20210511

Plenos (II)

   Como complemento á entrada anterior (plenos), apunto a continuación a única información que hai dispoñible sobre a herdanza de Moreda e o seu recorrido no concello, a que provén do propio concello mediante unha nota informativa, e a que ven do PP, a través de diversas canles. Comezo por esta última.

Nota de prensa PP:


Así o manifesta o voceiro popular tras obter información sobre a herdanza do doutor Moreda na comisión informativa previa ao pleno solicitado polo seu Grupo Municipal

Daniel Vega: “Tras unha iniciativa do noso Grupo Municipal comézase a falar dun tema que o BNG quería ocultar”

  • O noso Grupo Municipal é a voz que reivindica transparencia” porque “tódolos ribadenses temos dereito a saber desta herdanza, un tema fundamental para Ribadeo”, dixo Vega

  • Os técnicos informaron de que faltan moitos pasos por dar” e, polo tanto, “continuaremos a defender a creación dunha comisión de seguimento integrada polos técnicos municipais, representantes dos grupos da corporación, da familia e das distintas administracións ás que se lle pida financiamento”, afirma

  • O voceiro popular engade que “esta comisión debe ser tamén a encargada de organizar un acto de recoñecemento público a este filántropo por todo o que fixo por Ribadeo”

  • Vega reitera: “estou empeñado en buscar financiamento para conseguir completar o orzamento para levar a cabo as obras de mellora do noso asilo”

Ribadeo, a 11 de maio de 2021.- O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, explica que “se comeza a falar e poñer luz sobre un tema que o BNG quería ocultar”, en relación á herdanza que o doutor Moreda lle deixou ao Concello coa finalidade de mellorar o hospital asilo de Ribadeo. Trátase “dun tema fundamental para Ribadeo” e “o noso Grupo Municipal é a voz que reivindica transparencia” porque “tódolos ribadenses temos dereito a saber deste tema”.

Así o manifesta tras participar na comisión informativa previa ao pleno extraordinario solicitado polo Grupo Municipal Popular na que os técnicos municipais e o persoal implicado no estudo da herdanza explicaron todos os pasos dados ata o de agora e adiantaron que “faltan moito pasos importantes por dar” porque queda a celebración dun xuízo e a subasta do piso de Ribadeo.

Vega avanza que “no pleno extraordinario do vindeiro xoves seguiremos defendendo a constitución dunha comisión de seguimento para coñecer os pasos a seguir en relación á herdanza e aos proxectos para a mellora do asilo. E esta comisión ten que darlle cabida aos técnicos municipais que traballaron ata o de agora e seguen traballando sobre este asunto, aos distintos grupos da corporación municipal, aos representantes da familia e das distintas administracións”. A este respecto, subliña que “é responsable darlle cabida ás administracións ás que se lles pide aportación económica”. E, nesa liña, reitera que “estou empeñado en buscar financiamento para conseguir completar o orzamento preciso para levar a cabo as obras de mellora do noso asilo”.

Recoñecemento ao filántropo

Así mesmo, o voceiro popular engade que “esta comisión debe ser tamén a encargada de organizar un acto de recoñecemento público a este filántropo por todo o que fixo por Ribadeo e, concretamente, por mellorar a calidade de vida dos usuarios do hospital asilo”.

Gabinete de Comunicación

Nota do concello:

 

O CONCELLO PEDIRÁ APOIO A OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

Herdanza de Francisco Moreda

06/05/2021

No Concello de Ribadeo celebrarase unha comisión informativa da área social o vindeiro luns, 10 de maio, para dar conta aos grupos políticos da Corporación da herdanza aceptada de Francisco Moreda Pérez, co fin de destinala ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que "ese foi o desexo desa persoa e o equipo de goberno está empeñado en darlle un cambio positivo ao Hospital Asilo ao que se vai destinar toda esta herdanza".

Suárez Barcia dixo que "a proposta da Alcaldía convocamos para este luns unha comisión informativa da área social para que desde o goberno, acompañado tamén polos técnicos municipais, deamos conta aos representantes dos grupos políticos da Corporación do contido da herdanza aceptada do señor Francisco Moreda Pérez coa fin de destinala ao Hospital Asilo municipal de San Sebastián e San Lázaro, tal e como foi o desexo desta persoa. Será agora, neste momento e non outro, unha vez que puidemos determinar a magnitude da herdanza tanto de bens inmobles como doutros recursos económicos". 

O rexedor dixo que "máis aló desas intencións escuras de botar luz que pretende algún enredante popular, desde o goberno municipal preferimos actuar sempre de maneira clara e transparente coa responsabilidade que supón xestionar con determinación os recursos que alguén legou, cunha fin concreta, e polo que nos puxo nunha responsabilidade moi grande, e á que non queremos fallar máis aló do ruído mediático e interesado que por unha parte da oposición se poida facer".

O alcalde de Ribadeo engadiu que "estamos empeñados en darlle un cambio positivo ao Hospital Asilo, así o merece, e neste empeño utilizaremos toda esta herdanza, e o que non chegue dela, que pola magnitude das obras así será, pedirémoslle como sempre apoio a outras institucións. A ver se desta volta algunhas delas cumpren de verdade".

Ningún comentario: