20210706

Un asasinato, cen concentracións

    Onte, en moitos punto de España -máis de cen, e só en Galicia máis de cincoenta- houbo concentracións pola morte de Samuel na fin de semana na Coruña, un crime homófobo. Cando xa levaba visto anunciadas unha lista de concentracións ó largo de Galicia, chegou a min tamén a convocatoria de Ribadeo. E houboa. Vaia que si. Máis aínda se pensamos que foi convocada a salto de mata. Chegará a cambiar sentementos e evitar asasinatos?

   A lista de concellos que tiñan convocada concentración en Galicia que me chegou pola mañá do luns: 

   A convocatoria de Ribadeo:
      Un par de fotos collidas do muro de Suso Fernández:

     A nota do concello a posteriori:

 


OS ASISTENTES GARDARON UN MINUTO DE SILENCIO

Por Samuel

05/07/2021

Varios centos de persoas secundaron en Ribadeo a concentración convocada ás oito da tarde en repulsa polo asasinato de Samuel Luiz, ocorrido na Coruña. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, dixo que non se entende ningún acto de violencia cara as persoas independentemente do seu sexo, raza, xénero e/ou orientación sexual.

Ás portas do Concello foi desplegada a bandeira do arco da vella e tras ela, ademais de veciñas e veciños de Ribadeo, situáronse representantes dos partidos políticos con representación na Corporación Municipal (PP, PSOE e BNG) co alcalde, Fernando Suárez, á cabeza.

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, tomou a palabra e dixo que "con motivo da conmemoración do 28 de xuño, Día internacional do Orgullo LGTBI, a Concellaría de Igualdade desenvolveu unha serie de actos para evidenciar que Ribadeo é unha vila que acolle e respecta a todas as persoas. Aproveitaramos dita efeméride para sensibilizar e concienciar as novas xeracións dos valores LGTBI ( lésbico, gai, trans, intersexual, queer) mediante unha serie de actividades de carácter lúdico. A educación e a transmisión destes valores é esencial para que esta sociedade mude".

A edil ribadense dixo: "e hoxe temos que concentrarnos para amosar a nosa máis enérxica repulsa cara o asasinato de Samuel. Matárono por ser como quería ser, como se sentía, porque cada quen debe vivir a súa identidade sexual desde a liberdade. A diversidade da sociedade é a nosa riqueza e non se entende ningún acto de violencia cara as persoas independentemente do seu sexo, raza, xénero e/ ou orientación sexual".

Álvarez Lastra engadiu: "desde o Concello de Ribadeo seguiremos reivindicando e traballando para garantir a diversidade, a liberdade e a expresión de todas as persoas no que atinxe a súa orientación, identidade e sexualidade. Condenamos os ataques homofóbicos, a LGTBFobia e todas as violencias que atenten contra a dignidade e integridade das persoas. Son accións impropias dun Estado democrático. Porque queremos vivir nun Ribadeo de cores, Ribadeo diverso sen violencias onde cada quen sexa como queira ser!! Grazas a todes por vir e contamos con todes vós nesta loita! Avanti o movemento LGTBIQ +!!".

Os asistentes gardaron un minuto de silencio por Samuel. O acto rematou cun extenso aplauso.

Ningún comentario: