20210615

2º aniversario da residencia de maiores de Ribadeo (a nova, a que está pedido que se chame José Mª Rodríguez)

   14 de xuño. Parece mentira... xa dous anos da residencia. Dous anos, de que? Se nos atemos á nota de prensa do concello (abaixo), non queda claro. Se repasamos ribadeando, atopamos con data 12 de xuño unha nota de prensa da Plataforma pro residencia na que se di que o venres seguinte (14 de xuño) ás 5 da tarde entrarían os primeiros oito residentes. Referíase á nota do concello do día 11 de xuño onde se daban os detalles da apertura, feito que é confirmado en nota de prensa do concello do día 14. E entón xa queda claro.

   Fago unha pequena introdución porque a nota de prensa que deixo abaixo coido que non recolle a historia máis que nunha versión particular. E é que se se comeza un parágrafo cun 'O rexedor lembrou que "tivemos que loitar contra a incomprensión da Xunta (...)' parece que o actor dese plural é a corporación municipal encabezada polo alcalde. Quen bote unha ollada ó recollido no blog sobre a residencia de maiores de Ribadeo, pedida pola Plataforma pro residencia encabezada por José Mª Rodríguez como persoa e pola AVV O Tesón como entidade que chamou a outras de todo o concello, sacará unha conclusión abondo diferente. E codio que a 'Historia de una epopeya felizmente concluída', un escrito de José Mª Rodríguez de hai máis de cinco anos, déixao claro expoñendo a sucesión de feitos. Asemade, o escrito-nota de prensa tampouco da fe dun compromiso incumprido de hai xa dous anos e medio, relativo ás alegacións presentadas ós documentos aprobados inicialmente no concello para o funcionamento da residencia.

   E agora si, despois destas lembranzas, pódese ver a 'nota de prensa do concello', comparar...

A foto que acompañaba á nota de prensa
As fotos que acompañaban ó presentado no muro das redes sociais polo alcalde:





A nota de prensa:

HOUBO MÚSICA, EXPOSICIÓN E XANTAR ESPECIAL NO DÍA DE HOXE

2º aniversario da residencia

14/06/2021

O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que a nova residencia de maiores de Ribadeo funciona moi ben e que é un orgullo para a localidade. Faino no segundo aniversario da súia posta en marcha. O rexedor sinalou que "agora toca facerlle fronte a outros desafíos como a reforma do Hospital Asilo". Suárez Barcia agarda que "a Xunta redima as súas penas e decida apoiar intensamente esta nobre actuación".

O alcalde ribadense dixo que "se cumpren nestes momentos dous anos desde que a nova residencia municipal de maiores de Ribadeo iniciase felizmente a súa nova andaina. Foran oito anos de traballo, de obxectivo teimudo e imperturbable de empeño en que Ribadeo tivese un novo centro residencial, posto que sempre houbo unha demanda social de máis prazas públicas en Ribadeo". 

O rexedor lembrou que "tivemos que loitar contra a incomprensión da Xunta, pois non vía necesario facer unha nova residencia en Ribadeo porque, como dicían naqueles momentos, non podía haber residencias en todos os sitios como atampouco podía haber polígonos industriais ou piscinas en todos os concellos. Contra todas as negativas daquela, contra todas as demoras e contra todas as faltas de compromiso dos responsables da Xunta daquel momento, fomos erguendo un parapeto, fomos facendo oídos xordos a esas voces que nos querían facernos resignar e fomos atopar o apoio, o compromiso e a defensa dos dereitos dos maiores, dos máis vulnerables, onde o atopamos sempre, na Deputación de Lugo". 

Fernando Suárez indicou que "foi esta institución a que nos axudou economicamente tanto na construción do inmoble como, o que se tornou case máis importante, que é a súa xestión, o seu mantemento e o seu control para converterse neste momento nun dos modelos de xestión máis notables dos que a lexislación vixente nos permite. É dicir, unha xestión pública e directa por parte de dúas administración, o Concello e a Deputación, para xestionar a vida, a longa vida diría eu, dos seus moradores, en número máximo de 48".

O alcalde manifestou: "quixemos, polo tanto, dar cumprimento a aquelas tres premisas, que sempre dicíamos, de ter unha nova residencia en Ribadeo, preferentemente para os de Ribadeo (sen prexuízo de coller a outros da comarca, por suposto) e a prezos asumibles para as súas rendas. Eu penso que este obxectivo conseguímolo. A residencia a día de hoxe funciona moi ben e é un orgullo para todo Ribadeo. Eu como alcalde agardo que esta celebración do segundo ano de funcionamento sexa un preludio de moitísimos anos máis de feliz estancia dos nosos maiores".

Suárez Barcia engadiu que "agora, como sempre, toca manter este reto, este soño colectivo feito realidade, do que nos sentimos moi orgullosos, pero tamén temos que facerlle fronte, agora tamén, a outros desafíos nos que estamos metidos como é, por exemplo, a mellora e a reforma do Hospital Asilo de Ribadeo. A ver se agora a Xunta de Galicia redime as súas penas e decide apoiar intensamente esta nobre actuación xa que non o fixo coa residencia. Habémolo ver en seguidiña".

Xunto aos usuarios e usuarias da nova residencia de maiores estiveron hoxe o alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire.

--

Nota de prensa da Plataforma pro residencia

Ningún comentario: