Hai un par de días que o concello presentou, e emitu unha nota de prensa sobre o tema da circulación das bicis, unha actuación para facer unha vía ciclable que pretende influír nas costumes, saúde e medio ambiente ribadense. Como se pode ver en baixo, na nota do concello, a presentación non foi con esas mesma verbas, pero así o interpreto eu: non se trata de incrementar os carrís bici que non hai, senón de facilitar o tránsito das bicis por determinados lugares. E a influenza pretendida, mentres non se consolide, non deixa de ser unha declaración de intencións.
Outra cousa é que no tema de circulación ciclista en Ribadeo pouco ou nada se teña avanzado dende hai máis de dez anos, cunha participación cidadá que despois non se considerou (ou apuntes meus do 2007, ou nota de O Tesón), e unha proposta de eixes ciclistas no núcleo urbano para facilitar o movemento en bici que aínda esperan mellores tempos, aínda sendo considerados daquela unha prioridade no tema ciclista. Daquela, e algo que se podería considerar hoxe de igual xeito, para facilitar a ida e vida ós centros de ensino, atendendo a un segmento de poboación con máis uso natural da bici e a unha educación cara ó uso futuro. Iso seguirá, e coido que tería máis rendemento que a habilitación do tráfico xa de por si con menor fluxo en todo tipo de vehículos, e máis centrado no lecer que no día a día en canto a bicis.
Adxunto as fotos que aparecen no Facebook do alcalde (unha delas tamén na nota de prensa), e un complemento ó que se refire o texto, pero que non aparece nos planos:
O INVESTIMENTO ASCENDERÁ A 320 000 EUROS
Actuación principal en relación ás bicis (non sae na nota de prensa)
Foto de propaganda |
A unión coa LU-P-5202, que non entra no plano anterior. Imaxe de OSM modificada. |
Carril-bici
12/06/2021O Concello de Ribadeo creará un carrill-bici entre o centro urbano da vila e o Faro de Illa Pancha. Este proxecto, encadrado nunha actuación mais ampla, consiste na adaptación como vía ciclista dun traxecto de catro quilómetros entre a praia dos Bloques e a zona do faro, bordeando a costa e discorrendo por lugares emblemáticos como O Cargadeiro e o Forte de San Damián. Incluirase tamén o aglomerado do tramo comprendido entre a praia de Rocas e o encontro coa estrada provincial LU-P-5202.
O alcalde, Fernando Suárez Barcia, e a deputada provincial de Mocidade e concelleira de Servizos Sociais e Obras, Mónica Freire Rancaño, xunto co resto de edís do goberno, deron conta este sábado do proxecto no que os servizos técnicos municipais traballaron nos últimos meses a fin de definir as actuacións necesarias para converter a vía existente nunha senda ciclable.
Segundo se recolle na memoria inicial, entre o Faro de Illa Pancha e o Forte de San Damián, habilitarase un carril-bici bidireccional de 2,50 metros de ancho mentres que no resto do traxecto se optará por harmonizar o paso de vehículos e bicicletas nunha vía de sección única de prioridade ciclista e limitada a 30 quilómetros por hora. O traxecto tamén será transitable a pé, por beirarrúas e pasos peonís.
No resto do traxecto, realizarase un aglomerado ata o encontro coa Avenida Calvo Sotelo coa creación dunha senda peonil, e habilitarase como bicirrúa ata a praia dos Bloques, ao longo do cal as bicicletas circularán xunto cos vehículos, pero con preferencia.
O proxecto mellorará as condicións de uso e seguridade dun espazo xa empregado pola veciñanza e en especial pola mocidade de Ribadeo para o paseo a pé e outras actividades físicas. Ademais, facilitará o uso da bicicleta para os desprazamentos entre as vivendas e o centro da vila, contribuíndo a unha mobilidade máis sostible desde o punto de vista ambiental e económico.
Fernando Suárez explicou que "a pandemia acentuou a sensibilidade social cara a esta forma de usar os espazos públicos, máis sostible, ecolóxica e saudable. Dende as institucións, temos a responsabilidade de crear as condicións e infraestruturas adecuadas para que estes novos hábitos e valores se consoliden". Ademais sinalou que "a senda ciclable será un reclamo turístico máis para Ribadeo nun momento de auxe do turismo activo".
O alcalde ribadense vinculou o proxecto "con outras actuacións que se están a levar a cabo desde o Concello para a mellora de espazos públicos, como as tarefas de limpeza e mantemento realizadas na Senda da Costa ou o acondicionamento da zona da antiga estación do tren mineiro de Vilaoudriz a Ribadeo, no corazón do centro urbano da vila".
Mónica Freire sinalou, pola súa banda, que "os modelos de cidades e de espazos nas vilas en harmonía coas persoas e coa veciñanza constitúen un obxectivo estratéxico de primeira magnitude no ámbito da mocidade xa que debemos ser capaces de inculcar uns valores de respecto na seguranza viaria entre peóns e condutores. Asinaremos un convenio inter administrativo, entre Deputación e Concello, para poder executar este investimento tan necesario canto antes".
A deputada de Mocidade engadiu tamén que "a través desta axuda da Área de Mocidade da Deputación queremos colaborar para que o Concello de Ribadeo siga avanzando no desenrolo do proxecto Ribadeo, Vila amiga das bicicletas, incrementando os quilómetros de sendas ciclables que conten cos estándares de seguridade para os ciclistas, dándolles prioridade fronte aos vehículos de motor, e ao mesmo tempo que fomentamos os hábitos de vida saudables, entendendo a saúde como benestar físico, moral e intelectual das persoas, incidindo no aproveitamento óptimo dos recursos públicos destinados á mocidade".
Pola súa parte, o edil de Medio Ambiente, Jorge Díaz, declarou que "este tipo de actuacións supoñen un acerto pleno, xa que dinamizan o emprazamento natural e idílico deste enclave e á súa vez da resposta a unha demanda da cidadanía para contar cun espazo onde ir en bicicleta, camiñar, pasear ou correr".
O Concello traballa no deseño do proxecto, que valora en 320 000 euros, co obxectivo de licitar as obras durante este ano e para o que contará coa axuda da Área de Mocidade da Deputación Provincial de Lugo, que comprometeu unha axuda de 250 000 euros, co que a institución provincial financiaría o 78% do custe e o Concello o 22% restante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario