20210804

BROTE DE COVID NA NOVA RESIDENCIA DA TERCEIRA EDADE DE RIBADEO. Evaristo Lombardero Rico

Pasquín para a manifestación da residencia.

 

 BROTE DE COVID NA NOVA RESIDENCIA DA TERCEIRA EDADE DE RIBADEO

O domingo, dia 1 de Agosto, pola tarde, os familiares dos usuarios foron informados de que había tres positivos entre as persoas internadas. O luns a Deputación deu unha nota “infomativa” sen crarexar nada máis e engadindo que “todo parece apuntar a que o contaxio podería estar relacionado cunha visita externa”. O luns púxose en circulación o bulo de que este contaxio podería estar en relación con outro exterior xa coñecido. Hoxe, mércores, os medios publican outra nota da Deputación ca “nova” de que ademais dos tres casos coñecidos está afectada unha persoa da equipa asistencial. Mentres tanto o Sr. Alcalde de Ribadeo cala como un afogado.

Obsérvese a forma sibilina e manipuladora de dar esta “información”. As preguntas do millón son as seguites: ¿Porqué se fixeron as probas ás persoas que resularon afectadas? ¿Cando se detectaron estes catro casos? ¿Cal foi o primeiro? ¿Cal é a responsabilidade dos xestores neste proceso?.

Véxase o paralelismo entre este brote e o que sucedeu na Residencia de San Sebastián e San Lázaro (antigo Asilo) no mes de decembro pasado. Daquela unha persoa non autorizada accedeu ás instalacións provocando (presumiblemente) perto de 30 contaxios dos que tres residentes resultaron falecidos. O mesmo que agora, agochouse cal foi o primeiro caso e según o Sr. Alcalde non había que facer caso da rumoroloxía. Ou sexa botar fume sobre os feitos para eludir calquer responsabilidade.

Pola outra banda en La Comarca del Eo do día 19 de Xunio o Sr. Alcalde de Ribadeo publicaba un artigo autolaudatorio celebrando os dous anos da nova residencia e de vagar esquecendo a laboura decisiva da Plataforma Pro Residencia e concretamente de José María Rodriguez (q.e.p.d.) na consecución de este servizo, sen a cal nunca se houbese chegado a conquerilo por razóns que son de sobras coñecidas. E nese mesmo artigo do Sr. Alcalde dice expresamente: “(…) unha xestión pública e directa por parte de duas administracións, o Concello e a Deputación, para xestionar a vida, a longa vida diría eu, dos seus moradores (…)”

A cuestión é moi sinxela: ¿Porqué, hai mes e medio, a xestión era do Concello e a Deputación e agora o Concello non ten nada que dicer cando hai catro persoas infectadas e claros indicios de neglixencia?.

A falla de información e o manexo partidista da mesma é unha constante dende o comezo deste goberno municipal. Mesmo a participación da veciñanza rexeitase sistemáticamente ata chegar a esquecer iniciativas tan determinantes como a xa citada da Plataforma Pro Residencia. O modelo recorda aquela práctica dos dictadores que borraban das fotos ás persoas que lles quitaban protagonismo ou resultaban molestas ou desafectas.

Para rematar lembraremos que nos tres últimos anos houbo varios intentos de constituir unha asociciación de familiares, usuarios e veciños para participar na xestión dos servizos sociais en Ribadeo e concretamente da nova Residencia da Terceira Edade sen que por parte do concello se dese nengún tipo de apoio e ainda ben se chegou a poñer dificultades. Na mesma línea temos proposto, en varias ocasións, a necesidade de crear un Consello de Saúde Municipal onde tivesen representación todas as asociacións e colectivos interesados para en primeiro lugar transmitir información, coordinar actividades, propoñer proxectos, etc. O novo brote de Covid-19 na Residencia da Terceira Edade e a falla e manipulación da información por parte dos xestores é un exemplo da prioridade deste obxectivo.

Evaristo Lombardero Rico

Ningún comentario: