De cara ó futuro, o transporte vai ligado á enerxía, mais non só: non é o mesmo a idea de transporte nunha gran cidade que nunha vila de poucos milleiros de habitantes, e menos aínda nunha zona rural de lugares illados.
Por poñer un caso: non contemplarán do mesmo xeito o cobro por uso de estradas un madrileño que xa hai moito fixo contas e viu que non lle compensaba ter coche para meterse en atascos (e non ter onde aparcar) nun Madrid ben comunicado con calquera parte de España, e cun transporte público que mal que ben vai cumprindo a súa misión, que un ribadense nun concello onde se queres ir á Coruña ou Santiago é mellor que collas o coche ou pagues unha estancia para pasar a noite alí porque sinxelamente hai días sen servizo de transporte público, e cando o hai, implica aterse a uns horarios que fan imposible unha xestión dun día. Ou se queres desprazarte a unha aldea e logo volver ó pobo. Así que, en Ribadeo, e non é dos peores lugares, nada de transporte público colectivo máis cómodo por non ter que preocuparte de conducir, e barato, e máis, moito máis, de custe individual (pero tamén social), contaminación aínda que quede difuminada no entorno, nivel de entrada (cartos e/ou carnet), etc... Menos servizo comunitario, menos posibilidade de relación e máis dependencia dos recursos individuais.
Nada que ver entre unha zona e outra, e iso que Ribadeo pobo, repito, non é unha zona especialmente desfavorecida en Galicia. Mentres, salvo en escasas decisións a parte do león en tempo de estudo e dedicación, ou en cartos, lévana as zonas urbanas. Atención, que non digo que estean sempre mal empregados eses recursos, nin que non sexan necesarios, nin aínda que en relación a algúns criterios non se ateñan á proporcionalidade. Digo que eses recursos escasean na zona rural. É dicir, a distribución dos recursos públicos (ou sexa, comunitarios xestionados polas institucións públicas) é unha cuestión de prioridades na que o campo non sae demasiado ben parado, mentres en consecuencia segue o despoboamento, increméntase a diferencia de riqueza medida segundo os patróns tradicionais, etc.
E así, mentres as cidades pensan xa na descarbonización ou están entrando no futuro experimentando con autobuses autónomos eléctricos, e os gobernos -que sempre se establecen en cidades- están a pensar en penalizar o uso das estradas ou o consumo de combustibles, as zonas afastadas ou con predominio rural viven a anguria da falta progresiva de comunicación a pesar de ser cada vez máis cara para elas. A comunicación telemática tamén, pero en xeral é máis visible no transporte. Algo que foi o pistoletazo de saída das revoltas dos chalecos amarelos en Francia e que en calquera momento pode disparar as protestas en terras máis achegadas. Porque mentres non sexamos capaces de facer comprender a quenes deciden que o abandono dunha grande parte do territorio, aínda con menos poboación, significa unha perda para todos -económica, demográfica, cultural...- seguiremos a ter menos liñas de autobús ou aínda menos de tren e a depender cada vez máis dos nosos propios medios de locomoción privada, illándonos do resto da xente e territorio, sendo cada vez menos comunidade.
A inversión en melloras e adaptacións do sistema de transportes públicos son parte das necesidades de transformación cara a un mundo sostible, e non só para enfrontármonos ó cambio climático, senón tamén para aproveitar mellor os recursos, parar o despoboamento rural ou sinxelamente, posibilitar a vida no e do campo.
---
Unha entrada anterior que vén ó caso: https://www.ribadeando.com/2019/07/reflexionando-sobre-o-transporte-na.html
1 comentario:
Unha lembranza ó caso: https://www.ribadeando.com/2019/07/reflexionando-sobre-o-transporte-na.html
Publicar un comentario