20210817

Cada ribadense subvencionará con 15 € esta edición de Panchas


Cada ribadense subvencionará con 15 € esta edición de panchas

    Segundo a nota de prensa que se pode ver na web do concello, cada ribadense subvencionará con 15 € esta edición de Panchas, a máis da parte de inversión que necesitan as súas promoción e xestión (operativa e organización), segundo di a mesma nota. Os 15 € é a cantidade que resulta de dividir os 150 000 € de subvención a esta edición de panchas entres os 10 000 ribadenses. O retorno inmediato correspondente para o comercio local e hostalería será a ganancia deses eses 15 € unha vez gastados, mentres os propios 15 € son a ‘ganancia’ que vai a mans dos mercadores de panchas, que por suposto, tamén podemos ser os mesmos ribadenses. Naturalmente, se hai máis movemento económico a causa da existencia das panchas, tamén será unha ganancia para o pobo en conxunto, pero habería que amosar que as panchas representan un motor dun maior movemento. As subvencións non teño claro se diminúen ó non ser empregadas (se non son mercadas) todas as panchas, ou se non son executadas compras coa totalidade de panchas mercadas. En calquera cso, estimo que a diferencia sería marxinal pois as panchas esgótanse (esa é a experiencia de anos pasados) e quen as ten no peto quere usalas para beneficiarse da subvención correspondente, quedando máis como un elemento para xulgar o seu desenvolvemento que como algo de relevancia práctica nunha edición concreta.

    Non coñezo ningún estudo dos resultados de anos anteriores, máis aló de que as panchas se consumiran, o que ven a ser algo así como estimar o éxito da chamada ’moeda ribadense’ pola cantidade de cartos que ten que aportar cada ribadense. Así medido, o éxito aumenta de edición en edición. A repercusión na economía local do emprego das panchas pola multiplicación en cascada ó ser aplicadas as ganancias noutras compras sucesivas ou o efecto doutros gastos colaterais no pobo de xente que veña ‘gastar as panchas’, queda en meras especulacións por plausibles que semellen, e como tales, son dificilmente discutibles.

    O que si teño claro é que nesta edición, o ‘Panchapeto’ dixital supón unha innovación cualitativa que pode potenciar o seu uso. Mesmo podería potenciar, de estar o comercio ribadense preparado, o desenvolvemento do negocio dixital, algo que por falta de preparación non vexo posible polo momento. Por ser a primeira vez pode que teña un impacto limitado debido á aprendizaxe necesaria do seu uso, rendibilizándose ese saber usar en futuras edicións, que ninguén dubida que haberá con ou sen estudo de rendemento para Ribadeo da ‘moeda local’.

    As moedas locais teñen amosado nalgunhas circunstancias de desenvolvemento ser fonte de dinamización da economía, ao menos xa dende a experiencia en Wörgl (Austria) antes da segunda guerra mundial. Pero hai que poñer fincapé nas circunstancias, pois as características, aplicación ou xestión dunhas moedas non teñen nada que ver cos doutras, e a pancha non sei se chega a poder chamarse con propiedade ‘moeda local’.

   Así pois, aquí, cales son esas circunstancias?

Ningún comentario: