Traballando, continuando, coido que dá unha idea mellor que dicir 'en loita'.
Hoxe houbo, unha vez máis, concentración arredor das pensións. Un curto tempo no que algo máis de 40 persoas lembraron a situación actual dun modelo de pensións atacado e atracado dende hai tempo. Como outras veces, Básaro leu un texto. Logo déronse outros avisos -haberá unha charla sobre a xestión dos centros de maiores na pandemia, asistencia á manifestación en Santiago o 27 de xuño por uns Servizos de Dependencia Públicos, Universais e de Calidade...-, e repartiuse en papel o documento 'Os plans de pensións de empresa: análise da Recomendación 16 do Pacto de Toledo', de Xabier Pérez Dávila / MODEPEN.
O texto lido:
Dun tempo para acá, falamos constantemente dos seguros privados de pensións, e moita xente pregúntase que coño nos importa a nós se xa estamos xubilados. E a verdade é que visto así, pode parecer certo, pero isto é como as cebolas, hal que ir sacándolle capas para entendelo. Unha das estratexias do neoliberalismo (o capitalismo sen controis que exercen algúns partidos), para que a poboación deixe de crer nun sector público eficaz e puxante consiste en abandonar o investimento nos diferentes estamentos públicos. Existen varios exemplos claros: a Sanidade, a Educación, e as Pensións.
Para demostrar que cando queren pásanse a Constitución polo forro miremos o que di o artigo 50 da Constitución española:
“Os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigacións familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.”
Desde fai moitos anos, a viabilidade do sistema público de pensións é cuestionada polos nosos gobernantes e cada certo tempo entra na axenda política, sendo debatida con moitísimos datos (para tolearnos) nos principais medios de comunicación. Según os políticos que apoian un sistema económico neoliberal cada vez máis estendido, que defenden a idea dun Estado máis pequeno no cal a empresa privada terá un peso cada vez maior e un poder cáseque absoluto, entre os principais problemas para o mantemento das pensións está un feito incuestionable, que a taxa de natalidade dos países avanzados permanece estancada desde finais do século pasado, o cal fai que menos persoas laboralmente activas traballen para máis persoas que xa non traballan e que cada vez van vivir máis tempo como dependentes do Estado de Benestar. Isto é certo, pero e unha media verdade, porque os partidarios do sistema neoliberal están mentindo cando nos din que o único modo de financiar as pensións públicas é mediante as cotizacións dos traballadores en activo. Isto é un engano, porque os Estados dispoñen doutros ingresos diferentes das achegas directas dos traballadores. No noso país, as pensións fináncianse, basicamente, mediante esas achegas, pero noutros países sufráganse tamén a través dos impostos ou doutros ingresos.
Por eso están a machacarnos con que a inviabilidade do sistema público de pensións fai necesario que contratemos un plan privado que sirva para complementar o futuro cobro dunha pensión. Pero en países como o noso existe unha enorme dificultade para que as clases traballadoras dediquen parte dos seus ingresos para contratar un plan privado de pensións; as dúas razóns principais son os baixos salarios e a precariedade laboral.
A falta de diñeiro para cubrir as necesidades dos Servizos públicos, malgástanse noutras cousas, a maioría das veces inservibles, pero como é malgasto político non está castigado, así nos loce o pelo.
A utilización dun recurso económico de maneira impropia ou non racional, é un despilfarro. Pero hai despilfarros que nos sangran a todos, como son os dos bens comúns e públicos, incluíndo os despilfarros dos recursos orzamentarios.
O contrario do despilfarro e a eficiencia, a eficacia e a ética na xestión. Pero estes criterios fallan. E cando non se respectan os principios da economía pública nin da ética na súa xestión, habería que aplicar o código penal. Así de claro. O despilfarro debería ser perseguible e debería esixirse como un deber social.
Na súa intervención no Congreso para presentar o informe do ano 2012, a Defensora do Pobo xa alertou da necesidade de tipificar como delito penal o "despilfarro" dos fondos públicos porque, dicía, "evitaría que se malgaste o diñeiro de todos, obtido polas Administracións públicas dos impostos que gravan a renda ou o consumo de millóns de persoas”. Con todo cando se aprobou a Lei de Transparencia, non se aproveitou a oportunidade de incorporar esta petición da Defensora do Pobo.
Está claro que non interesaba. Por estas razóns hai quen propón auditar a débeda. Non ó mellor para impagala, senón para analizar os motivos da súa emisión e poder explicar á sociedade que houbo un tempo no que uns señores con poder político abusaron da confianza dos seus votantes e gobernaron despilfarrando, endebedándonos, impoñendo recortes sociais cando a crise puxo de manifesto o desgoberno que estaban a realizar, porque esta crise puxo no seu sitio aos que nos arruinaron, Esperemos que a Xustiza (por se alguén cre nela), algún dia tamén os poña no seu sitio.
E recordade sempre que GOBERNE QUEN GOBERNE OS SERVIZOS PÚBLICOS DEFÉNDENSE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario