20210719

Estou sen vacinar!

Estou sen vacinar!

   Hoxe atopei un coñecido que, a modo de saúdo, dime ‘estou sen vacinar!’. A conversa (el ten máis de 50 anos) pasou a desenvolverse máis ou menos nos seguintes termos:

- /Pois?

- O caso é que non teño móbil. Pasei polo Centro de Saúde varias veces, pero polo momento non teño vez. Vou agora alí por outra cousa, e volverei a tratar de conseguir unha cita para a vacinación. Non teño móbil e parece que non se lles ocorre que poden enviarme unha carta á casa.

- /Pois parece que a cousa vai ir a peor.

- Como?

- /Digo, que parece que o da conexión das administracións vai ir a peor, que cada vez vai ser máis difícil.

- Ah! Si, cada vez está peor.

    Seguiron aínda un par de breves intercambios, pero o fundamental estaba dito. Continuou cara ó Centro de Saúde co seu andar típico e a máscara negra en medio da rúa semi baleira e a ‘quinta vaga’ en boga.

    Non é a primeira vez que se me pasa pola cabeza o alleamento real causado polo achegamento dixital/telemático. Pero hoxe, este caso concreto, levoume a lialo con que este artigo estarás a lelo nun formato dixital. Raro será que o vexas en papel cando os lugares en que vai aparecer son páxinas na rede. Non sempre fago artigos ‘só dixital’, pero este si estaba previsto que o fose, xa antes de ter o tema.

    Volvendo ó coñecido, é unha persoa que dende hai tempo manexa internet, non é un negacionista dixital – tampouco antivirus - nin ninguén que viva no curuto dun monte apartado. Non, sinxelamente, non ten móbil. É dicir, non hai que procurarlle os tres pés ó gato, nin explicacións ad hoc. Non ten móbil. E punto. E hoxe, o móbil está incorporado ás necesidades sociais de diversos xeitos. Incorporado ás necesidades impostas, pero non ós servizos debidos. Tamén, de forma importante, esa imposición é cousa das administracións. En tempos, a imposición era ter un enderezo postal, unha ‘casa’ onde poder recibir comunicacións. Hoxe, é o móbil e o correo electrónico como base para conseguir o certificado dixital ou equivalente que te achegue ó tempo que te afasta da administración. Básico o depender das compañías de telecomunicacións, o mesmo que dos bancos: obrigado pagar impostos por vía bancaria, entre outras moitas cousas. E para unhas e outras, hai que desviar unha parte dos cartos do mes, obrigado pola regulamentación administrativa. Se non, estás fóra. Fóra da sociedade, pasas a ser infra, unha especie de infrapersoa que ve como outra xente – poucos – convértese polo contrario en supra, ‘clase supra’, suprapersoas por riba dos máis, mesmo por riba da lei na práctica.

    Como remate, esas ‘infrapersoas’ comparten xenes e humanidade (aínda que a algúns non llo pareza) coas ‘suprapersoas’ para as que parecen invisíbeis. E virus. E así dáse o paradoxo que por unha sinxela segregación social doutros que non poden protexerse, os uns poden contaxiarse e sufrir. Ó final, aínda que non nos decatemos, todos somos prexudicados por esas diferenzas que asoman en cousas creadas pola humanidade, como os cartos ou a tecnoloxía.

1 comentario:

Ángel de Olavide dixo...

Suma a los inadaptados digitales a los negacionistas y ya tienes el paquete completo de población no vacunada. Luego metes en la lista a los vacunados infectados como el señor alcalde o tus primos de visita en el pueblo. Por cierto estuve con el alcalde hablando en la calle durante un minuto. Con mascarillas los dos.... No se si entrar en confinamiento voluntario.
Que mundo este.