Ollo. Noel Feáns en Flickr. Lic. CC BY 2.0 |
Coido que o poñer fronte a nós un ou outro contido é algo que nos incumbe e no que podemos exercitar a nosa capacidade de elección voluntaria. Coido que si, pero tamén que cada vez é máis difícil o facelo: a enaxenación da propia vontade (é dicir, o quitárnola), ou a alienación (e dicir, o traslado desa capacidade a alguén alleo) intentadas de xeito constante por diversos medios, fai que pouco a pouco, pero cada vez máis, non sexamos conscientes desa perda de vontade ó tempo que nos é arrebatada.
Xa non se trata (non só), á antiga usanza, de que quen pon a noticia diante de nós está dirixindo a nosa atención e polo tanto, ten camiño feito para tentar levarnos por un ou outro carreiro (‘quen pon a pregunta dirixe a unha resposta’), sexa mercadotecnia comercial ou electoral. Á vista da tv moitas veces é difícil pensar noutra cousa que non sexa relacionada co que estás a ver, aínda que ese pensamento se centre en algo como 'que noxo de programa'. Pensas por ti mesmo, pero están a dirixir a túa atención con algún obxectivo, aínda que só sexa nunha primeira capa o procurar que te sintas divertir. E ese dirixir a atención predispón o pensamento. O teu. Así, quen é capaz de poñer as cousas no candeleiro, sexan as novas diarias no xornal ou nos noticieiros da televisión cun nesgo de noticias sobre un país ou un feito, ou a serie onde -mira que casualidade- os protagonistas teñen no baixo do seu edificio unha franquicia dunha cadea coñecida, ou o programa de comentarios culebrón machacón subxectivo onde non importan feitos ou razoamentos senón o coller unha idea e defendela fronte ó que sexa e como sexa... ten moito camiño adiantado para conseguir que o resultado ó que chegas pensando coa infraestrutura mental que te proporcionan sexa... a visión dende esa infraestrutura. Algo coñecido e non raro neste tempo. Pero algo que está xa obsoleto.
Agora trátase de facerte partícipe da propia defensa do que está a encadear as túas ideas. E é que, se logran que defendas unha idea unha vez, unha, queda como túa, ti mesmo a etiquetas como algo a defender. E é difícil cambiar para atacala, ou ter sinxelamente unha visión clara, se dende o primeiro momento a defendes sen pensar. E iso por moito que cha meteran de xeito inconsciente. E unha e outra vez... Sempre houbo algo diso, pero dende a ubicuidade das pantallas, e xa se sabe, ‘unha imaxe vale máis que mil palabras’, e a rapidez das comunicacións e a ‘resposta automática, sen pensar’, moito máis.
Mellor, aparta a vista da pantalla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario