparecen todas as rías que cita o Sr. Deputado referidas ás vilas ou cidades mais importantes. Por exemplo non aparece a “Ría de Agüera” en ningún documento senón a “Ría de Oriñón” polo menos en 18 mapas e así sucesivamente. Curiosamente o Sr. Deputado gárdase de citar algún exemplo de rías asturianas nas que se usa a cotío a denominación que defende para para a Ría de Ribadeo. Por exemplo a Ría del Nalón, no canto da Ría de Pravia ou a Ría del Sella por Ría de Ribadesella. En resumen pensamos que non se deberan usar os folletos turísticos para propoñer o cambio de unha denominación oficial.
Outro parágrafo interesante da proposición do Sr. Deputado é o seguinte: “Queda más que probado que no hay norma ni razón insalvable por la que la ría deba llamarse “de Ribadeo”; bien al contrario, son muchos los casos de rías que, como los propios ríos que las generan, llevan su nombre hasta desembocar en el mar”.
Comentario: Perdoe o lector que tivese a amabilidade de chegar ate aquí, pero non me queda mais remedio que insistir en que estamos tratando de unha intervención de un Sr. Deputado en un parlamento autonómico do estado español. Este representante do povo gaña uns substanciosos emolumentos por cumprir a súa inestimable misión e supónselle unha certa cultura xeral para desempeñar ese cargo. Pero presenta unha moción sobre o nome dunha ría e afirma sen despeitarse que as rías están xeradas polos ríos que nelas desembocan. Insisto en que unha cousa é “debater” nos mostradores ou nas redes sociais, ou mesmo producir emocionados versos ou cantares e outra moi distinta subirse a un estrado dun parlamento representativo dunha sociedade democrática. Se o Sr. Deputado e o seu grupo aínda non se enteraron do proceso xeolóxico da formación das rías do norte de España e veñen con argumentos tabernarios a defender unha proposición non de lei están poñendo sobre a mesa o verdadeiro trasfondo de este asunto: isto non é ningún problema de enfrontamento entre Asturias e Galicia ou entre Ribadeo e os concellos colindantes. Esta é unha cuestión de nivel cultural e por aí habería que empezar para enfrontar os gravísimos problemas de paro, crise económica, cambio climático etc. ao que se enfronta a sociedade actual. Pénseo ben a quen corresponda.
Deseguido o Sr Deputado refírese a unha suposta “imposición toponímica”.
Comentario: “Imposición toponímica” que ven como mínimo de 1550, como xa temos publicado en outras entregas. A mesma “imposición” que a ollada sesgada do Sr. Deputado non lle permite apreciar na Ría de Navia, na Ría de Avilés o una ría de Villaviciosa. Curioso pero xa se sabe que non mais cego que o que non quer ver.
Deixamos a cousa aquí polo de agora. Simplemente suliñar que a moción Sr. Deputado carece do mais mínimo rigor documental e non aporta nada substancial aos debates propios dos mostradores ou das redes sociais. Deportes respectables como pasatempos de lecer pero que, ao noso modesto entender, non deberan chegar aos estrados parlamentares.
Evaristo Lombardero Rico, 18 de Maio de 2021
A serie:
PLENO DO PARLAMENTO DE ASTURIAS DO 27 DE NOVEMBRO DE 2019. RIA DEL EO VS RIA DE RIBADEO.
A RIA DE RIBADEO vs Ría del Eo nas políticas do Principado de Asturias (II).
A RÍA DEL EO NA POLÍTICA DO PRINCIPADO DE ASTURIAS (I).
A RIA DEL EO NO CONCELLO DE RIBADEO.
--
O documento de certificación do nome da ría de 2008
Ningún comentario:
Publicar un comentario