20210708

Antonio Rodríguez Darriba

   A través do Consello da Cultura Galega chego á biografía dun ilustre -pero abondo esquecido- ribadense, Antonio Rodríguez Darriba, feita ademáis por outro ribadense, Carlos Álvarez Lebredo

   Lembro que lle foi adicada unha rúa en Ribadeo, e como curiosidade que ós poucos anos de chegar eu a Ribadeo, me comentaron que non había moito tempo recibira unha carta da NASA para fichalo, sen dúbida por un erro de cálculo automático da idade ó nacer no século XIX. Pero, a falta de poder verificalo, deixémolo en contos. O que conta son os datos comprobables que achega Carlos Álvarez Lebredo.

   Despois de citar antes autoría e a continuación os créditos correspondentes (licenza copyleft), deixo unha copia da biografía no CCG:

"Álvarez Lebredo, Carlos ([2012], “Antonio Rodríguez Darriba”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 07/07/2021] [http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=326]) - de xeito equivalente, http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3404"

Antonio Rodríguez Darriba

Unha brillante traxectoria investigadora paralizada polo franquismo


 

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lugo 1899
  • Falecemento: Ribadeo (Lugo) 1995

 Estudou primaria en Ribadeo e comezou a secundaria no instituto de Lugo, pero no terceiro curso trasladouse a Ribadeo onde rematou o bacharelato. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago (1918-1925), fixo prácticas como alumno de Nóvoa Santos e Gil Casares. Entre 1925 e 1928 realizou o doutoramento na Universidad Central de Madrid e simultaneamente levou adiante a súa investigación clínica en diferentes departamentos. En 1926-27 no Laboratorio de Histología e Anatomía Patológica da Escuela de Veterinaria, dirixido polo Dr. Abelardo Gallego; en 1927 na sección de Bacteriología do Instituto de Higiene Alfonso XIII co Dr. Antonio Ruiz-Falcó; en outono de 1927 fixo un curso de ampliación de estudos na Clínica de Enfermedades Infecciosas do Hospital del Rey baixo a dirección do Dr. Antonio G. Tapia; e no curso 1927-28 investigou sobre as formas de involución do tripanosoma gambiense no coelliño, no Laboratorio de Bacteriología e Serología que tiña como responsable ao tamén galego Paulino Suárez Suárez.

Especialmente decisiva na carreira investigadora de Darriba foi a súa entrada no equipo de colaboradores do Dr. Gustavo Pittaluga, concretamente no campo da Parasitoloxía, en decembro de 1927. Nese equipo coincide coa tamén colaboradora Jimena Fernández de la Vega y Lombán, coa que traba amizade a partir daquel momento. En Madrid simultaneou a investigación coa docencia, pois o Dr. Ruiz-Falcó lle encargou impartir unhas leccións dentro do Curso de Anatomía Patolóxica e Bacterioloxía da Facultade de Medicina.

A través do Dr. Ramón Rodríguez Somoza, colega seu e discípulo de Cajal, e do seu amigo Vicente Loriente, entrou en contacto coa Institución Libre de Enseñanza. Animado polo Dr. Juan López Suárez solicitou e conseguiu en 1927 unha pensión por tres anos da Junta para Ampliación de Estudios. Con esta axuda, entre 1928 e 1931 realizou investigacións clínicas no tema que lle indicou o Dr. Pittaluga: Hematoloxía e Patoloxía Exótica no Instituto para as Enfermidades Tropicais de Hamburgo, baixo a dirección do Dr. Ernst Georg Nauck. Alí investigou sobre filariose co Dr. Friedrich Fülleborn. Este centro alemán era naquel momento a referencia en Europa nas investigacións de enfermidades transmitidas por insectos. Tras os tres anos da pensión, regresou o Dr. Darriba de Alemaña co Diploma de Medicina Tropical e Parasitoloxía Médica.

