Placa conmemorativa da inauguración e árbores na terraza da Casa da ría de Ribadeo |
Ribadeo e o cultivo de plátanos
De todos é sabido: Galicia ten os ceos cubertos de nubes en maior proporción de tempo que outros lugares da península. Iso non impediu que un dos máis fecundos observatorios astronómicos de España tivera o seu asento en Lalín de man de Ramón Mª Aller, ou que o observatorio de Santiago fose o berce de descubrimentos en estrelas variables ou exoplanetas. Institución esta última que tivo algo que ver en xornadas de astronomía celebradas en Ribadeo hai unsanos, xornadas en contrato co concello e que custaron, se non me falla a memoria, preto de millón e medio das antigas pesetas. En Galicia, por contra, non sei de ningunha plantación de plátanos.
Ven a anterior introdución a que a comezos de mes -deixei pasar un tempo prudencial para non intervir en envites varios- atopo unha nova con título ‘Facer un observatorio astronómico en Ribadeo é como querer cultivar plátanos’, frase atribuída ó alcalde de Ribadeo. E claro, en Ribadeo hai (máis ben, había) un observatorio astronómico, e non plátanos. Era un observatorio modesto, cun telescopio da A. C. Xerfa nunha cúpula, a da Casa da Ría de Ribadeo, na que estaba por convenio co concello. A A. C. ten feito diversas actividades alí, de observacións a cursiños (coido que máis dun dos actuais representantes municipais pasou por alí), ata que sucederon dúas cousas: a cúpula comezou a funcionar mal por falta de mantemento e o concello subscribiu convenios coa universidade para facer o mesmo que nós facíamos con máis ‘nome’ e moitos máis cartos. Iso si, xa non usaron a cúpula co telescopio porque atraía máis xente o facer as observacións en plena praza de España (coido que con abondo peores condicións de observación que en Sta. Cruz).
Non pretendo aquí facer unha historia pormenorizada de todo o asunto nin entrar en filias e fobias (por exemplo, notarase que evitei poñer con quen se asinou o convenio para ter o telescopio alí ou cando se foi descoidando o funcionamento da cúpula), pero coido que, para ter unha visión algo máis completa, si se necesitan aínda algúns poucos datos máis.
A A.C. Xerfa foi creada para dinamizar as actividades extraescolares do daquela IES Porta da Auga, cousa á que no seu momento contribuíu, e abriu a Ribadeo actividades como as observacións astronómicas. O telescopio, bo para afeccionados, pero modesto para outros mesteres, ó ser construída a casa da ría (segue sen chamarse ‘casa da ría de Ribadeo’, pois ata o de agora enténdese ben) pasou de ser itinerante a ter sede alí, pero cun gran contratempo: para que encaixase, pedíusenos o sistema de anclaxe a terra. E aló foi e non volveu. Tempo despois de ser reclamado, decatámonos de que empregaran o tubo para encastralo na súa situación actual... co que non se pode usar noutro lugar, en contra do que se viña facendo, desprazalo segundo as circunstancias. Algo a engadir á dificultade de entrar tras ser cambiada a chave unha e outra vez, filtracións de auga, etc.
Como a óptica dos telescopios pouco a pouco deteriórase (a máis de que xa non abra a cúpula), para darlle un repaso e motorizalo, no seu momento foi pedida unha subvención á Asoc. Puente de los Santos. Foi denegada porque pretendíase que tiveramos alí alguén de xeito permanente para atender o local (non as observacións). Iso, cando ningún dos que manexábamos o tema estabamos a soldo do asociación, que case non contaba con entradas de cartos, e tendo pasado por alí pasaran varias persoas con becas ou contratos da Xunta, a veces a pares, pero por curtas tempadas, sen ter ‘dinamizado’ nin o ‘espazo museístico’ asociado nin outra cousa. Foi por aquelas datas cando se concederon subvencións como a concedida para a plantación de froitos silvestres, cuncha contía abondo superior á que era pedida por nós e que evaporouse sen chegar a plantarse nunha finca que fora arrendada ós Irmandiños.
En fin, na xa non tan curta historia dunha Casa da ría (inaugurada por Fraga o 5 de xuño de 2001), que é algo máis que a sede do telescopio, pódense anotar moitos máis detalles e con moito máis detalle. Só pretendo subliñar a valía en Ribadeo dun instrumento que levou tras si a non poucos turistas e nativos para un primeiro contacto co ceo nocturno, por moito que o seu estado actual diste de ser óptimo a pesar da fronda que se cultiva na terraza adxunta (que xa non é de primeira xeración, pois foi arrincada por min algunha vez).
Unha anécdota para rematar. Na inauguración, Fraga tirou escaleiras arriba e podo dicir que cheguei canda el por estar en forma, pois o resto da comitiva viña uns chanzos por tras. Nada máis chegar, preguntoume: e onde puliron as lentes? Contesteille que non o sabía (é un telescopio industrial, non feito ex profeso) por non enmendarlle a plana: é un telescopio tipo Newton, a óptica principal é un espello, non unha lente.
--
Ningún comentario:
Publicar un comentario