Ao comezar o ano 1932 foi destinado en Madrid no Laboratorio de Investigaciones Clínicas da Facultade de Medicina da Universidade e no Laboratorio do Instituto Nacional de Higiene Alfonso XIII, de onde o reclamou o seu director, Dr. Jorge Francisco Tello Muñoz, para que comezara a aplicar alí os coñecementos adquiridos en Hamburgo. A estancia en Madrid permítelle continuar o labor investigador no Laboratorio de Parasitología da Facultade de Medicina baixo a dirección do Dr. Pittaluga, daquela catedrático de Parasitoloxía e Patoloxía Tropical e máxima autoridade neses campos, especialmente en paludismo. A súa afección ao traballo investigador sobre o terreo, e non só no laboratorio, decidiuno a pedir unha bolsa para estudar a anquilostomiase (parasitismo intestinal) na provincia de Murcia, onde tiña unha gran incidencia; conviviu Darriba durante meses coa poboación afectada, analizando as súas enfermidades e as condicións de vida, hixiene e saúde. Esta investigación serviríalle despois para conformar a súa tese de doutoramento.

Esta foi a época máis fecunda do Dr. Darriba en canto á divulgación das súas investigacións. Leu a tese doutoral o 6 de novembro de 1935 (publicada ao ano seguinte); formou parte do Comité de Redacción da revista Medicina de los Países Cálidos, dirixida por Pittaluga, na que colaborou con varios traballos ademais de encargarse da recensión das publicacións recibidas, especialmente dos orixinais procedentes de Alemaña; e publicou na colección “Publicaciones Oficiales de la Comisión Permanente de Investigaciones Sanitarias”, da Dirección General de Sanidad de Madrid. Salientar o seu labor como tradutor de moitos traballos alemáns de investigación médica para a súa publicación en revistas científicas españolas da época. Entre as súas traducións destaca a Breve introdución a la entomología médica, de Erich Martini, daquela xefe de Enfermidades Tropicais do Hospital de Hamburgo e considerado o fundador da entomoloxía en Alemaña. Xunto ao propio Dr. Pittaluga, en 1936 comezou a poñer ao día unha obra deste investigador, o tratado Enfermedades de los países cálidos, que fora publicado por Calpe en 1924. Por estes tamén volveu de novo á docencia: no curso académico 1933-34 encargouse na Escuela Nacional de Sanidad dos Cursos de Parasitoloxía e Medicina Tropical que versaban sobre os Anquilostomas e a Filariose.

Durante os anos 1932-1936, nos que basicamente viviu en Madrid, ampliou o seu labor investigador con estancias fóra de España. No verán de 1933 foi reclamado polo seu coñecido Instituto de Enfermidades Tropicais de Hamburgo para impartir docencia de Helmintoloxía aos médicos alemáns e estranxeiros que se especializaban anualmente nese centro hamburgués. Investigou na Estación Hidrobiolóxica da cidade alemá de Plön (Schleswig-Holstein), na que se dedicou ao estudo das larvas cercarias. E en 1934 levou a cabo investigacións no Instituto Tropical de Liverpool sobre as transmisións endémicas do kala-azar (enfermidade negra), tema no que xa fora iniciado por Pittaluga.

Neste período madrileño contactou cos mozos da Residencia de Estudiantes, na que o Dr. Darriba pasaba os meses de verán. Tamén se relacionou cun grupo de mozos e intelectuais galegos que residían nesa capital e que adoitaban xuntarse na casa dos ribadenses irmáns Suárez Couto: Bouza Brey, Rof Carballo, Otero Espasandín, Xesús Bal ou García Sabell, entre outros.

Na primavera do ano 1936 foi reclamado pola prestixiosa empresa alemá Bayer para continuar o seu traballo investigador no departamento de Esquistosomiase dos laboratorios centrais de Colonia pero, segundo el mesmo afirmou, inquieto e preocupado polas circunstancias socio-políticas de Alemaña naquel momento, preferiu non marchar.

Durante a guerra civil española foi nomeado Director do Centro Secundario de Higiene de Lorca (outubro de 1936). En xullo de 1937 foi encargado de organizar a asistencia á poboación civil e refuxiados afectados de paludismo na retagarda das frontes bélicas de Andalucía, sur do Tajo e Extremadura. En Los Navalucillos (Toledo) dirixiu o Centro Antipalúdico do Hospital Militar para infecciosos. En 1938, logo de ser mobilizada a súa quinta, concedéronlle o grao de capitán do exército da República. Por estas datas ingresou no Laboratorio de Análises Clínicas do Exército, instalado no Instituto de Higiene.

Tras a guerra civil todo o equipo investigador ao que pertencía quedou desartellado: o doutor Pittaluga marchara para Cuba e varios dos seus colaboradores para México. Nestas circunstancias o Dr. Darriba decidiu regresar á casa familiar de Ribadeo onde iniciou unha nova orientación profesional como pediatra e médico especialista en análises clínicas, unha vez que se colexiou oficialmente en xaneiro de 1941. Froito das súas investigacións anteriores e do prestixio adquirido puido publicar aínda algúns traballos científicos que foron citados no prestixioso Tratado de Patología y Clínica médicas, de Pedro-Pons. Un opúsculo seu sobre “Lucha contra las moscas” mereceu unha mención honorífica da Sociedad Española de Higiene en 1942. En 1958 foi convidado a participar como membro fundador na Asociación Española de Biopatología Clínica.

A traxectoria profesional de Rodríguez Darriba é a dun investigador e institucionista, froito dunha política científica e racional, que viu truncado o seu labor a partir de 1939. El considerábase, por idade, compromiso e actitude profesional, participante da Xeración do 27, no apartado dos homes de ciencia. Formou parte dese enorme número de españois aos que podemos denominar “cerebros non fugados”, que sufriron as sancións e as decisións político-administrativas que adoptou contra eles o réxime saído da guerra civil e que os obrigou a afastarse completamente da súa anterior carreira investigadora, desaproveitando deste modo o traballo que desenvolvían e no que sobresaían antes desa data.

Bibliografía:

Fontes documentais:

Arquivo da Residencia de Estudiantes de Madrid / Junta para Ampliación de Estudios. Expediente personal 125/203.

Fontes impresas:

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1930): Contribución al estudio del gangulheterakis spumesa, Medicina de los Países Cálidos, Madrid.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1931): Esquistosomas. (Estado actual), Medicina de los Países Cálidos, Madrid.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1932): Sobre oxiuros, Madrid: Dirección General de Sanidad.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1933-1934): Sobre anquilostomiasis en la huerta de Murcia, 2 tomos, Madrid: Dirección General de Sanidad.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1935): Breve introducción a la Helmintología médica, Noticias médicas. Murcia.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1936): Parasitismo humano por protozoos intestinales en Murcia (capital) y su huerta, Tese de doutoramento, Madrid: Bolaños y Aguilar.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1936): Parasitismo humano por protozoos intestinales en Murcia, Madrid: Dirección General de Sanidad.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1942): Protozoosis intestinales humanas, Madrid: Ed. Morata.

Ademais deixou inéditos dous manuais: Entomología médica e Tratado de Paludismo.

Bibliografía secundaria:

PEDRO-PONS, A. (1950): Tratado de Patología y Clínica médica, Barcelona: Salvat. Tomo VI: “Enfermedades infecciosas. Intoxicaciones. Enfermedades profesionales y por agentes físicos”, capítulos dedicados a “Rickettsiosis humanas”, pp. 585 e ss., e a “Enfermedades producidas por protozoos”, pp. 678 e ss.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940) , Santiago: Universidade.

--

Outras ligazóns que poden resultar interesantes para esta e outras biografías: 

https://gl.wikipedia.org/wiki/Categor%C3%ADa:Personalidades_de_Galicia

http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/index.php

http://galegos.galiciadigital.com/

Ningún comentario: